Julio Álvarez del Vayo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Julio Álvarez del Vayo
Soldiers being rewarded after the Battle of the Ebro.jpg
Nacemento9 de febreiro de 1891
Lugar de nacementoVillaviciosa de Odón
Falecemento3 de marzo de 1975 e 3 de maio de 1975
Lugar de falecementoXenebra
CausaInsuficiencia cardíaca
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Madrid
Ocupaciónpolítico, xornalista, diplomático, escritor e xurista
editar datos en Wikidata ]

Julio Álvarez del Vayo y Olloqui, nado en Villaviciosa de Odón o 9 de febreiro de 1891[1][2] e finado en Xenebra o 3 de maio de 1975,[1] foi un xurista, xornalista, diplomático e político español.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Licenciado en Dereito pola Universidade de Madrid, doutorouse na Universidade de Valladolid e ampliou os seus estudos na London School of Economics e despois na Universidade de Leipzig.[2] Durante este tempo, en Londres, afiliouse ao Partido Socialista Obreiro Español e opúxose á colaboración do mesmo coa ditadura de Primo de Rivera.

Antes de iniciar a súa carreira política estivo de correspondente para varios diarios -entre eles La Nación da Arxentina, Le Figaro de París, El Liberal e El Sol de España[1] e The Guardian do Reino Unido- nos Estados Unidos e Europa, cubrindo a Primeira Guerra Mundial. Tamén viaxou á Unión Soviética, cuxos recordos puxo por escrito en La nueva Rusia e La senda roja.

Ao proclamarse a Segunda República, primeiro serviu como embaixador en México (1931-1933)[2][3] recibindo a Banda da Orde da República (11 de xaneiro de 1933) como recoñecemento ao labor realizado.[4] Ese mesmo ano, foi elixido deputado ao Congreso, cargo que revalidou nas eleccións xerais de 1936.[4]

Guerra civil[editar | editar a fonte]

Ao estourar a guerra civil, foi elixido por dúas ocasións Ministro de Estado: de setembro de 1936 a maio de 1937,[3] substituíndo a Augusto Barcia Trelles, e ao final da guerra, de abril de 1938 a marzo de 1939.[3] No seu labor como Ministro tratou de evitar o boicot cara ao goberno da República facendo ver que a Alemaña nazi e a Italia fascista non respectaban os acordos da Sociedade de Nacións.[5] Tratou igualmente de convencer a Neville Chamberlain das consecuencias que tería o Comité de Non Intervención e negociou con Stalin o envío de subministracións bélicas na guerra. Favoreceu tamén a creación das Juventudes Socialistas Unificadas (JSU). Tralo primeiro nomeamento como Ministro de Estado, en outubro de 1936, foi nomeado Comisionado Xeral de Guerra, cargo no que o seu papel foi moi discutido pois nomeou a centos de comisionados comunistas, aparentemente, sen a autorización de Largo Caballero. Posteriormente, anulou os nomeamentos mais a relación con Largo Caballero deteriorouse até o punto de que, este, nas súas memorias, o acusou de axente comunista.[6] Tamén como ministro, ténselle criticado algunha decisión como pretender eliminar o dereito de asilo das embaixadas estranxeiras á poboación que se refuxiaba nelas, modificando a política do seu antecesor Augusto Barcia. finalmente, a presión internacional obrigouno a manter o dereito e, posteriormente, permitir a evacuación dos refuxiados.[7]

Fiel a Largo Caballero durante un tempo, foi partidario da resistencia fronte ás tropas sublevadas. Ao caer o goberno de Largo Caballero, foi substituído no ministerio por José Giral, mais volveuno recuperar co segundo goberno de Juan Negrín e permaneceu nel até o final da guerra. Trala caída da fronte de Cataluña marchou a Francia xunto con Juan Negrín e regresou con el axiña á provincia de Alacant para manter o goberno na denominada Posición Yuste até o fin da guerra poucos días despois. Partiu ao exilio dende un aeródromo situado en Monòver.

Exilio[editar | editar a fonte]

Durante o exilio -en México e Estados Unidos- agudizouse o seu radicalismo polo que foi expulsado do PSOE xunto con 35 afiliados máis, encabezados por Juan Negrín.[8][9] Dende Estados Unidos, escribiu artigos en The Nation nos que defendía a causa republicana en contra do réxime franquista.[10]

Fundou a Unión Socialista Española e posteriormente o Frente Español de Liberación Nacional, que xunto co Partido Comunista de España (marxista-leninista), formaron o FRAP, sendo elixido presidente do mesmo, cargo que desempeñou até o seu falecemento.[11]

Readmisión no PSOE[editar | editar a fonte]

O 24 de outubro de 2009, de acordo cunha resolución do 37 Congreso Federal, foi readmitido a título póstumo no PSOE, xunto con outros 35 afiliados expulsados en 1946, entre os que se contaban nomes como Juan Negrín, Ramón Lamoneda, Amaro da Roseira ou Max Aub.[12]

Igualmente, a relevancia da súa figura como ministro de Estado durante a Guerra civil española non foi recuperada ata 2016, a partir da obra do historiador David Jorge.[13]

Obras[editar | editar a fonte]

  • La nueva Rusia, 1926. Madrid.[3]
  • Rusia, a los doce años, 1929. Madrid.[3]
  • La senda roja, 1928. Novela[3]
  • Les batailles de la liberté, 1963. París: Maspéro[1]
  • The Freedom's Battle, 1940. Toronto.[3]
  • La guerra empezó en España, 1940. México.[3]
  • The Last Optimist, 1950. Nova York.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Elorza 1975, p. 12
  2. 2,0 2,1 2,2 Rodríguez Gutiérrez 2004, p. 292
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 Elorza 1975, p. 13
  4. 4,0 4,1 Rodríguez Gutiérrez 2004, p. 293
  5. Jorge (2016)
  6. Largo Caballero 1976, pp. 199-200
  7. Moral Roncal, Antonio Manuel (18 de decembro de 2009). "EL ASILO DIPLOMÁTICO: UN CONDICIONANTE DE LAS RELACIONES INTERNACIONALES DE LA REPÚBLICA DURANTE LA GUERRA CIVIL" (PDF). secc.es (en castelán). Consultado o 11 de outubro de 2021. 
  8. O compañeiro Negrín: os militantes readmitidos foron Juan Negrín López, Julio Álvarez del Vayo, Ramón Lamoneda Fernández, Ramón González Peña, Jerónimo Bujeda, Juan Simeón Vidarte, Julia Álvarez Resano, Matilde de la Torre, Edmundo Lorenzo, Antonio Pasagali, Angel Galarza, Vicente Ruiz Sarmiento, Mariano Moreno Mateo, Miguel Amilibia, Nicolás Jiménez Molina, Veneranda García Manzano, Adrián García, Leandro Pizarro, José Rodríguez Vega, Antonio Huerta, Gabriel Morón, Vidal Rebora, Suárez Guillen, Carlos Abad, José Moreno Remacha, César Rodríguez González, Amaro da Roseira, Modesto Moyro, Juan Bautista Alvarado, Saturnino Gimeno, Matilde Cantos, Max Aub, Juan Pablo García, Jesús Ibáñez, Jesús Vallina e Felipe García.
  9. Negrín e 35 vellos militantes socialistas, por Angel Viñas, El País, 8 de xullo de 2008.
  10. Maestro Bäcksbacka e Sagredo Santos, 2013, pp. 69-73
  11. "JULIO ÁLVAREZ DEL VAYO Y OLLOQUI". frap.es (en castelán). 2008. Consultado o 11 de outubro de 2021. 
  12. El Socialista (2009). "El PSOE, comprometido con la recuperación de la memoria histórica". Arquivado dende o orixinal o 22/04/2012. Consultado o 20/04/2011. 
  13. Faber, Sebastiaan (21 de decembro de 2016). "“La Segunda Guerra Mundial comenzó en España en 1936”". ctxt.es (en castelán). Consultado o 11 de outubro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Beevor, Anthony. La guerra civil española. Edit. Crítica. ISBN 84-8432-665-9
  • Elorza, Antonio (17 de maio de 1975). "Álvarez del Vayo: el último optimista". Triunfo (en castelán) XXX (659): 12–13. Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2015. Consultado o 11 de outubro de 2021. 
  • Jorge, David (2016). Inseguridad colectiva: La Sociedad de Naciones, la Guerra de España y el fin de la paz mundial. Colección: Monografías (en castelán). Valencia: Tirant lo Blanch. ISBN 978-84-16556-47-2. 
  • Largo Caballero, Francisco (1976). Mis Recuerdos: cartas a un amigo (en castelán). México: Ediciones Unidas S.A. 
  • Maestro Bäcksbacka, Francisco Javier; Sagredo Santos, Antonia (2013). Universidade de Cádiz, ed. "Juan Negrín, Julio Álvarez del Vayo y la lucha por la legitimidad del régimen republicano en el exilio (1939-1952)". Trocadero (en castelán) (25): 57–79. ISSN 0214-4212. 
  • Rodríguez Gutiérrez, Cristina (2004). UNED, ed. "Julio Álvarez del Vayo y Olloqui. ¿traidor o víctima?". Espacio, Tiempo y Forma. Serie V. H.ª Contemporánea (en castelán) (Madrid) (16): 291–308. ISSN 1130-0124. 


Predecesor:
Augusto Barcia Trelles
 Ministro de Estado 
4 de setembro de 1936 - 17 de maio de 1937
Sucesor:
José Giral Pereira


Predecesor:
José Giral Pereira
 Ministro de Estado 
5 de abril de 1938 - 1 de abril de 1939
Sucesor:
Francisco Gómez-Jordana Sousa