Kristin Otto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Kristin Otto
Bundesarchiv Bild 183-1982-0804-030, Kristin Otto.jpg
Nacemento7 de febreiro de 1966
 Leipzig
NacionalidadeAlemaña e República Democrática Alemá
Ocupaciónnadador e xornalista
PremiosOrden de karl Marx, Patriotic Order of Merit in gold e Star of People's Friendship
editar datos en Wikidata ]

Kristin Otto, nada en Leipzig o 7 de febreiro de 1966,[1] é unha campioa olímpica de natación alemá. É célebre por ser a primeira muller que gañou seis medallas de ouro nuns únicos Xogos Olímpicos, facéndoo nos Xogos Olímpicos de Seúl de 1988.[2][3] En piscinas longas logrou marcas mundiais nos 100 e nos 200 metros libres. Otto foi tamén a primeira muller que nadou os 100 metros de costas en piscina curta en menos dun minuto,[2] lográndoo na reunión internacional da Universidade de Indiana en 1983.[4]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Otto naceu en Leipzig, Bezirk Leipzig (na actualidade Saxonia), e comezou a nadar aos once anos, adestrando na academia deportiva de Alemaña Oriental. Con dezaseis anos, participou nos seus primeiros campionatos do mundo, en 1982, gañando a medalla de ouro nos 100 metros de costas, ademais de outras dúas medallas de ouro co relevo 4×100 m do equipo alemán oriental.

Despois de 1982, Otto cambiou de adestrador e comezou a concentrarse noutros estilos. Nos seguintes campionatos europeos de 1983 acabou segunda nos 100 metros libres, trala súa compatriota Birgit Meineke.

En 1984, Otto estableceu a marca mundial nos 200 metros libres. Esperábase que gañase as medallas de ouro nos xogos dos Ánxeles 1984, mais non puido competir debido ao boicot de catorce países do bloque oriental, incluída Alemaña Oriental. En 1985 fracturouse unha vértebra, o que a mantivo fóra da competición durante a maior parte do ano e provocou que non acudise aos campionatos europeos. En outubro de 1986, recibiu a Estrela da Amizade Popular de ouro (segunda clase) polo seu éxito deportivo.[5]

Otto volveu a competir en natación nos campionatos do mundo de 1986 celebrados en Madrid, nos que gañou catro medallas de ouro (100 m libres, 200 m estilos individual, 4×100 m relevos estilos e 4×100 m relevos libres) e dúas medallas de prata (50 m libres, 100 m bolboreta). O seu éxito continuou o ano seguinte nos campionatos europeos de 1987, en que gañou cinco medallas de ouro.

Nos xogos de Seúl 1988 de novo era a favorita para gañar o ouro. Gañou seis medallas de ouro, ademais de establecer marcas olímpicas nos 50 m libres e nos 100 m bolboreta.[1][6]

Otto retirouse da natación en 1989.[7] Logo traballou como reporteira de deportes na televisión alemá.

A carreira de Otto foi danada polas revelacións sobre o uso de drogas para mellorar os resultados por parte de deportistas de Alemaña Oriental: a súa ex compañeira de equipo Petra Schneider admitiu abertamente que usara substancias prohibidas. Non obstante, Otto afirmou que ela non era consciente de estar sendo dopada e que pasara todas as probas de dopaxe durante a competición, dicindo: "As medallas son o único recordatorio do duro que traballei. Non era todo drogas".[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Kubatko, Justin. "Kristin Otto Biography and Olympic Results". Olympics at Sports-Reference.com. Sports Reference LLC. Consultado o 3 de xullo de 2010. 
  2. 2,0 2,1 "Otto, Kristin." Chambers Biographical Dictionary. Londres: Chambers Harrap, 2007. Credo Reference. Web. 2 de xullo de 2011.
  3. "1988." The Hutchinson Chronology of World History. Abington: Helicon, 2010. Credo Reference. Web. 2 de xullo de 2011.
  4. "Swim Mark for East German". The New York Times. 9 de xaneiro de 1983. p. A3. 
  5. "Hohe staatliche Auszeichnungen verliehen" [Awarded high state awards]. Neues Deutschland (en alemán) 42 (243). 15 de outubro de 1986. p. 6. Consultado o 23 de setembro de 2018. (require rexistro (?)). 
  6. "Swimming and Diving-Women." World Almanac & Book of Facts (2008): 868–869. Academic Search Premier. EBSCO. Web. 2 de xullo de 2011.
  7. "Swimmer to Retire". The New York Times (Nova York: NYTC). 19 de novembro de 1989. ISSN 0362-4331. Consultado o 3 de xullo de 2011. 
  8. Lord, Craig (7 de marzo de 2006). Germans bid to purge themselves from their doping past. The Times. Consultado o 9 de abril de 2009.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]