Universidade de París

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Universidade de París
Coat of arms of the University of Paris.svg
Datos xerais
Fundación1170, dividida en 1970 e retomado o nome en 2019
Datos actuais
ProfesoresSan Boaventura, Santo Alberto Magno, San Tomé de Aquino
Datos de contacto
Facebook: paris.academie Instagram: academie_paris Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A Universidade de París (en francés Université de Paris) é unha das institucións de educación superior máis antigas de Europa, situada en Francia. Xa non existe como universidade única, pois en 1970 dividiuse en trece universidades independentes.

En 2019 volveu xurdir unha institución chamada Universidade de París tras a reunión das universidades Paris Descartes (París V) e Denis Diderot (París VII), establecida tras a división da Universidade de París en 1970.[1][2]

Historia[editar | editar a fonte]

Comezos[editar | editar a fonte]

Foi fundada arredor do ano 1170, a partir da escola da catedral de Notre-Dame. Na época era habitual ter escolas onda as catedrais. O bispo nomeaba os mestres e controlaba o ensino a través do seu Chanceler ou Secretario Xeral.

Ao aumentar o número de estudantes, permitíuselles a titores privados abrir escolas arredor da catedral. Estes mestres formaron a súa "corporación", unha "Universitas", unha forma de unión semellante aos sindicatos modernos. Así, arredor de 1170, nace a Universidade de París.

Cada mestre, ou grupo deles, tiña a súa propia escola; cando a corporación tiña que deliberar sobre asuntos de interese común, reuníanse nunha ou outra igrexa. A organización destes encontros así como a representación dos mestres ante a Igrexa e o goberno deron lugar ao cargo e figura do Reitor. As materias e disciplinas e necesidades prácticas comúns a varias escolas acabaron favorecendo o agrupamento en centros maiores, as facultades.

Baixa Idade Media[editar | editar a fonte]

A capela da Sorbona

A principios do século XII, Abelardo, un dos grandes intelectuais da Idade Media, chegou a dar clases a París e a súa fama atraeu á escola catedralicia milleiros de estudantes, chegados de todos o mundo cristián. As escolas expandíronse á outra beira do Sena, no monte Sainte Geniève, onde Abelardo ensinaba. Na rúa do Fouarre, no barrio latino, tiñan as súas escolas a Facultade de Letras; na igrexa de Saint-Julien-le-Pauvre, reuníase o vello gremio ou "Universidade" de profesores.

Co apoio papal, a Universidade de París converteuse no gran centro transalpino de ensinanza teolóxica. Durante a década de 1220, as ordes mendicantes dominicanas e franciscanas dominaron o ensino na Universidade que, a finais do século XIII e durante o século XIV, foi o maior centro de ensino de toda a cristiandade. Entre os seus mestres máis famosos atópanse, Alexandre de Hales, San Boaventura, Santo Alberto Magno ou San Tomé de Aquino. A universidade estaba dividida en catro facultades: tres facultades "superiores", de teoloxía, dereito canónico e medicina, e unha "inferior", a de artes.

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Durante os séculos XVI e XVII, a Universidade de París converteuse nun conglomerado de facultades, semellante ás universidades inglesas. Os colexios foron ao principio internados para estudantes, aos que máis tarde se engadiron aulas para impartir clases, algunhas delas abertas polos xesuítas. A Universidade tivo tamén un papel importante nas querelas relixiosas do país neses séculos, contra os mesmos xesuítas no século XVI e contra os xansenistas no século XVII.

Coa Revolución Francesa (1789-1799) prohibiuse o funcionamento da universidade. Todas as universidades francesas foron pechadas pola Lei Le Chapelier, como todas as outras corporacións de artesanía. Máis tarde, Napoleón reabriu a universidade, organizándoa en toda Francia segundo un modelo centralizado.

Século XX[editar | editar a fonte]

Os principais edificios da universidade, a pesar de non seren lindeiros, están centrados no edificio da Sorbonne (Sorbona en galego[3]). Este, orixinario dunha escola fundada polo teólogo Robert de Sorbon cara a 1257, foi o colexio máis famoso de París. A súa proximidade á facultade de estudos teolóxicos, e o uso do seu auditorio para grandes debates, fixeron do nome de Sorbona a designación popular para a facultade de teoloxía de París.

A súa localización actual, no Boulevard Saint-Michel, data de 1627 cando Richelieu a reconstruíu. Desde o século XVI, como a facultade máis importante, a Sorbona acabou sendo considerada o núcleo principal da Universidade. Sorbona e Universidade de París convertéronse en sinónimos. Non obstante, os antigos edificios da Sorbona foron derrubados, a excepción da igrexa construída por Richelieu e onde se atopa o seu sepulcro, que se incorporou á nova construción, que forma un rectángulo de 21 000 m2, tres veces maior que a Sorbona do cardeal..

Alberga a facultade de letras, a administración do distrito educativo con centro en París e os servizos administrativos da universidade: o reitorado, as oficinas, o salón do consello e o grande anfiteatro para 3 000 persoas.

Na década de 1960, a Universidade de París, mediante unha política de admisión capaz de atraer un gran número de mozos estranxeiros de países economicamente subdesenvolvidos, converteuse nun centro mundial de difusión do socialismo, o marxismo, o comunismo, o anarquismo e o antiamericanismo, superando neste esforzo a propia Universidade Patrice Lumumba, que fora creada expresamente para este fin en Moscova, a principios da mesma década. Como resultado desta política, a propia estrutura da organización universitaria foi criticada pola sublevación estudantil de maio de 1968, que desatou unha onda de rebelión estudantil en todo o mundo. Nesta fase, o número de estudantes da Universidade superara os 115 000.

Despois da crise, o goberno da dereita levou a cabo unha profunda reforma xeral na organización do ensino superior francés, a través da Lei de reforma do ensino superior do mesmo ano de 1968. En base a este acto, en 1970 a Universidade de París dividiuse en 13 universidades autónomas e financiadas polo Estado, situadas principalmente en París (París I a XIII).

Universidades actuais[editar | editar a fonte]

Universidade París I Universidade Pantheon-Sorbonne Academia de París Hautes Études-Sorbonne-Arts et Métiers
Universidade París‑II Universidade Panthéon-Assas Academia de París
Universidade París III Universidade Sorbonne Nouvelle Academia de París Sorbonne Paris Cité
Universidade París-IV Universidade París-Sorbonne Academia de París Sorbonne Universités
Universidade París-V Universidade París Descartes Academia de París Sorbonne Paris Cité
Universidade París VI Universidade Pierre e Marie Curie Academia de París Sorbonne Universités
Universidade París-VII Universidade Denis Diderot Academia de París Sorbonne Paris Cité
Universidade París-VIII Universidade Vincennes en Saint-Denis Academia de Créteil Université Paris Lumières
Universidade París-IX Universidade París Dauphine Academia de París Paris Sciences et Lettres
Universidade París-X Universidade París Ouest Nanterre La Défense Academia de Versalhes Université Paris Lumières
Universidade París XI Universidade París Sud Academia de Versalhes UniverSud Paris
Universidade París XII Universidade Paris Est Créteil Val-de-Marne Academia de Créteil Université Paris-Est
Universidade París 13 Universidade Paris Nord Academia de Créteil Sorbonne Paris Cité
A Sorbonne vista da Rue des Écoles

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Panthéon-Sorbonne — Ciencias Sociais e Humanas, Dereito, Artes, Cinema, Ciencias Económicas e Empresariais
  • Panthéon-Assas — Dereito, Ciencias Sociais e Políticas ( Ciencia Política, Relacións Internacionais, Comunicación e Xornalismo) e Ciencias Económicas
  • Sorbonne Nouvelle — Artes, Letras, Linguas Estranxeiras, Ciencias da Comunicación e Información, Ciencias Humanas
  • Paris-Sorbonne — Ciencias Humanas, Linguas e Literaturas Estranxeiras, Ciencias da Comunicación, Artes
  • René Descartes — Ciencias Humanas, Ciencias Sociais, Dereito, Ciencias do Deporte, Medicina e Ciencias da Saúde, Farmacia
  • Pierre & Marie Curie — Ciencias Exactas, Ciencias Naturais, Tecnoloxía, Medicina, Informática
  • Denis Diderot — Ciencias Humanas e Sociais, Linguas Estranxeiras, Ciencias Naturais, Tecnoloxía
  • Vincennes - Saint-Denis — Linguas, Letras, Ciencias Humanas e Sociais, Ciencias Económicas
  • Dauphine — Convertida em "Grande École", especializada en Ciencias Económicas, Matemática, Informática, Dereito Administración de Empresas, Matemática, Xornalismo
  • Paris Ouest Nanterre - la Défense — Dereito, Letras, Ciencias Sociais e Humanas, Artes, Linguas Estranxeiras, Ciencias Económicas
  • Paris-Sud — Matemática, Física, Química e Medicina
  • Val-de-Marne — Medicina, Dereito e Letras
  • Paris-Nord — Tecnoloxía, Letras e Humanidades