Illas Sisargas
| Localización | ||||
|---|---|---|---|---|
| ||||
| Estado | España | |||
| Comunidade autónoma | Galicia | |||
| Provincia | provincia da Coruña | |||
| Concello | Malpica de Bergantiños | |||
| Capital | Malpica | |||
| Poboación | ||||
| Poboación | 0 (2023) | |||
| Xeografía | ||||
| Superficie | 0,8 km² | |||
| Medición | 1,1 ( | |||
| Bañado por | Océano Atlántico | |||
As illas Sisargas son un arquipélago galego situado no océano Atlántico en fronte do cabo de Santo Hadrián, na chamada Costa da Morte. O arquipélago está formado pola illa Sisarga Grande –a maior das tres, que acolle un faro e un pequeno embarcadoiro–, a illa Sisarga Pequena –a máis próxima á costa– e a illa Malante –situada entre as dúas–. As illas pertencen ó concello de Malpica, na comarca de Bergantiños.
Xeografía
[editar | editar a fonte]
Están situadas preto da costa, con 750 m de distancia entre a illa Sisarga Pequena e o cabo de Santo Hadrián. Están a 3 km da vila de Malpica e a uns 35 km ao oeste da cidade da Coruña. O grupo disponse a xeito dun L invertido e xiradoː a illa Sisarga Grande é a máis occidental e setentrional; Malante, tamén chamada Atalaxeiro[1], ocupa a posición central e angular; e a illa Sisarga Pequena ten a posición meridional. Unhas doutras sepáranse por estreitas canles de mar (canal de Estádiga entre as dúas primeiras e canal de Esteirón entre a Malante e a Pequena). A máxima elevación pertence á Sisarga Grande con 100 metros sobre o nivel do mar.
Fauna
[editar | editar a fonte]A importancia das Illas Sisargas está nas súas colonias de gaivota escura (Larus fuscus), garrucho (Rissa tridactyla), paíño europeo (Hydrobates pelagicus) e arao dos cons (Uria aalge), aves escasas en Galiza e na Península Ibérica e que teñen aquí unha das súas maiores colonias. Ademais existe unha importante poboación de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), andurón real (Tachymarptis melba), gaivota patiamarela (Larus cachinnans) e choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax).
Toponimia
[editar | editar a fonte]O padre Sarmiento, que as denomina Cisargas, propuxo a hipótese de que o nome das Sisargas estaba referido a Xulio César, quen cara ao ano 60 a. C., chegou á Gallaecia, e someteu a súa parte Norte, aparecendo entre os ártabros, aos que, segundo as crónicas romanas, aterrorizaría coas súas naves, polo que se someterían decontado aos romanos. Esta hipótese supón que o seu nome latino sería *insulas Caesaricas, en acusativo plural, desvelando o estadio lingüístico actual a influencia seseante.
En relación con isto, Rodríguez Bordallo e Ríos Graña sosteñen que aquí estivo localizado un dos grupos das Aras Sestianas, en concreto os citados por Tolomeo como "Sestíou bomoí": "tres altares de Sestíos".
Con todo, o máis coherente e aceptado hoxe en día, é que proveñan dunha raíz hidronímica indoeuropea *eis- 'fluír', en grao cero *is-, dunha forma *Illas Isargas (de *Insulas Isáricas)[Cómpre referencia]. O S- non sería máis que a deglutinación do -s final de Illas. Da mesma produtiva raíz veñen tamén o nome do río Ézaro (de *Ísarus) e moitos outros hidrónimos galegos e europeos.
As Sisargas na cultura popular galega
[editar | editar a fonte]Conta a lenda que nas illas vivían uns monxes que estaban acosados por unha gran colonia de serpes. Santo Hadrián, que andaba a predicar pola Costa da Morte, achegouse ás pedras da ribeira e dixo: "Eu, santo Hadrián, libérovos das serpes e desde hoxe nunca máis ás Sisargas irán". E, pisando unha que estaba ós seus pés, deixou gravada a súa silueta nunha das rochas, xunto á marca dos seus pés e da cunca que levaba. O certo é que o que se interpreta como a cunca e as pegadas son pías naturais da erosión da pedra, e a silueta da serpe é unha formación rochosa natural.[2]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Santo Hadrián e as Illas Sisargas
- Illas Sisargas
- Faro
- Mapa de principios do século XVIII da canle entre as illas e a costa
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Malpica de Bergantiños
[editar | editar a fonte]| Lugares da parroquia de Malpica de Bergantiños no concello de Malpica de Bergantiños (A Coruña) | |
|---|---|
|
A Atalaia | O Barreiro | O Caldeirón | O Camiño do Río | O Campo | A Camposa | A Camuza | Cancela de Areas | Canido | A Cerca | A Costa | O Escorial | Illas Sisargas | Malpica | Os Medros | A Orxeira | As Pedreiras | A Pedreiriña | Os Piñeiros | O Porto | A Praia | Santo Antonio | Seaia | Seixas | Sorrío | O Ventorrillo | Vilarnovo | As Vistas |
Parroquias de Malpica de Bergantiños
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Otero Pedrayo, Ramón, Guía de Galicia. Galaxia. Vigo. 1954.
- Rodríguez Bordallo, Ramón e Ríos Graña, Ana María, El simbolismo, la localización y el número de las Aras Sestianas, in Actas del II Coloquio Galaico-Minhoto. I volumen. Xunta de Galicia. Santiago. 1984
- Sarmiento, Martín, Onomástico etimológico de la Lengua Gallega, 1757. Edic. de J. L. Pensado Tomé, vol.I. Salamanca. 1998.
