Crise dos mísiles de Cuba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lugar de instalación dos mísiles, novembro de 1962
Foto tomada polo exército estadounidense durante a crise dos mísiles

A crise dos mísiles en Cuba é como se denomina ao conflito entre a Unión Soviética e os Estados Unidos a finais de 1962, e é unha das maiores crises entre ambas as potencias durante a guerra fría.

Historia[editar | editar a fonte]

As orixes do conflito residen na decisión do Partido Comunista soviético de apoiar máis directamente ao goberno revolucionario de Cuba ao mando de Fidel Castro, debido ao antecedente que se creou coa operación fracasada de Baía de Cochinos, que deu mostras inequívocas de que os Estados Unidos non ían permitir un goberno prol-soviético a escasos quilómetros das súas costas.

A URSS viu en Cuba a base necesaria para o apoio a novas ondas revolucionarias prol-soviéticas en países americanos, así como pola súa proximidade a Florida, unha base militar desde onde poder ameazar aos Estados Unidos sen que estes tivesen tempo de reacción, igualando así a ameaza que significaba para os soviéticos os mísiles estadounidenses emprazados en Turquía, estado fronteirizo coa URSS, e a República Federal Alemá. Por iso, o líder soviético Nikita Khrushchev e o seu goberno decidiron asegurar a illa coa instalación de bases de mísiles, con capacidade para alcanzar Estados Unidos e dispostos para levar cabezas nucleares.

A instalación foi descuberta polas fotografías dun avión espía estadounidense, o U-2. Analistas da CIA sinalaron ao presidente John F. Kennedy que estruturas fotografadas en Cuba parecían corresponder a instalacións de mísiles, aínda non operacionais pero que o estarían en pouco tempo. Kennedy, dirixiuse á Nación cunha mensaxe televisada de 17 minutos, o 22 de outubro de 1962. Falou de establecer unha corentena e un cerco ao redor da illa, para cumprir esta medida despregáronse barcos e avións de guerra estadounidenses. Khrushchev dirixiu unha mensaxe a Kennedy o 24 de outubro:

"...a URSS ve o bloqueo como unha agresión e non instruirá os barcos que se desvíen"

Pero nas primeiras horas da mañá, os buques soviéticos diminuíron a velocidade e regresaron ou alteraron as súas rutas.

O 27 de outubro un avión espía U-2 foi derrubado por un proxectil SAM, disparado polos soviéticos desde unha das súas bases, cando sobrevoaba a illa, aumentando aínda máis a tensión. Con todo, o mesmo día, Jrushchov propuxo a Kennedy o desmantelamento das bases soviéticas de mísiles nucleares en Cuba, a cambio da garantía de que os Estados Unidos non realizaría nin apoiaría unha invasión a Cuba, ademais, tamén debería realizar o desmantelamento das bases de mísiles nucleares estadounideses en Turquía. Logo de continuas negociacións secretas, das que estivo excluído Castro, Kennedy aceptou. Este acordo coñeceuse máis tarde, xa que Kennedy asinouno coa condición de que nin a non invasión a Cuba nin o desmantelamento arriba mencionados, chegasen a ser de público coñecemento en polo menos 6 meses.

Desta forma púxose termo á crise sen dar mostras de debilidade nin de derrota por ningunha de ambas as potencias, xa que o teatro da guerra fría quedou así igualado, e volveuse a evitar o conflito directo; algo que tanto en Washington, D.C. como en Moscova non se quixo nin imaxinar, por moito que a publicidade bélica da época dixese o contrario; traspasando os enfrontamentos a terceiros países como ocorreu en Corea e en Vietnam.

Neste momento creouse o chamado teléfono vermello, liña directa entre a Casa Branca e o Kremlin, co fin de axilizar as conversacións entre ambas as potencias durante períodos de crises.

O 29 de outubro Nikita Jrushchov enviou a Fidel Castro un informe dos termos do acordo soviético-norteamericano sobre Cuba.

Nun artigo escrito neses días e non publicado ata logo da súa morte, Ernesto "Che" Guevara criticou a actitude dos soviéticos: "É o exemplo arrepiante dun pobo que está disposto a inmolarse atomicamente para que as súas cinzas sirvan de cimento a sociedades novas e que cando se fai, sen consultalo, un pacto polo cal retíranse os foguetes atómicos, non suspira de alivio, non dá grazas pola tregua; salta á palestra para dar a súa voz propia e única, a súa posición combatente, propia e única, e máis lonxe, a súa decisión de loita aínda que fose só".