Maruxa (Vives)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Maruxa
FormaZarzuela (1914)
Ópera (1915)
Actos e escenas2 actos
Idioma orixinal do libretoCastelán
LibretistaLuis Pascual Frutos
Estrea28 de maio de 1914 (zarzuela)[1]
1 de maio de 1915 (ópera)[2]
Teatro da estreaTeatro de la Zarzuela (zarzuela)
Teatro Real (ópera)
Lugar da estreaMadrid, España
Música
CompositorAmadeu Vives

Maruxa é unha obra lírica do compositor catalán Amadeu Vives sobre un libreto en castelán de Luis Pascual Frutos. A obra foi concibida orixinalmente como zarzuela, sendo estreada no Teatro de la Zarzuela de Madrid o 28 de maio de 1914; posteriormente o compositor fixo unha revisión da obra, estreándose o 1 de maio de 1915 como ópera en 2 actos no Teatro Real da capital española.

Historia[editar | editar a fonte]

Inicialmente concibida como zarzuela, foi estreada no Teatro de la Zarzuela de Madrid o 28 de maio de 1914. A súa estrea como ópera tivo lugar no Teatro Real de Madrid o 1 de maio de 1915, mais non conseguiu a popularidade e os aplausos que tivo na súa forma orixinal.[2] Maruxa dou pulo á ópera española e percorreu todos os escenarios da península, entre eles o Teatro Novedades de Barcelona o 21 de setembro dese mesmo ano, no Tívoli e, en novembro, no Gran Teatre del Liceu.[3]

Segundo Emilio Carrere contou coa colaboración do músico galego José Losada, que segundo as súas palabras, "colaborou con Vives en Maruxa, e non tivo xamais nin Gloria nin cartos".[4] O triunfo de Maruxa foi clamoroso, dise que Vives, o día da estrea, saíu a ombreiros dun sector do público que asistiu á función. Battistini e Montessanti a levaron a Italia e ao Park Teather de Nova York. Grazas a Maruxa, Vives recibiu aplausos, homenaxes, festas e eloxios.[3]

En 1923 realizouse un filme mudo co mesmo título protagonizada por Florián Rey.

Se ben Maruxa é unha das máis coñecidas do repertorio zarzuelístico, esta ópera rara vez se representa na actualidade, aparecendo nas estatísticas de Operabase con tan só unha representación entre 2005 e 2010.[5]

Argumento[editar | editar a fonte]

Acto I[editar | editar a fonte]

Un prado na chaira galega.

A xove pastora Maruxa está coidando á súa ovella Linda, mentres canta o seu amor polo guapo pastor Pablo (Romanza: "Mírate en el espejo"). Cando chega Pablo, os dous cantan e bailan namorados (Dúo: "Con la aurora salió la zagaliña"). Aparece Rufo, vello capataz, e lles rifa por bicarse cando deberan estar a traballar. Os dous pastores mófanse amablemente del e cruzan o prado xuntos. Rufo está de mal humor, queixándose das obrigas que lle impoñen sen que ninguén llo agradeza (Coplas: "Golondrón").[6]

Aburrida da vida na cidade, a xove ama, Rosa, chega co seu primo Antonio. Discuten porque el considera que ela non lle fai caso; ao ver a Rufo, Antonio marcha. Antonio quere cortexar a Maruxa para darlle celos a Rosa, e esta quere que Rufo lle traia a Pablo porque é este quen lle gusta (Dúo: "Rufo, amigo"). Antes de que o capataz termine de discutir con ela, chega o propio Pablo co seu rabaño. Rosa non tarda en indagar sobre a súa vida amorosa, ofrecéndose habilmente a facerse pasar por Maruxa de xeito que el poida demostrar o seu ardor. O pastor, confundido, ao final permite que ela o bique apaixonadamente (Dúo: "Por nombre me pondré Maruxa"). Rufo os interrompe e Pablo marcha rapidamente. Rosa ordena a Rufo que vaia a buscar a Maruxa. Entra Maruxa, moi preocupada porque se lle perdeu a súa ovella Linda. Antonio e Rosa a consolan (Cuarteto: "Ay, por dios señorita"). Ao final, Rosa contrata a Maruxa como doncela, e os tres se van en dirección á mansión de Rosa. Ao pouco aparece Pablo, que rescatou a Linda dun barranco. Rufo ten que dicirlle que Maruxa marchou con Rosa, o que fai que Pablo se quede triste e cheo de dúbidas.[6]

Acto II[editar | editar a fonte]

Escena 1

No exterior da mansión de Rosa, por riba da chaira.

Logo dun preludio orquestral, Rufo está regando as plantas e as flores. Comproba que está a soas e tenta descifrar unha carta que lle deu Pablo para Maruxa. Entra a propia Maruxa con Antonio e Rosa, quen non perde tempo e lle quita a carta de Pablo ao capataz. A pastora non sabe ler. Antonio lelle a carta en alto, engadindo o seu propio brillo sofisticado ás simples pero sinceras palabras de Pablo. Pablo bótaa de menos e quere encontrarse con ela pola tarde, e Maruxa pídelle a Rosa que conteste no seu nome, sinalando a hora; así o fai a ama, mais cambiando a hora para que sexa ela e non Maruxa, a que se encontre con Pablo (Cuarteto da carta: "Cuarteto de la carta"). Rosa é tan apaixonada na súa resposta que acaba poñendo en evidencia a paixón que ela sente por Pablo. Quere romper a carta, mais non o consegue. Antes de que Rufo consiga entregar a resposta a Pablo, intervén Antonio para cambiar de novo a hora de xeito que sexa el, e non Pablo, quen se reúna con Maruxa. Entran un grupo de pastores e pastoras, celebrando o regreso da señora da casa cunha canción e un baile (Coro e danza de pastores: "Aunqu'a tua porta me poñan"). Cando marchan, estala unha tormenta (Intermedio).[6]

Escena 2

Nun momento posterior desa mesma tarde.

Pasou a treboada. Rufo, exasperado polo comportamento dos señores, volve con Pablo, levándoo a un lugar onde pode en segredo esperar a Maruxa. Cando Rufo marcha en busca de Maruxa, Pablo canta o seu amor pola pastora nunha Romanza Nocturna: "Aquí n'este sitio". Grazas a Rufo, Maruxa e Pablo teñen a súa cita e cantan a súa ledicia por estaren reunidos (Terceto: "Allí tienes a tu Pablo"). Cando os pastores marchan, aparecen entre as sombras Antonio e Rosa, disfrazados de pastores. Abrázanse na escuridade, cada un deles pensando que están con Maruxa e Pablo, respectivamente. Non se dan conta do acontecido ata que oen as voces de Maruxa e Pablo ao lonxe, baixando polo outeiro á luz da Lúa. Os enganosos primos danse conta de que perderon a súa presa. Antonio está avergonzado, mais Rosa reacciona con bágoas de rabia.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Operone.de". Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2014. Consultado o 17 de marzo de 2014. 
  2. 2,0 2,1 Opusmusica.com
  3. 3,0 3,1 Vallès Altés, Joan: Aproximació a la figura d'Amadeu Vives, ed. L'Abadia de Montserrat, 1998. ISBN 84-7826-922-3.
  4. Carrere, Emilio; Crónica y responso de los cafés desaparecidos, en ABC 24/03/1945 (Madrid) p. 3
  5. "Estatísticas de Amadeu Vives en Operabase". Consultado o 26 de abril de 2014. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 zarzuela.net (ed.). "Maruxa". Consultado o 24 de abril de 2014.