Salvador Seguí

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Salvador Seguí
AlcumeEl Noi del Sucre
Nacemento22 de setembro de 1887
Lugar de nacementoLleida
Falecemento10 de marzo de 1923
Lugar de falecementoBarcelona
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónanarcosindicalista, político e pintor
editar datos en Wikidata ]
Lápida de Salvador Seguí no cemiterio de Montjuïc.

Salvador Seguí Rubinat, nado en Tornabous en 1886 e finado en Barcelona en 1923, coñecido como El noi del sucre (O mozo do azucre), foi un dos líderes máis destacados do anarcosindicalismo catalán de principios do século XX, buscando dar un novo pulo á loita proletaria á vez que preservar as esencias do seu ideario anarquista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formouse como pintor, profesión que sempre exerceu e da que viviu. Xa desde moi novo amosou inquedanza pola política e polas ideas libertarias; seguidor da Escola Moderna de Francesc Ferrer i Guàrdia e de varios autores como Sorel, Kropotkin, Reclus ou Cornelissen, na súa formación autodidacta tamén se relacionou con personaxes culturais e políticos da época, e con membros e participantes do Ateneu Enciclopèdic Popular, como Francesc Layret.[1].

Propulsou a formación e educación das clases obreiras desde os sindicatos como armas revolucionarias: a preparación intelectual, cultural e técnica dos traballadores. Foi presidente do Ateneo Sindicalista da rúa de Ponent de Barcelona[2], onde fundou e organizou a súa biblioteca en 1915, lugar onde se asumiron funcións de centro superior de estudos sindicalistas e anarquistas.

Impulsor da creación de Solidaritat Obrera, formando parte do consello directivo (como vocal) durante un tempo. En 1916 iniciou as negociacións para un pacto de unidade de acción entre a CNT e a UXT como fronte único do movemento obreiro español, que provocou inicialmente unha folga xeral de 24 horas como protesta polo aumento do prezo das necesidades básicas, e que continuou coa folga xeral indefinida de 1917, para pedir ó Goberno español un sistema que garantise á poboación o desenvolvemento de actividades emancipadoras e mínimas condicións de calidade de vida.

Foi elixido secretario xeral da CNT de Cataluña no Congreso Rexional celebrado en Sants en 1918. Propuxo que fora permitida a intervención dos mestres racionalistas en aspectos de sindicatos "sempre que se organizasen corporativamente". Respaldado pola totalidade de delegados, a proposta foi adoptada como resolución.[3] En congresos posteriores, xunto a Ángel Pestaña e Juan Peiró opúxose a accións máis exaltadas levadas a cabo por outros membros da CNT.[4]. Cabe mencionar o celebrado no Teatro da Comedia (Madrid) ou o Pleno de rexionais de Zaragoza, nos que presentaron a proposición de retirada da CNT da Terceira Internacional.

Foi detido en diversas ocasións a causa da súa actividade anarcosindicalista. Durante a folga de La Canadiense encontrábase preso, pero foi liberado o mesmo día en que se desconvocou e puido pór en evidencia as súas grandes dotes de orador na asemblea organizada polo comité de folga na praza de touros das "Arenas" (Barcelona), para informar sobre os acordos acadados co goberno. En novembro de 1920 e xunto con Lluís Companys, o sindicalista Martí Barrera e ata trinta e seis persoas máis, foi deportado ó castelo da Mola (Maó).

O 10 de marzo de 1923, en plena tarefa de promover entre os traballadores a idea da emancipación como motor dunha sociedade existente, foi asasinado por un tiro na esquina da rúa Cadena con Sant Rafael, no barrio do Raval de Barcelona, por pistoleiros do Sindicato Libre[5] da patronal catalá, protexida polo Gobernador Civil de Barcelona Martínez Anido[6], agrupada en torno á Lliga Regionalista. No mesmo episodio deixaron malferido ó tamén anarcosindicalista Francisco Comes, coñecido como "Perones", que morrería poucos días despois.

Recibiu múltiples homenaxes posteriores á súa morte, como a Fundación Salvador Seguí.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Aisa, Ferran. Una història de Barcelona, Ateneu Enciclopèdic Popular (1902-1999). Lallevir SL / Virus editorial, Barcelona,2000
  2. Cruells, Manuel. Salvador Seguí: el noi del Sucre. Barcelona, Ariel, 1974
  3. Solà, Pere. Las escuelas racionalistas en Cataluña (1909-1939). Barcelona, Tusquets editor, 1976.
  4. {{Carr, Raymond. Modern Spain, 1875-1980. Oxford University Press, 2002
  5. Autores varios.Història de la cultura catalana. Edicions 62, Barcelona, 1999
  6. {{Guerin, Daniel. Ni Dios ni Amo Una antología del Anarquismo. AK PressPolitics, 2006

Bibliografía

  • Peirats, José. La CNT en la revolución española. París, Ruedo Ibérico, 2ª Ed, 1971.
  • Huertas Clavería, Josep M. Salvador Seguí “ el noi del sucre”; materials per una biografia. Barcelona. Laia, 1976.
  • Fundación Salvador Seguí. Las relaciones entre la UGT y la CNT. Apéndice Ramón Álvarez. Madrid, F.S.S, 1989.
  • Bar, Antonio. La CNT en los años rojos: del sindicalismo revolucionario al anarcosindicalismo. 1910-1026. Madrid, Akal D.L, 1981.
  • Seguí, Salvador. Narraciones. anarco-sindicalistas de los años veinte / Salvador Seguí...[et al.],Barcelona, Icaria, 1978.
  • Edición de Antonio Elorza. Artículos madrileños de Salvador Seguí. Madrid, Editorial Cuadernos para el diálogo, S.A., 1976.
  • Pere Foix. Apòstols i mercaders. Barcelona, Editorial Nova Terra, 1976.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]