Saltar ao contido

Historia da Unión Soviética

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historia da URSS comezou en decembro de 1922 ao establecerse a Unión das Repúblicas Rusas, Ucraínas, Belarusas e Transcausianas (Xeorxia, Acerbaixán e Armenia) xa cos bolxeviques dirixindo os soviets (asembleas) de cada nación e sendo os vencedores na guerra civil rusa posterior á Revolución de Outubro.

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Apenas consolidado o poder revolucionario, o II Congreso dos Soviets elixiu un Goberno de comisarios do pobo, presidido por Lenin. O problema da paz coa Alemaña provocou un primeiro enfrontamento de Lenin coa «oposición de esquerdas», que, confiada na extensión da Revolución por Europa, agardaba a transformación das hostilidades coa Alemaña nunha guerra revolucionaria. Prevaleceu a posición de Lenin de paz inmediata, e o 3 de marzo de 1918 Trotski asinou o Tratado de Brest-Litovsk. Rusia perdía Finlandia e parte dos seus territorios occidentais. A estabilización da fronte exterior permitiu a Trotski, ó mando do Exército Vermello, a desorganización dos intentos contrarrevolucionarios das rexións periféricas, fomentados polas potencias estranxeiras.

Trala derrota de Alemaña, invadiu os territorios cedidos con anterioridade e denunciou o Tratado de Brest-Litovsk, pero os países aliados reaccionaron cun incremento da axuda contrarrevolucionaria, e tropas checas, turcas e británicas colaboraron cos rusos brancos e os cosacos nos propósitos da restauración monárquica.

En 1920 o Goberno de Moscova recoñeceu a independencia de Estonia, Lituania, Letonia e Finlandia, e debeu ceder Belarús e Ucraína a Polonia. Ante a imposibilidade dunha derrota bélica do réxime soviético, os países capitalistas decidiron establecer un «cerco sanitario» que paralizara a propagación revolucionaria. A situación da guerra civil e o desmantelamento da industria provocaron as medidas económicas do «comunismo de guerra» (nacionalización das empresas e do comercio interior e exterior), xerando unha caída estrepitosa da produción agrícola. Para recupera-la economía, Lenin tentou corrixi-los desaxustes e palia-lo descontento campesiño mediante a NEP (Nova Política Económica, marzo de 1921), que permitía transitoriamente o mantemento de formas económicas de certo tipo capitalista.

Despois do IV Congreso dos Soviets en 1918, no que o Partido Socialdemócrata (bolxevique) adoptou a denominación de Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS), os socialrevolucionarios e menxeviques foron expulsados das organizacións oficiais e construíuse un ríxido centralismo na organización do Partido e na administración do país. Simultaneamente, unha completa autonomía lingüística e cultural foi acordada nas rexións diferenciadas.

A desaparición de diverxencias políticas exteriores non evitou a existencia de distintas tendencias dentro do Partido. Canalizadas nun principio por Lenin, agudizáronse chegado o momento da súa sucesión (1924).

Stalin e Trotski

[editar | editar a fonte]

A oposición Stalin-Trotski, que transcendía un conflito persoal para reflectir dúas concepcións distintas do desenvolvemento do socialismo, resolveuse en favor de Stalin, co apoio de Zinoviev e Kamenev. Marxinado Trotski (xaneiro de 1925), a «edificación do socialismo nun só país» dirixida por Stalin incluía a eliminación de opoñentes de esquerda e dereita, e a existencia no Komintern dunha estratexia internacional que fixera coincidir os intereses do movemento comunista cos da Unión Soviética.

A industrialización do Estado

[editar | editar a fonte]

En 1928, ante o evidente estancamento da NEP, Stalin estableceu o Gosplan (Comisión de Planificación Xeral do Estado), un órgano estatal responsable de dirixi-la economía socialista cara á industrialización acelerada. En abril de 1929, o Gosplan lanzou dous proxectos conxuntos que comezaron o proceso de industrialización do Estado. Baseándose en planos previos de Trotski, o Gosplan fixo o primeiro Plan Quinquenal ou Piatiletka (1928-32), o cal introduciu unha rigorosa planificación que deu preferencia á industria pesada sobor dos bens de consumo. O Estado nacionalizou a meirande parte das empresas, poñendo en marcha un extenso programa para lograr unha rápida industrialización, mentres que na agricultura se fixo obrigatoria a colectivización das terras.

O país pasou de ser unha sociedade agraria a unha industrializada nun tempo relativamente curto, mais iso mesmo foi o que a comportou penurias económicas. A colectivización foi altamente rexeitada polos kulaks mentres o Estado se apropiaba das colleitas, particularmente en Ucraína onde aconteceu o xenocidio denominado Holodomor, co obxectivo de evitar que os campesiños as retivesen ilegalmente. Este conflito ecónomico derivou nunha represión estatal sistemática na cal se estima que morreron varios millóns de kulaks, tanto en enfrontamentos armados como en campos de concentración. Pese á forte oposición, para 1936 cerca do 90% da agricultura estaba colectivizada, o que levou a unha caída catastrófica na produtividade gandeira, que non recuperou o nivel da NEP ata 1940.

Para consegui-las metas propostas, someteuse ós obreros a xornadas de 16 a 18 horas diarias (baixo ameaza de procesamento por traizón) en condicións pésimas. Crese que preto de 127 mil persoas morreron entre 1928 e 1932. A produción de ferro colado, preciso para o desenvolvemento da infraestrutura industrial, ascendeu de 3,3 a 10 millóns de toneladas anuais. O carbón subiu exitosamente de 35,4 a 75 millóns de toneladas, e a produción do ferro aumentou de 5,7 a 19 millóns de toneladas. Baseado amplamente nestas cifras, O Plan Quinquenal cumprírase nun 93,7%, namentres que as partes dedicadas á industria pesada foron cumpridas nun 108%. Stalin declarou que o plan fora un éxito para o Comité Central (decembro de 1932).

A emulación socialista que acompañou ós logros económicos non estivo exenta dun «culto á personalidade» de Stalin —os seus excesos serían denunciados tempo despois— e dunha brutal violencia cara toda oposición aos planos do Réxime. A oposición no interior do Partido considerouse relacionada coas clases hostís ó socialismo. Acusados de supostos contactos con emigrados trotskistas e espías estranxeiros, importantes figuras do Partidos (Zinoviev, Kamenev, Bujarin, Rykov, Yagoda) foron xulgados nos chamados Procesos de Moscova (1936, 1938 e 1939) e executados.

A partir de aquí, a URSS conseguiu un desenvolvemento industrial e económico xusto a tempo para a segunda guerra mundial.

O Exército Vermello e a pre-guerra

[editar | editar a fonte]

A aceleración do rearmamento, motivada pola crecente agresividade do réxime de Hitler, condicionou a programación dun segundo Plan Quinquenal (1933-37). Simultaneamente, a prevención dun acordo entre a Alemaña nazi e as potencias occidentais fronte á URSS obrigou a Stalin a unha política conciliadora cara ás democracias burguesas (manifestada na súa actitude durante a guerra civil española e na creación das Frontes Populares) e cara a Alemaña (Pacto xermano-soviético de non agresión do 23 de agosto de 1939).

A guerra contra Polonia e Finlandia, complementado co fusilamento ou exilio de moita da xerarquía do Exército Vermello nas purgas políticas (como o caso do mariscal Tujachevski), deixaron a defensa nacional en moi mal estado. Hitler deuse de conta; así a todo, nin el nin Stalin desexaban un enfrontamento inmediato.

Hitler prefiriu fundi-la Fronte Occidental antes de atacar á Unión Soviética para evitar unha guerra en dúas frontes simultáneas. Stalin, pola súa parte, tiña que pór a punto ó Exército mediante a leva forzosa e o incremento de material bélico, o que requiría un período de tempo relativamente longo.

Ademais, Stalin pensou que unha alianza coa Alemaña nazi lle daría liberdade para retomar antigas terras rusas (Estonia, Letonia, Lituania, Finlandia e Moldova).

A Grande Guerra Patria

[editar | editar a fonte]

Ao producirse a invasión do exército alemán sen previo aviso en xuño de 1941 o estado fomentou unha exaltación do patriotismo ruso, levando a guerra cara ás portas das principais cidades soviéticas, (Leningrado, Stalingrado e Moscova).

O Exército Vermello, apoiado pola poboación civil, conseguiu dete-lo avance alemán. Coa vitoria sobre a ocupación alemá en Stalingrado (1943), a moral do exército soviético aumentou aínda máis; pouco despois, Minsk e Kursk tamén foron liberadas. Trala ofensiva soviética, conseguiron a expulsión e derrota das forzas alemás e a captura de Berlín (abril de 1945).

Os resultados da guerra foron desastrosos en perdas humanas e materiais. A URSS foi o país que máis homes perdeu durante a segunda guerra mundial (27 millóns aproximadamente). No entanto, tamén anexionou 500.000 Km² de territorio.

A nova relación cos Gobernos aliados —que na Conferencia de Teherán (novembro de 1943) e na Potsdam (xullo de 1945) concederon unha «zona de influencia política» á URSS— aconsellou a Stalin a disolución do Komintern (maio de 1943). O carácter socialista dos réximes que se foron establecendo ao remata-la guerra en Europa Oriental acabou co illamento político-xeográfico da URSS.

A nova inquietude das potencias occidentais espúxose na doutrina Truman do 12 de abril de 1947, que indicaba a necesidade de frea-la «expansión soviética», iniciando a chamada «guerra fría»

A guerra fría

[editar | editar a fonte]
Nikita Khrushchev (dereita) acuñou a doutrina da «coexistencia pacífica» co bloque occidental. Nesta foto, estase a entrevistar co presidente estadounidense John F. Kennedy.

Stalin reaccionou instituíndo en outubro do mesmo ano o Kominform. A rachadura de relacions con Iugoslavia (1948) viuse equilibrada polo triunfo da Revolución chinesa (1949), que estendeu ó Oriente asiático a influencia soviética.

A canonización oficial das teorías de Lysenko simbolizou a presenza de certo dogmatismo cultural, pero non se repetiron as depuracións dos anos 1930.

O cuarto e o quinto Plan Quinquenal seguiron dando prioridade á industria pesada e ás grandes obras de infraestrutura. O desenvolvemento económico permitiu á URSS converterse nunha potencia nuclear (25 de setembro de 1949), o que rematou co monopolio nuclear estadounidense.

Trala morte de Stalin (5 de marzo de 1953), unha reorganización inmediata do Partido e do Goberno permitiu a reprobación dos abusos autoritarios e a eliminación dos persoeiros máis comprometidos co «culto á personalidade». Beria foi fusilado. Entrementres anunciouse no Soviet Supremo un aumento na produción de bens de consumo e baixou a tensión internacional co armisticio da guerra de Corea (xullo de 1953).

Os países baixo influencia soviética asinaron en 1955 o Pacto de Varsovia, tamén chamado Tratado de Amizade, Colaboración e Asistencia Mutua. A Unión Soviética tamén contribuíu á reconstrución europea, neutralizando o Plan Marshall dos Estados Unidos coa creación do Comecon.

Gueorgui Malenkov, o sucesor de Stalin, foi relevado das súas funcións en febreiro dese mesmo ano. Nikita Khrushchev como primeiro secretario do Partido e Bulganin como xefe do Goberno impuxeron unha nova vía á política soviética. O 2 de xuño anunciouse unha declaración de amizade recíproca entre Iugoslavia e a URSS e uns meses máis tarde disolveuse o Kominform.

A lectura do informe segredo de Jrushchov ante o XX Congreso do PCUS (25 de febreiro de 1956) sobre os erros e crimes de Stalin deu carácter público ás medidas de «desestalinización». A explosión da bomba de hidróxeno concedeu máis poder de persuasión á URSS, que durante a crise do Canal de Suez de novembro de 1956 puido invalida-las manobras colonialistas dos gobernos de Gran Bretaña e Francia. Así a todo, os progresos da «desestalinización» non se realizaron sen graves desaxustes, e os sucesos de Polonia de outubro de 1956 e de Hungría de novembro do mesmo ano provocaron a intervención do Exército Vermello, que rematou con 25-50.000 rebeldes húngaros e 7.000 soviéticos mortos. En 1957 iniciouse unha espectacular serie de experimentos espaciais, co lanzamento dun primeiro satélite artificial.

En marzo de 1958 Jrushchov, despois de acantoar ó «grupo antipartido» (Viacheslav Molotov, Malenkov, Kaganovich), converteuse en xefe de Goberno. As súas principais reformas económicas afectaron á agricultura, pero a roturación das terras virxes do Casaquistán e a descentralización agrícola non responderon ás expectativas. Durante os XXI e XXII Congresos do PCUS (1959 e 1961 renováronse as críticas contra Stalin e a rehabilitación das vítimas do stalinismo, liberando a millóns de prisioneiros políticos (a poboación do Gulag baixou de 13 millóns en 1953 a 5 millóns en 1956-57). En 1961 produciuse outro grande avance na «carreira espacial», cando o cosmonauta Iuri Gagarin se converteu no primeiro ser humano en ser enviado ó espazo.

Doutra volta, a política de «coexistencia pacífica» permitía a redución dos gastos militares e situar nun primeiro plano a competición económica cos países capitalistas. A actitude crítica dos réximes chinés e albanés cara ás posicións internacionais da URSS forón en aumento despois da retirada dos proxectís balísticos establecidos en Cuba (outubro de 1962) e do Tratado de Moscova (xullo de 1963).

Brezhnev e o estancamento

[editar | editar a fonte]
Leonid Brezhnev

A substitución de Jrushchov por un triunvirato formado por Leonid Brezhnev, primeiro secretario do Partido, Kosygin, xefe de Goberno e Podgornyj, presidente do Presídium do Soviet Supremo, en substitución de Mikoyan (decembro de 1965), non impediu a acentuación do conflito ideolóxico coa China.

No XXIII Congreso do PCUS (marzo-abril de 1966), que rexistrou a ausencia das representacións da China e Albania, Brezhnev recoñeceu o fracaso parcial do Plan Septenal 1959-65 e para o oitavo Plan Quinquenal (1966-70) adoptáronse as medidas propostas por Liberman, orientadas a transformar as unidades de produción en verdadeiras empresas sometidas e impulsadas polas leis do mercado e os prezos.

Por outra parte, despois de condenar a política imperialista dos Estados Unidos e de proclamar o seu apoio a Vietnam do Norte e á Fronte de Liberación Nacional de Vietnam do Sur (Vietcong), Brezhnev pronunciouse a favor dun programa de desarme mundial e dun pacto de non agresión coa OTAN. A diplomacia soviética obtivo un notable éxito na súa mediación no Conflito Indo-Paquistaní de agosto de 1965, que conduciu aos acordos de Tashkent (xaneiro de 1966). En abril de 1966, Brezhnev consolidou a súa posición ó ser reelixido secretario xeral do Partido. A busca da distensión, obxectivo perseguido pola suxestión soviética de disolución da OTAN e do Pacto de Varsovia (maio de 1966), foi o factor dominante da política exterior soviética. Ó estoupar a Guerra dos Seis Días (xuño de 1967), o Goberno soviético rompeu as súas relacións con Israel e apoiou decididamente aos países árabes.

As tensións orixinadas polo desenvolvemento dos acontecementos de Checoslovaquia chegaron á invasión deste país por parte das tropas do Pacto de Varsovia (agosto de 1968); a ocupación militar foi legalizada por un trato entre a URSS e Checoslovaquia (maio de 1970). A ratificación do Tratado de Amizade romanés-soviético (novembro de 1970) evitou que as discrepancias entre ambos Estados chegaran ó conflito; por outra parte, a entrevista Brezhnev-Tito (setembro de 1971) saldou parcialmente o capítulo de desaveniencias con Iugoslavia.

O aumento da influencia soviética en Iberoamérica conduciu ó establecemento de relacións co Perú (febreiro de 1969), Bolivia (decembro de 1969) e Venezuela (febreiro de 1970), á sinatura dun tratado comercial co Perú (febreiro de 1970) e á concesión dun crédito a Uruguai (marzo de 1969).

A firma do Pacto xermano-soviético de non agresión de agosto de 1970 contribuíu a consolidar o statu quo europeo. O antagonismo soviético-chinés pasou das disputas ideolóxicas aos conflitos armados fronteirizos (marzo de 1969), que non se resolveron, e de xeito parcial, ata o acordo comercial de novembro de 1970.

No interior, aos desaxustes provocados pola nova orientación económica e á esclerose do aparato burocrático dirixente veu a unirse a oposición de núcleos intelectuais. Os límites do «liberalismo» postestalinista, evidenciados polo arresto dos escritores Daniel e Siniavski (1965), volveron a manifestarse coa expulsión do Premio Nobel de Literatura 1970 Aleksandr Isaevich Solzhenitsyn, da Unión de Escritores Soviéticos (novembro de 1969). Nos anos posteriores, unha vez encamiñada a crise interna do campo socialista tralas substitucións de Gomulka por Gierek en Polonia, e de Walter Ulbricht por Honecker na República Democrática Alemá, a política soviética caracterizouse por unha ofensiva diplomática, apoiada na Ostpolitik de Willy Brandt na República Federal Alemá, cuxo principal obxectivo era a futura convocatoria dunha Conferencia Europea de Seguridade. No Medio Oriente continuou a penetración soviética nos países árabes: acordo militar e político de 15 anos de duración con Exipto (maio de 1971), acordos comerciais con Siria (febreiro de 1972), Libia (marzo de 1972) e Iraq (abril de 1972). Só a retirada do embaixador do Sudán na URSS (agosto de 1971), e principalmente a expulsión dos conselleiros militares soviéticos en Exipto (xullo de 1972) puxeron en perigo a influencia da Unión Soviética nesta zona.

A URSS apoiou ó Vietcong e a Vietnam do Norte, pero continuou a súa política de coexistencia e entendemento con Estados Unidos (conferencias sobre o desarme; visita de Richard Nixon a Moscova en 1972; acordo de colaboración espacial, en agosto de 1972; visitas de Brezhnev aos Estados Unidos en xuño de 1973 e de Nixon a Moscova en xullo de 1974, coa sinatura dun novo acordo de cooperación económica e outro sobre prohibición de ensaios nucleares subterráneos) e cos outros países occidentais. Por outro lado, a visita de Tito a Moscova (xuño de 1972) consolidou a reconciliación entre os dous países e o seu acordo acerca dos problemas de Vietnam e do Medio Oriente e da Conferencia sobre a Paz e a Seguridade en Europa, promovida pola URSS. No interior, o período anterior a 1970 caracterizouse pola relativa amplitude dos conflitos formulados polos intelectuais soviéticos disidentes con resonancia internacional nalgúns casos, como ocorreu, por exemplo, con Sakharov e Solzhenitsyn. Tamén se agravou o problema da minoría dos xudeus desexosa de emigrar a Israel, sobre o cal se chegou a un acordo URSS-Estados Unidos en novembro de 1974, e agudizáronse algúns conflitos relixiosos, coma o presentado pola poboación católica en Lituania (maio de 1972), os nacionalistas (reorganización do Partido e os órganos de Goberno en Ucraína en xuño de 1972). En febreiro de 1976 celebrouse o XXV Congreso do PCUS, que confirmou e reforzou a hexemonía de Brezhnev; esta afianzouse inda máis ao cesar Podgornyi como presidente do Presídium do Sóviet Supremo (maio de 1977) e asumir este cargo Brezhnev.

En outubro de 1977 foi promulgada e entrou en vigor unha nova Constitución, na cal se daba por realizada e superada a etapa da «ditadura do proletariado» na URSS e reafirmouse o papel dirixente máximo do PCUS na sociedade soviética. En outubro de 1980 Kosygin dimitiu e Tijonov converteuse no novo primeiro ministro da URSS. A intervención soviética en Afganistán (decembro de 1979) provocou o desenvolvemento dunha nova etapa de tensión na Guerra Fría entre as dúas superpotencias, que se agudizou coa instalación de novas bases de mísiles en Europa. No interior, a URSS aumentou a represión contra os disidentes e afrontou unha grave crise económica durante 1980.

Os conservadores: Andropov e Chernenko

[editar | editar a fonte]

Á morte de Brezhnev (novembro de 1982), Yuri Andropov, xefe da policía secreta soviética (KGB) de 1967 a 1982, foi nomeado secretario xeral do PCUS (novembro de 1982), e designado xefe de Estado en xuño de 1983. Andropov propúxose introducir cambios radicais na economía antes de que, a finais de 1985, comezara un novo Plan Quinquenal. Para isto tiña que modificar a composición das estruturas de poder, o cal conseguiu parcialmente, sobre todo coa inclusión no Politburó de dirixentes de menos de 50 anos. Non obstante, nin a grave crise padecida polo país nin a ofensiva contra o burocratismo e a corrupción lograron cambiar algo no funcionamento dun sistema cada vez máis dependente da economía militar.

No internacional, o breve período de goberno de Andropov caracterizouse polo fracaso da estratexia disposta para impedir a instalación dos primeiros «euromísiles» en Europa Occidental (novembro de 1983), o que provocou a inmediata retirada soviética das negociacións de Xinebra sobre os euromísiles.

Á morte de Andropov (9 de febreiro de 1984) sucedeulle Konstantin Chernenko, continuador da política de Brezhnev, de quen foi o seu «delfín». Durante o seu goberno, que tamén foi breve, operouse unha volta ó burocratismo paralizante e recruou o antisemitismo e a represión contra os intelectuais disidentes.

No exterior, o Kremlin opúxose á participación soviética nos Xogos Olímpicos dos Ánxeles 1984, á visita de Honecker á República Federal Alemá, a negociar con Washington e a toda posibilidade de compromiso no conflito de Afganistán. Esta política de illamento experimentou un xiro trala visita do ministro de Relacións Exteriores soviético, Andrei Gromyko, a Estados Unidos, onde se entrevistou co presidente Ronald Reagan (setembro de 1984), e a do viceprimeiro ministro, Ivan Aryipov, a China (decembro de 1984). O anuncio do presidente Reagan, trala súa reelección en novembro de 1984, de desenvolver o novo programa militar denominado Iniciativa de Defensa Estratéxica (SDI), coñecido como a guerra das galaxias, determinou á URSS a volver á mesa de negociacións en Xinebra sobre o control de armamentos (12 de marzo de 1985).

Xa enfermo antes de suceder a Andropov, Chernenko morreu o 11 de marzo de 1985.

Mikhail Gorbachev: As tentativas de reforma e o colapso da URSS

[editar | editar a fonte]
O presidente Reagan e o secretario xeral do PCUS Gorbachov no primeiro cumio de Xenebra (1985)

O seu sucesor foi Mikhail Gorbachev, o membro máis novo (52 anos) do Politburó. En política interior Gorbachov acometeu unha serie de reformas, definidas en catro elementos clave: glasnost (apertura, transparencia), democratizatsiya (democratización), uskorenie (desenvolvemento económico) e perestroika (reestruturación). Un dos primeiros froitos da nova política foi a fin do desterro de Andrei Sakharov (decembro de 1986), seguido dunha amnistía que liberou a tódolos presos de conciencia (febreiro de 1987) e a rehabilitación das vítimas das purgas de Stalin (N. Bujarin, entre outros).

No terreo internacional Gorbachov iniciou conversacións sobre o desarme co presidente estadounidense Reagan (novembro de 1985), que culminaron coa sinatura dun acordo para elimina-los mísiles nucleares de alcance intermedio estacionados en Europa (decembro de 1987). A XIX Conferencia do PCUS (xullo de 1988) aprobou un programa de reformas políticas que se plasmou en varias enmiendas á Constitución (decembro de 1988) e na elección, por vez primeira, con candidaturas múltiples, dun Congreso dos Deputados do Pobo, máximo órgano soberano (26 de marzo de 1989). Os resultados electorais puxeron de manifesto a radicalización popular e a irreversible perda de autoridade do PCUS.

A violencia interétnica fíxose endémica en Armenia e Acerbaixán, por mor da disputa sobre a rexión de Nagomo-Karabah, e recruou en Xeorxia a causa da intervención do Exército en contra dos manifestantes en Tiflis (abril de 1989). A axitación nacionalista deu lugar a unha crise de Estado cando Lituania proclamou a súa independencia (11 de marzo de 1990), decisión suspendida en xuño ante o bloqueo económico decretado por Moscova.

Trala caída do Muro de Berlín e a caída dos réximes comunistas na Europa Oriental, Gorbachov tentou unha nova ofensiva reformista. O Congreso dos Deputados do Pobo votou outra reforma constitucional que aboliu o monopolio político do PCUS, instaurou un sistema presidencialista e elixiu o mesmo Gorbachov para o novo cargo de presidente da URSS (15 de marzo de 1990). As eleccións republicanas e locais (febreiro-maio) constituíron un éxito para os radicais; Boris Eltsin foi elixido presidente Federación Rusa.

O XXVIII Congreso do PCUS (xullo de 1990), que de novo nomeu a Gorbachov como secretario xeral, non puido impedir que Eltsin e outros dirixentes radicais abandonasen o Partido. Para facer fronte á crise nacional, Gorbachov propuxo un novo Tratado da Unión, que foi aprobado polo Congreso dos Deputados do Pobo e ratificado en referendo (17 de marzo de 1991) en nove das quince Repúblicas, namentres as tres Repúblicas bálticas, Armenia, Xeorxia e Moldavia organizaban consultas electorais nos seus territorios respectivos para reafirma-la súa vontade de independencia. O tratado soviético-estadounidense para reduci-las armas nucleares estratéxicas (Start), asinado en Moscova con motivo da visita do presidente George H. W. Bush (31 de xullo de 1991), agravou as tensións no aparato do PCUS e no complexo militar-industrial.

O 18 de agosto, cando se atopaba de vacacións en Crimea, Gorbachov foi confinado na súa residencia e declarado «incapaz de asumir as súas funcións por motivos de saúde», nun golpe de Estado planeado polos conservadores do aparato, o KGB e algúns xefes militares. Gennadi Yanaev, vicepresidente da URSS, asumiu interinamente a presidencia, e unha dirección colexiada composta por oito persoas decretou o estado de urxencia, restableceu a censura e publicou unha proclama xustificando o golpe. A resistencia foi encabezada dende o primeiro momento por Boris Eltsin, quen, dende o Parlamento de Rusia, chamou á desobediencia civil e á folga xeral. A crecente oposición popular en Moscova e Leningrado, o rexeitamento internacional e a defección dalgunas unidades militares, que pasaron a obedecer a Eltsin, dividiron e paralizaron ós golpistas. O golpe foi abortado o 21 de agosto, cando os membros do Comité do Estado se dispersaron antes de ser detidos. Gorbachov, liberado, volveu a Moscova e apoiou decididamente os trocos radicais que a nova situación requiría.

As actividades do PCUS foron proscritas polo Tribunal Supremo (29 de agosto), disolvéronse os órganos do poder central e comezou un novo período constituínte. O 6 de setembro de 1991 o Consello de Estado recoñeceu a independencia de Estonia, Letonia e Lituania. Nos meses seguintes, as sucesivas proclamacións de independencia das Repúblicas e o colapso económico aceleraron a perda de autoridade política de Gorbachov, que fracasou na súa tentativa de concluí-lo Tratado que debía dar lugar a unha Unión de Estados Soberanos para substituír a antiga organización do Estado.

O 8 de decembro de 1991, as tres Repúblicas eslavas —Rusia, Belarús e Ucraína— constituíron unha Comunidade de Estados Independentes (CEI), aberta ao resto das Repúblicas que puxo fin na práctica ó Estado soviético. Gorbachov presentou a súa dimisión o 25 de decembro de 1991, e Rusia asumiu no terreo internacional os compromisos e a representación do desaparecido Estado. Tódalas Repúblicas que constituían a URSS foron recoñecidas internacionalmente como Estados independentes.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]