Giuseppe Verdi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Giuseppe Verdi
Verdi.jpg
Retrato de Verdi, por Giovanni Boldini (1886).
Nome completo Giuseppe Fortunino Francesco Verdi
Data de nacemento 10 de outubro de 1813
Lugar de nacemento Roncole, Busetto
Italia Italia
Data de falecemento 27 de xaneiro de 1901
Lugar de falecemento Milán
Italia Italia
Composicións máis destacadas comprende 626 opus, codificadas con un número do 1 o 626 precedido polo sufixo KV.
Premios Orde de Santo Estanislao
Parella/s Margherita Barezzi
Giuseppina Strepponi
Sinatura Giuseppe Verdi signature.svg

Giuseppe Fortunino Francesco Verdi, máis coñecido como Giuseppe Verdi (pronuncia italiana [d͡ʒuˈzɛppe ˈverdi] (AFI)), nado en Roncole (Busetto) o 10 de outubro de 1813 e finado en Milán o 27 de xaneiro de 1901, foi un compositor italiano. A súa obra supón a culminación de toda a tradición operística italiana. A súa obra e a súa persoa foron, ademais, un símbolo na loita pola unificación do país. Grande amante de Shakespeare, tres das súas obras (Macbeth, Otello ou Falstaff) están baseadas en obras do escritor inglés.

Tras uns irregulares inicios, Verdi alcanza madurez e popularidade na súa segunda etapa, e o seu afán por narrar con continuidade e precisión as historias vaino aproximando ás teorías de Richard Wagner. Rigoletto é un bufón dun nobre que ten unha dobre vida: facer rir a xente (pública) e protexer a súa filla (privada). En La traviata (baseada en A dama das camelias de Victor Hugo) estabelece unhas fondas relacións psicolóxicas entre os personaxes: Violeta Valéry (moza mantida) e Alfredo Germont (o seu namorado, un mozo da alta sociedade).
Foi un símbolo da unificación italiana, moitas das súas óperas tiñan un transfondo político, na estrea de Nabucco, cando os escravos hebreos cantaban o coro “Va pensiero” os asistentes identificáronos co pobo italiano dominado por Austria, o que provocou unha certa axitación. Berrar “Viva Verdi!” era berrar “Viva Vittorio Emmanuele Re DItalia!”.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación e primeiros anos[editar | editar a fonte]

Verdi nace en Roncole, unha pequena vila do ducado de Parma (que daquela formaba parte de Francia) próxima a Busetto, o 10 de outubro de 1813, fillo de Carlo Giuseppe Verdi e Luigia Uttini. Verdi aprende música e teclado, primeiro co cura da súa parroquia e despois, en Buseto, co organista da parroquia. Intentou despois continuar os seus estudos musicais no conservatorio de Milán, pero non foi admitido debido á súa idade. O Conservatorio chámase hoxe “Guisepe Verdi”.

Os comezos[editar | editar a fonte]

Casa coa filla do seu protector, Baressi, tiveron dous fillos, o maior faleceu xa de neno. Desprazáronse despois a Milán, onde Verdi quería facer carreira como autor de ópera na Scala. Pouco despois consegue que o editor da Scala lle confíe a música dunha ópera, que se estreará no ano 1839 co nome de Oberto, Conte di San Bonifacio, que consegue un certo éxito.

A negra sombra[editar | editar a fonte]

Isto fai que o editor lle confíe a música dunha ópera bufa (cómica) Un giorno di regno. Mentres compón esta ópera morren primeiro a seu fillo e despois a súa dona. A estrea, en 1840, resulta un absoluto fracaso. As desgrazas persoais sumadas ao fracaso profesional, levan a Verdi a unha depresión, xura non volver compor e, a pesares das ofertas do seu sogro e protector, vive, case na miseria, en Milán. Tras case dous anos nesta situación, o seu editor, Merelli, atópao, non sabemos se de forma casual. Quéixaselle de que ten un bo libreto pero que, non atopa quen lle poña música, entrégalle o libreto a Verdi pedíndolle que lle bote unha mirada

Nabucco[editar | editar a fonte]

Teatro da Scala, onde se estreou Nabucco.

Cando uns días despois Verdi, que se mantén na súa decisión de non volver a compor, vai devolver o libreto, o editor o bota do despacho e lle insiste en que o musique. En 1842 estréase Nabucco. Debido ás exixencias de Verdi de que se faga canto antes e que se poida contar cunha serie de cantantes de primeira fila do momento, entre eles Guiuseppina Strepponi, que será a segunda muller de Verdi, a estrea ten que facerse con decorados e vestiario reutilizados doutras óperas. A pesares diso, a obra é un enorme éxito desde o primeiro momento. Este primeiro gran éxito ten tres elementos que se van repetir en toda a carreira de Verdi:

  • Un estilo operístico propio que supón a culminación da tradición italiana da ópera.
  • A mestría nos coros: as partes da ópera pensadas para ser cantadas po un coro. Nesta ópera destaca o coro dos escravos, que comeza co Va pensiero su’ll alle dorate...
  • A significación política das óperas de Verdi: en tempos de revolucións e de loita pola unidade de Italia versos como O, mia terra, sì bela e perduta do Coro dos escravos tiña para o público un significado especial, que se repetirá noutras obras.

Papel de Verdi no Risorgimento[editar | editar a fonte]

Busto de Verdi diante do Teatro Massimo de Palermo.

Historiadores da música perpetuaron durante moito tempo un mito sobre o famoso coro "Va, pensiero" cantado no terceiro acto de Nabucco. O mito afirma que, cando o coro cantou "Va, pensiero" en Milán, nun momento no que boa parte de Italia se atopaba baixo o dominio austriaco, o público, respondendo con fervor nacionalista ao lamento dos escravos que perderan a súa patria, pediron un bis da peza. Como os bises foran exprésamente prohibidos polo goberno na época, tal xesto debía ter sido extremádamente significativo. Sen embargo, recentes estudos poñen este feito en entredito. Aínda que a o público pedíu bis, este non foi por "Va, pensiero" senón máis ben polo himnoImmenso Jehova, cantado polos escravos hebreos para agradecer a Deus que salvara ao seu pobo. Á luz destas novas revelacións, a posición de Verdi coma o buque insignia musical do Risorgimento ten minguado.[1] É interesante observar neste contexto que todas agás sete (as súas derradeiras óperas) foron creadas por Verdi cando Milán formaba parte do Imperio Austrohúngaro.

Por outra banda, durante os ensaios, os traballadores do teatro deixaron de facer o que estaban a facer durante o "Va, pensiero" e aplaudiron á conclusión da melodía[2] mentres que o crecemento da "identificación da música de Verdi co nacionalismo político italiano" é asociado nos seus inicios no verán de 1846 en relación co coro de Ernani no que o nome dunha dass súas personaxes, "Carlo", foi mudado polo de "Pio", unha referencia á concesión dunha amnistía por parte do papa Pío IX aos prisioneiros políticos.[3]

Logo da unificación de Italia en 1861, moitas das primeiras óperas de Verdi foron reinterpretadas como obras do Risorgimento con mensaxes ocultos que prováblemente non foran pensados polo compositor ou o libretista. Comezando en Nápoles en 1859 e espallándose por toda Italia, o lema "Viva VERDI" foi empregado como acrónimo de Viva Vittorio Emanuele Re D'Italia (Viva Vittorio Emmanuele Rei de Italia), referido a Vittorio Emmanuele II, daquela rei de Sardeña.[4][5]

O coro "Va, pensiero" ten outra aparición no folklore de Verdi. Antes de que o corpo de Verdi fóra conducido do cemiterio ao funeral oficial e ao seu lugar de descanso final na Casa di Riposo per Musicisti, Arturo Toscanini dirixiu un coro de 820 cantantes interpretando o "Va, pensiero". Na Casa, foi cantado o "Miserere" de Il trovatore.[6]

Verdi foi elixido como membro da Cámara dos Deputados en 1861 a raíz dunha petición do Primeiro Ministro Camillo Benso mais renunciou ao cargo en 1865.[7] En 1874 foi nomeado Senador do Reino polo rei Vittore Emmanuele II.

Estilo[editar | editar a fonte]

Os predecesores que influíron musicalmente a Verdi foron Gioachino Rossini, Vincenzo Bellini, Giacomo Meyerbeer e, mais notablemente, Gaetano Donizetti e Saverio Mercadante. Coa excepción de Otello e Aida, que teñen influencias de Richard Wagner. Mesmo tendo moito respecto por Charles Gounod, Verdi tivo moito coidado en non aprender nada do compositor francés, a quen os seus contemporáneos denominaron o maior compositor aínda vivo. Algunhas partes de Aida semellan ter unha familiaridade superficial co compositor ruso Mikhail Glinka, a quen Franz Liszt, logo da súa xira polo Imperio Ruso, popularizou en Europa Oriental.

Ao longo de toda a súa carreira, Verdi raramente empregou o Do agudo da tesitura dos tenores, citando que o feito de que o tenor teña que cantar esta nota en particular diante do público distrae ao cantante antes e despois da aparición da nota. Sen embargo, compuxo un aria co Do agudo para Duprez en Jérusalem e para Tamberlick na versión orixinal de La forza del destino. O Do agudo, adoita escoitarse na aria "Di quella pira" de Il trovatore que non aparecía na partitura de Verdi.

Algúns críticos afirman que non prestou atención aos aspectos técnicos da composición nas súas obras. O mesmo Verdi dixo: "De todos os compositores do pasado e do presente, eu sou o que menos aprendeu". Apresurouse a dicir, sen embargo: "Dígoo en serio, e por aprender non me refiro ao coñecemento da música".

Sen embargo, sería incorreto supoñer que Verdi subestimou o poder expresivo da orquestra ou fallou en empregala con toda a súa capacidade cando era preciso. Por outra banda, as innovacións orquestrais e contrapuntísticas son características do seu estilo: por exemplo, as cordas producen unha rápida escala ascendente na escena de Monterone en Rigoletto para acentuar o drama e, na mesma ópera, coro tarareando seis notas fóra de escena retrata, moi eficazmente, o xemido ominoso da tempestade que se achega. As innovacións de Verdi son tan distintivas que outros compositores non as empregan, senón que seguen a ser, a día de hoxe, unha das sinaturas de Verdi.

Verdi foi un dos primeiros compositores que procuraron pacientemente seus talentos particulares. Traballou xunto cos seus libretistas e a expresión dramática foi seu forte. Asegurouse de que o traballo inicial sobre o que se baseaba o libreto fora desposuído de tódolos detalles "innecesarios" e participantes "superfluos", e só se mantiveran as personaxes cheas de paixón e as escenas ricas en drama.

Moitas das súas óperas, especialmente as de 1851 en diante, son exemplos do repertorio básico. Ningún outro compositor de ópera italiana conseguiu igualar a Verdi en popularidade, coa posible excepción de Giacomo Puccini.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Casini, Claudio Verdi, Milan: Rusconi, 1982
  2. Phillips-Matz, p. 116
  3. Phillips-Matz, pp. 188–191
  4. Parker, in Grove Music Online
  5. Budden, Vol. 3, p. 80
  6. Phillips-Matz, p. 765
  7. "Giuseppe Verdi politico e deputato, Cavour, il Risorgimento" on liberalsocialisti.org (en italiano)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Giuseppe Verdi

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]