Saltar ao contido

Ketchup

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O ketchup[1] (do inglés, e esta do chinés: k'ē chap, zume de tomate), é un mollo de tomate condimentado con vinagre, azucre e especias[2].

Ketchup.
Sobre monodose de ketchup.

Ten coma orixe o ketsiap, chinés, un mollo picante que acompañaba o peixe e maila carne mais que non incluía o tomate entre os seus ingredientes.[3] Os ingleses importárono do arquipélago malaio no século XVIII. O ketchup moderno foi ideado polo estadounidense Henry J. Heinz, quen en 1876 engadiu o tomate en dito mollo.[4] Heinz comercializou por vez primeira o ketchup en 1876, anteriormente iniciara a súa actividade en 1869 vendendo ravos en conserva coa novidade do envasado: facíase en tarros de cristal, e era a primeira vez que se comercializaba así. Nun principio usáronse tomates frescos para a súa elaboración, porén máis tarde usáronse tomates en vinagre para unha mellor conserva. A fórmula de conservado procedía da súa nai. A empresa denominouse Heinz & Noble e creouno co seu socio L. Clarence Noble. A empresa foi estendéndose por todo o mundo de xeito que hoxe en día está intimamente asociada ao produto. En 1990 Heinz introduciu nos Estados Unidos o primeiro recipiente de ketchup de plástico reciclábel, espallándose mundialmente.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Existen diversas teorías arredor da orixe da palabra «ketchup», mais o certo é que xa en 1711 utilizábase o termo en Inglaterra. O dicionario da Real Academia Galega non recolle o termo. Segundo o Dicionario da lingua española da Real Academia Española a palabra provén do chinés kôechiap, que significa ‘mollo de peixe en escabeche’. Outras teorías mencionan que a verba pode provir de «ke-tsiap» orixinaria da illa Amoy, achegada á China. Existen algunhas outras teorías que coinciden en atribuír a orixe na palabra «kechap» na lingua maia iucateca. A finais do século XVII o nome «ketchup» e mostras do produto chegaron a Inglaterra, onde apareceu publicado na prensa por vez primeira no ano 1690 como «catsup». Tras un século, en 1711, comezou a se empregar o concepto «ketchup».

Na década de 1690 unha beberaxe mesturada de peixe en salmoira foi chamado zume de carpa[5] que en chinés amoi dise (鲑 汁) kê-chiap.[5]

O principal contido do ketchup é o tomate. A meirande parte do ketchup comercial emprega mollo de tomate concentrado. O ketchup tamén leva azucre, vinagre, sal, herbas aromáticas, cebolas e especias.

Aceptación cultural

[editar | editar a fonte]

O ketchup tense feito moi popular en todos os países, incluído Galiza, e pode terse coma un indicador económico, por exemplo nos Estados Unidos a taxa de penetración nos fogares é do 97%, só por baixo do sal, o azucre e a pementa. Só nos Estados Unidos unha persoa consome tres envases ao ano (case un litro). Convén saber que os hare krishnas non comen encurtidos (coma o cogombro en vinagre) nin proban o ketchup porque contén vinagre, que é un produto fermentado.

O ketchup non é especialmente daniño, cómpre só vixiarmos a cantidade inxerida nalgúns períodos. Polas características e os seus contidos, debe terse en conta naquelas persoas que teñen problemas estomacais, tales como gastrite ou úlcera, por mor carácter acedo da fórmula. As persoas que teñen diabetes deben vixiar o consumo debido ao contido de azucres. As persoas con hipertensión deben saber que o contido normal de sales é do 2%. No apartado de calorías o ketchup aporta de media entre 70 e 100 calorías por cada 100 gramos, debe terse en conta que contén tomate concentrado (o tomate natural contén 18 calorías por cada 100 gramos) o tomate frixido aporta unhas 80 calorías por cada 100 gramos.

Algunhas compañías que fabrican este produto están lanzando ao mercado versións light do mesmo, empregando sucralosa ou Stevia rebaudiana no canto de azucre. Deste xeito as persoas con problemas de diabetes ou obesidade poden gozar do ketchup sen maiores preocupacións.

Especúlase que o ketchup podería conter vestixios de glute, o cal sería nocivo no caso dalgunhas persoas con intolerancia ao mesmo (principalmente os celíacos). Motivo polo que existen tamén versións de ketchup sen glute ideais para os mesmos.

Adoita empregarse polo xeral acompañando patacas frixidas, polo frixido, hamburguesas, hotdogs, sándwichs etcétera. Algunhas persoas emprégana tamén con arroz branco, pasta, cóctel de camaróns; entre outros.

Outros usos (non alimentarios)

[editar | editar a fonte]

Algunhas persoas úsano para limpar obxectos de cobre,[6] como por exemplo os pratos dunha batería.

  1. Nome galego en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. Definición no dicionario da Real Academia Española
  3. Ketchup. Revista Nexos 01/09/2011
  4. Lapham’s Quarterly, verano 2011
  5. 5,0 5,1 In the Chinese Amoy dialect, "kôe-chiap" (Xiamen accented Amoy) or "kê-chiap" (probably Penang Hokkien, which is based on Zhangzhou accented Amoy) (part of the Ming Na language) signifies "brine of pickled fish or shell-fish" (The Oxford English Dictionary, Douglas Chinese Dict. 46/1, 242/1).
  6. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 26/12/2013. Consultado o 16/02/2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]