A zapateira prodixiosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «La zapatera prodigiosa»)

A zapateira prodixiosa
Margarida Xirgu, José Cañizares e Alejandro Máximo na estrea en 1931.
Autor/aFederico García Lorca
OrixeEspaña
Lingualingua castelá
editar datos en Wikidata ]

A zapateira prodixiosa (no orixinal en castelán La zapatera prodigiosa: farsa violenta en dos actos) é unha obra de teatro de Federico García Lorca estreada en 1930. Trátase dunha obra de perfil clásico inspirada no espírito feminino que, conforme se vai desenvolvendo, transfórmase nunha alegoría da alma humana.

Argumento[editar | editar a fonte]

O argumento xira en torno a un matrimonio por conveniencia e á loita dunha muller entre a súa realidade e os seus verdadeiros desexos. A obra tenta deixar en evidencia como o ser humano se debate entre o que lle presenta o destino e o que desexa desde o íntimo.

O Neno cóntalle á Zapateira que o seu home marchou por culpa de todo o que din dela na vila. É a única persoa da vila con quen se leva ben a Zapateira. Como non pode ter fillos propios, trátao como se fose o seu fillo.

A Zapateira ten que saír adiante traballando na taberna. O Alcalde da vila, quen estivo casado catro veces, segue falando mal dela, mais tamén lle bota gabanzas e proposicións. Tempo despois, un día chega á vila un monicrequeiro estranxeiro quen conta historias e entretén á xente. É o Zapateiro disfrazado, quen ao falar coa Zapateira decátase de que a quere e a bota de menos.

Mentres, na praza da vila dous homes pelexan e as Veciñas din que é por culpa da Zapateira. Os mozos quedan feridos por unha navalla e a xente acusa á Zapateira da grave pelexa. O Zapateiro acaba por quitar a máscara e pídelle perdón á Zapateira por abandonala. Ao final, reconcílianse.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Zapateira: É unha moza duns 18 anos. Viste de verde no primeiro acto e de vermello intenso no segundo. Ás veces parece antipática, mais é debido á súa infelicidade, e loita contra o que a rodea. Ao principio trata o seu marido con despeito, mais cando este marcha dáse de conta de que o ama.
  • Zapateiro: É un home de 53 anos. Non tivo outra esposa até casar coa Zapateira. Non lle gustan os escándalos, é pacífico e trata ben a súa muller, mais deixouse influír polos demais. Era rico e convencérono para casar. El cría que non amaba a Zapateira, mais dáse de conta de que si a quere.
  • Alcalde: É machista e brután, e fala con burla e retranca. Viste de azul escuro, gran capa e longa vara de mando rematada con cabos de prata. Estivo casado catro veces e bótalle gabanzas á zapateira.
  • O Neno: É doce e sincero. Quere á Zapateira e gústalle estar na súa casa. Esta dálle de merendar, xoga con el e faille agasallos. É a única persoa da vila con quen se leva ben a Zapateira e trátao coma se fose o seu fillo. É quen descobre ao Zapateiro disfrazado.
  • As Veciñas (Veciña Vermella, Veciña Morada, Veciña Negra, Veciña Verde, Veciña Amarela): Sempre están a rifar coa Zapateira e critican todo o que fai. Mesmo a culpan de que o seu marido marchase e de se mataren os dous mozos.

Outros personaxes: beata 1ª, beata 2ª, sancristán, o autor, don Mirlo, mozo da faixa, mozo do chapeu.

Representacións[editar | editar a fonte]

A obra foi estreada primeiro en Buenos Aires e despois no Teatro Español de Madrid o 24 de decembro de 1930, dirixida por Cipriano Rivas Cherif. O elenco desta primeira representación estivo formado por Margarita Xirgu (Zapateira), Alejandro Maximino (Zapateiro), Matilde Fernández (Neno), José Cañizares (Alcalde), Femando Porredón (Don Mirlo), Fernando Venegas (Mozo), Julia Pachelo, Mimí Muñoz e Pascuala Mesa (Veciñas).

Na década de 1930 volveuse interpretar en España en varias ocasións. A compañía de Lola Membrives representouna en 1935 no Teatro Coliseum de Madrid. O elenco incluíu a Helena Cortesina, Cándida Losada, Magda Rotger e Alejandro Maximino no mesmo papel.[1]

A obra non volveu aos escenarios até 1957, nunha sesión de teatro lido a cargo do Teatro Español Universitario (TEU).[2] Tres anos despois a familia de Lorca levantaba a prohibición de representar a súa obra en teatros comerciais en solo español. Así, autorizaron a posta en escena d'A zapateira prodixiosa no Teatro Eslava de Madrid, que se realizou o 22 de maio de 1960.[3]

En 1965 o director Alfredo Mañas levouna ao Teatro Marquina de Madrid, interpretada por Amparo Soler Leal e Guillermo Marín. O propio Mañas repetiu a montaxe 20 anos despois con Fernando Delgado e Laura García Lorca, sobriña do autor.[4]

En galego[editar | editar a fonte]

En 1999 o Centro Dramático Vilalbés representou unha versión en galego da obra dentro da XXI Mostra de Teatro de Vilalba.[5]

Inspiración[editar | editar a fonte]

Lorca inspirouse en Agustina González López «La Zapatera», natural do barrio granadino do Albaicín, para a protagonista da obra. Esta tamén lle serviu de inspiración para o personaxe de Amelia n'A casa de Bernarda Alba, xa que ela se facía chamar con este nome e con el asinaba os seus escritos.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Coliseum: "La zapatera prodigiosa"". ABC (en castelán) (Madrid: Vocento). 19 de marzo de 1935. p. 53. Consultado o 7 de febreiro de 2023. 
  2. "Brillante sesión de teatro leído". ABC (en castelán) (Vocento). 15 de decembro de 1957. Consultado o 7 de febreiro de 2023. 
  3. Castilla, Alberto (1999). "Diez años de teatro universitario en España y América (1958-1968)". En García Lorenzo, Luciano. Aproximación al teatro español universitario [TEU]. Anejos de Revista de literatura (46) (en castelán). Consejo Superior de Investigaciones Científicas. p. 242. ISBN 9788400078263. ISSN 0556-610X. 
  4. "'La zapatera prodigiosa' se estrena con la sobrina de García Lorca como protagonista". El País (en castelán) (Madrid: Prisa). 14 de marzo de 1985. Consultado o 7 de febreiro de 2023. 
  5. "Informe de literatura 1999" (PDF). CRPIH - Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Consultado o 7 de febreiro de 2023.  |capítulo= ignorado (Axuda)
  6. Girón Irueste, Fernando; Barranco Castillo, Enriqueta (2010). "Agustina González López, la Zapatera: escritora y política en la Granada de entreguerras". Andalucía en la historia (en castelán) (Fundación Centro de Estudios Andaluces) (29): 68–71. ISSN 1695-1956. Consultado o 7 de febreiro de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]