O nervio trixémino é o quinto dos pares craniais. Trátase ademais do par cranial de maior grosor e número de ramas. Recolle a sensibilidade da faciana e leva información motora ós músculos mastigadores desta rexión anatómica.
Fórmase por dúas ramas procedentes da cara anterolateral da protuberancia anular. O ramo sensitivo é o de maior calibre e leva por dentro a rama motora, moito máis pequena.
Despois de saír da protuberancia, ascende e penetra no cranio, na porción petrosa do temporal. Neste óso, na cara anterosuperior desa porción, atoparemos o ganglio de Gasser. Neste ganglio atopamos o núcleo das neuronas do V par. Del partirán as ramas do V par cranial.
1. Nervio oftálmico: atravesa a fendedura esfenoidal e chega á órbita. Abréviase como V1.
2. Nervio maxilar superior: atravesa o burato redondo maior do esfenoide e vai á poza pterigomaxilar. Dela vai á fendedura esfenomaxilar e logo á órbita. Abréviase como V2.