O Teatro Colón de Buenos Aires é un edificio cultural da capital arxentina, Buenos Aires, considerado un dos teatros máis grandes do mundo. Foi deseñado por Francesco Tamburini e Víctor Meano. Inaugurouse o 25 de maio de 1908 coa interpretación da Ópera Aida de Giuseppe Verdi. En novembro de 1989 foi declarado monumento histórico nacional (Decreto do Poder Executivo Nacional 1259/89).
Atópase situado na Praza Lavalle San Nicolás, no mesmo lugar onde se atopaba a Estación do Parque do Ferrocarril Oeste de Buenos Aires, cabeceira da primeira liña ferroviaria da Arxentina. Con capacidade para 3.000 persoas e nunha contorna de estilo ecléctico, mestura de neorrenacentismo italiano e de barroco francés, o deseño do teatro presenta unha rica decoración en dourado e escarlata. A cúpula mostra figuras pintadas polo recoñecido artista contemporáneo Raúl Soldi.
Dada a precaria situación económica arxentina, nos últimos anos o Teatro viviu horas de zozobra, sendo atacado por algúns sectores que cuestionaron o financiamento estatal do seu elevado orzamento. Desde o ano 2006 estase encarando unha remodelación integral da sala, polo cal a súa actividade será limitada e manterá as súas portas pechadas ata o 25 de maio de 2008, cando se proxecta reabrilo para o centenario da súa inauguración.