Johannes Brahms
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2015.) |
Johannes Brahms, nado en Hamburgo o 7 de maio de 1833 e finado en Viena o 3 de abril de 1897, foi un pianista e compositor alemán do romanticismo. Brahms é unha figura prominente da música do século XIX, quizais o último gran compositor clásico, é considerado a antítese de Wagner e Liszt. Trátase dun dos máis importantes músicos do romanticismo e é considerado por moitos como o "sucesor" de Beethoven, ata o punto de que a súa Primeira Sinfonía foi descrita por Hans von Bülow como a décima sinfonía de Beethoven.[1] Home ás veces difícil e intransixente, compuxo obras mestras en tódolos xéneros agás a ópera. As expresións Os tres bes ou A santa trindade (frase acuñada por Hans von Bülow) refírense a Bach, Beethoven e Brahms como tres dos maiores compositores da historia da música.[2] Algúns opinan, non obstante, que von Bülow incluíu a Brahms en dita "trindade" por despeito e para prexudicar a Wagner, con quen estaba enemistado dende que a súa dona o abandonou para casar co outro compositor.[3]
Brahms é frecuentemente considerado á vez tradicional e innovador. A súa música está firmemente enraizada nas estruturas e técnicas de composición dos mestres do barroco e do clasicismo. Era un mestre do contrapunto, a complexa e altamente disciplinada arte que fixo famoso a Johann Sebastian Bach, e do desenvolvemento, un ethos compositivo creado por Joseph Haydn, Wolfgang Amadeus Mozart, Ludwig van Beethoven, entre outros compositores. Brahms tivo como obxectivo honrar a "pureza" destas venerables estruturas "alemás" e avanzar nelas cara a un idioma romántico, no proceso de creación de novos enfoques para a harmonía e a melodía. Mentres que moitos contemporáneos atoparon a súa música demasiado académica, a súa contribución e artesanía teñen sido admiradas por figuras posteriores tan diversas como Arnold Schoenberg[4] ou Edward Elgar.[5]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezos
[editar | editar a fonte]Johannes Brahms naceu o 7 de maio de 1833 en Hamburgo, daquela pertencente á Confederación Xermánica, fillo do contrabaixista Johann Jakob Brahms (quen lle deu as súas primeiras leccións de música) e de Hersika Cristina Nissen. A unha idade temperá Brahms revelouse como pianista avantaxado, polo que, sendo aínda adolescente, contribuíu aos ingresos familiares cos cartos que gañaba impartindo clases, tocando o piano en restaurantes, bares e ata bordeis.
Brahms deu recitais de piano en público pero non tivo o éxito desexado, aínda que máis tarde tocaría el mesmo nas estreas dos seus dous Concertos para piano. Comezou a compor e durante un tempo tampouco conseguiu que o público mostrase interese polas súas obras. En 1853 realizou unha xira de concertos como acompañante do violinista húngaro Eduard Reményi. Durante a viaxe tivo ocasión de coñecer a Josehp Joachim, quen lle presentou a Robert Schumann. Este último, ademais de compositor era editor dunha revista prestixiosa de música, e atraeu a atención dos críticos e empresarios de música sobre o mozo Brahms, o que contribuíu notablemente a que este se convertese nun compositor coñecido e apreciado.
Aínda que a relación entre Robert Schumann e Brahms durou ata o fin dos días de Schumann, o vencello máis destacable foi o que tivo coa dona deste, Clara Schumann, unha pianista recoñecida naqueles momentos, compositora tamén e coa que estableceu unha longa e profunda amizade que tivo trazos de amor platónico. Brahms adoitaba presentarlle a Clara as súas obras antes de estrealas; moitas veces Clara Schumann foi a encargada de estrear algunhas das obras pianísticas de Johannes. Nunca se chegou a aclarar a relación entre ambos malia producirse un distanciamento do que non se coñecen os motivos.
Traslado a Viena
[editar | editar a fonte]En 1862 Brahms instalouse con carácter definitivo en Viena, onde se adicou por completo á composición. Durante case 30 anos compuxo obras musicais que chegaron a formar parte do repertorio esencial da música clásica romántica, e que xa durante a vida de Brahms foron acollidas moi favorablemente, de xeito que se lle considerou como un dos grandes compositores da súa época. O seu primeiro éxito importante tívoo con Ein deutsches Requiem, unha grande obra coral. A acollida dispensada polo público animouno a comezar a composición da súa Sinfonía nº 1, que tardou dez anos en escribir. Rematada en 1876, compuxo as súas outras tres sinfonías no transcurso dos oito anos seguintes.
Á idade de 57 anos Brahms decidiu abandonar a composición. Con todo, non foi consecuente coa súa decisión, xa que uns anos antes da súa morte compuxo aínda algunhas das súas mellores obras, como as dúas Sonatas para clarinete e as catro Cancións serias.
Moitos consideraron a Brahms como sucesor de Beethoven, e a súa primeira sinfonía foi alcumada décima sinfonía de Beethoven. Ademais das xa citadas obras, compuxo outras tamén moi apreciadas, como o Concerto para violín e diferentes Variacións, xénero que cultivou con especial mestría. Foi prolífico na composición de música de cámara e de pezas para piano só, así como de cancións.
Como a maioría dos compositores románticos, Brahms louvaba a Beethoven, quen exerceu unha marcada influencia nel. Pero tamén sentiu unha grande admiración polos grandes compositores da época clásica, Mozart e Haydn. Coleccionaba primeiras edicións das súas partituras e sinaturas, e ata editaba partituras das obras que se adoitaban representar. A súa identificación coa música do período clásico foi tanta que incorporou a moitos movementos das súas obras as formas daquela música. Por iso a Brahms considéraselle o máis clásico dos compositores románticos.
No seu traballo, Brahms foi un perfeccionista. Unha mostra diso é o feito de que tardase tantos anos en rematar a súa primeira sinfonía. Algúns expertos opinan que esa sinfonía en realidade non foi a primeira, xa que a primeira non chegou a saír á luz por non sentirse Brahms satisfeito con ela. O que é certo é que Brahms rachaba con certa frecuencia novas composicións que non estaban á altura das súas esixencias.
Brahms foi amante da natureza. Nos seus paseos polos bosques que rodean Viena levaba sempre lambetadas que repartía entre os nenos. Cara aos maiores era máis ben frío, aínda que os seus amigos o apreciaban sinceramente. Brahms nunca chegou a casar. Morreu aos 64 anos de idade en Viena, como consecuencia dun cancro de fígado. Foi considerado un compositor moi importante nesta época, un caso atípico nos músicos do seu tempo.
Obra
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Lista de composicións de Johannes Brahms.
Brahms combina o mellor dos estilos clásico e romántico. Rexeitou o uso superfluo de novos efectos harmónicos e cromatismos, a diferenza dos seus contemporáneos, e só os empregaba para resaltar os matices estruturais internos da obra. Ata 1873 Brahms escribira sobre todo música para piano, o instrumento que mellor coñecía, e para coro e orquestra. Entre as súas obras orquestrais atópase a Sinfonía nº 1 en dó menor, opus 68 (1876); a Sinfonía nº 2 en re maior, opus 73 (1877); a Abertura do festival académico, opus 80 (1880), que contén cancións de estudantes alemáns; a Abertura tráxica, opus 81 (1881); a Sinfonía nº 3 en fa maior, opus 90 (1883), e a Sinfonía nº 4 en mi menor, opus 98 (1885). Todas estas obras mostran unha estrutura moi complexa, herdada da tradición vienesa clásica.
Esforzouse máis ben por compor música de gran coherencia interna. Así pois, as súas mellores obras non conteñen engadidos innecesarios: cada tema, figura e modulación están anunciadas nas pasaxes precedentes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sigmund Gottfried Spaeth, At home with music (1971), p. 245
- ↑ David Mason Greene (2007). "Brahms, Johannes". Greene's biographical encyclopedia of composers. p. 695. ISBN 9780385142786.
Foi Bulow quen elevou a Brahms á santa trindade da música alemá, con J. S. Bach e Beethoven, "os tres B"
- ↑ M. Owen Lee (2007). University of Toronto Press, ed. Wagner and the wonder of art: an introduction to Die Meistersinger. G - Reference, Information and Interdisciplinary Subjects Series. p. 11. ISBN 9780802095732.
Hans von Bülow escribiu a un amigo “Non podes nin comezar a imaxinar a riqueza da súa música; un traballo artesanal como o de Cellini en cada detalle. Wagner é o máis grande compositor, facilmente á par de Beethoven e Bach, e aínda máis.” ... Máis tarde, logo de ter concedido o divorcio á súa dona Cosima para que puidera casar con Wagner, armou unha nova trindade. Acuñou a frase, aínda en uso, 'Bach, Beethoven, e Brahms'.
- ↑ Schoenberg eloxiou a Brahms nunha emisión de radio en 1933, posteriormente publicou un artigo titulado "Brahms o progresista" arquivado do [http://www.hr-online.de/website/rubriken/kultur/index.jsp?rubrik=50660&key=standard_document_38091598 orixinal o 4 de xuño de 2012
- ↑ (en inglés) MacDonald, Brahms (1990), p. 406
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Johannes Brahms |
A Galicitas posúe citas sobre: Johannes Brahms |