Freixo común
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2023.) |
| Freixo común | |||||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
|
Conservación
| |||||||||||||||||||||
| Clasificación taxonómica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||||||||||


O freixo común, chamado simplemente freixo (Fraxinus excelsior) é unha árbore polígama de ata 30–40 m. O seu sistema radicular é potente e estendido e presenta un tronco dereito e cilíndrico cunha cortiza lisa e verde agrisada nos exemplares novos que se volve parda escura, rugosa e gretada nos exemplares adultos. A copa é alta, ovoide, estendida e pouco ramalluda.
Pódese confundir co freixo de folla pequena (Fraxinus angustifolia), do que se distingue por ter as xemas negras e aveludadas.
Esta especie é orixinaria de Europa e o oeste de Asia, habita en sebes, ribeiras e bosques con solos frescos e profundos. É abondosa no norte de Galiza, e no sur é substituída polo Fraxinus angustifolia. O segundo nome latino (Excelsior), significa o "mais alto", por ser o freixo que acada maior altura.
Ademais de freixo, a forma máis común en toda Galiza, outras denominacións galegas son: afereixo, afreixo, freixa, freixeira e frinxo. Para o colectivo existen as denominacións freixal, freixedo, freixeiro e freixido.
Descrición
[editar | editar a fonte]As follas do freixo son dun tamaño que oscila entre os 20 e os 30 centímetros, caedizas, opostas, imparipinnadas, compostas de 9 a 13 folíolos (ás veces pode haber menos) de 5-11 x 1–3 cm cada un, sentados ou case sentados, entre ovados e lanceolados, acuminados no ápice, cuneados na base, serrados en todo o seu contorno, cun número de dentes dobre do número de nervios secundarios, verdes escuras na face e máis pálidas no envés. As follas, ó caer, adquiren unha tonalidade amarelenta moi rechamante.
As flores son de distintos tipos, unhas unisexuais e outras hermafroditas, pouco vistosas, amarelo-verdosas ou púrpuras, pequenas (2 mm), núas, con 2 estames e ovario súpero, agrupadas en panículas curtas de 2 a 3 cm, primeiro erectas, logo colgantes.
O froito é unha sámara de 25-50 x 7–10 mm, con á lanceolada, truncada ou escotada no ápice, arredondada na base, primeiro verde e despois parda. A semente madura a finais do verán.
Usos tradicionais
[editar | editar a fonte]É unha especie leñosa importante na formación da paisaxe, empregada como ornamental, para o que se seleccionan moitas variedades. A madeira empregouse tradicionalmente na construción de carros e outros apeiros de labranza, en xeral aqueles elementos que requiren robustez e flexibilidade como os mangos.
O freixo parece ser a madeira preferida para os eixos dos carros, segundo o cantigueiro popular, pola súa sonoridade:
- Se queres que o carro cante / bótalle o eixo de freixo / e se queres que o amor veña / dálle talladas de queixo.
- Se queres que o carro cante / bótalle o eixo de freixo, / se queres ter un bo mozo / dálle talladas de queixo.
- Se queres que o carro cante, / compañeiro, meu viciño, / bótalle o eixo de freixo / i as treitoiras de sangriño.
- Se queres que o carro ande / forte a un tempo e velaíño, / bótalle o eixo de freixo / e as treitoiras de sanguiño.
A leña desta árbores é moi bo combustíbel e dá un carbón de primeira calidade xa que arde mesmo estando verde. As varas empréganse na cestería, e as follas como forraxe, moi apreciada para o engorde do gando.
Usos medicinais
[editar | editar a fonte]As follas en infusión téñense empregado como laxante e diurético, e tamén para combater as enfermidades renais e a reuma. A cortiza pode empregarse para baixar a febre e tamén como aromática, aperitiva, tónica e expectorante. Para curar a dor de cabeza úsanse infusións da casca maumiña de freixo. Tamén se utilizou a cortiza de freixo como substituto da quina, contra o paludismo.[1]
Na Fonsagrada (Lugo), para curar a úlcera dos meniños, empregan este remedio: botan nun prato de freixo nove cabezas de estrugas e nove areas de sal, e logo fan sobre o corpo de cativo varias cruces e círculos mentres recitan a seguinte oración: “Sal de salgar,/ ortiga de ortigal,/ márchate Ulcera/ pró teu lugar,/ que nin crezas/ nin avivezas,/ nin fagas cousas/ que mal parezas./ Pol-o poder de Dios/ e da Virxe María,/ un Padre Nuestro/ e-un Ave María”. Débese repetir esta oración por nove veces, á vez que se botan ó lume o sal e as estrugas.[2]
Lis Quibén tamén recolleu no concello de Cotobade outro tratamento popular para curar a úlcera que tamén utiliza un prato de freixo: botan nunha cunca de madeira de freixo nove gotas de aceite, nove de viño, nove de auga e nove areas de sal. Bendicen a parte enferma cun hisopo feito de nove gromos: tres de silva, tres de estruga e tres de fiúncho. O tratamento e o ensalmo correspondente repítese tres veces ó día durante nove días seguidos.[3].
O freixo na cultura popular galega
[editar | editar a fonte]Cantigueiro
[editar | editar a fonte]- Ai, que freixeira tan alta! / Ai, que freixas tan maduras! / Ai, que nenas tan bonitas! / Quen che mas dera nas uñas![4]
O freixo, fonte de topónimos
[editar | editar a fonte]
A abundancia de freixos en Galiza explica a abundancia de topónimos derivados, tanto do nome da propia árbore como do colectivo. A seguinte relación, quitada do Nomenclátor, amosa a súa distribución histórica por toda a xeografía galega:
- A Costa do Freixo: lugar das Achas (A Caniza).
- O Coto do Freixo: lugar das Achas (A Caniza).
- A Freixa: lugares de Poio (Poio), Bugarín (Ponteareas) e Ribadetea (Ponteareas).
- O Freixal: lugares de Monteagudo (Arteixo) e Sofán (Carballo).
- Freixedo: lugares de Goiáns (O Porto do Son), Eiré (Pantón) e O Castro de Beiro (Ourense).
- A Freixeira: lugar de Forcarei (Forcarei).
- Freixeiro: lugares de Seavia (Coristanco), Reis (Teo), Vilarrube (Valdoviño), Cabanela (Navia de Suarna), Cabanas (O Vicedo), A Mezquita (A Merca), Abalo (Catoira), Lores (Meaño), Mourente (Pontevedra), Dorrón (Sanxenxo), Laro (Silleda), Parada (Silleda), Alcabre (Vigo) e Cornazo (Vilagarcía de Arousa). Tamén lugar e parroquia de Santa Comba e parroquia de Vigo.
- O Freixeiro: lugares de Mandaio (Oza Cesuras), Recemel (As Somozas), Labrada (Abadín), Moredo (Palas de Rei) e Quintá de Lor (Quiroga).
- Freixende: lugar de Brosmos (Sober).
- Freixendo: lugares de Alongos (Toén) e Salvaterra (Salvaterra de Miño).
- Freixide: lugar de Vián (Pastoriza).
- Freixido: lugares de Cardeiro (Boimorto), Piñeiro (Cedeira), Frexulfe (O Valadouro), San Pedro de Viveiro (Viveiro). Tamén parroquia de Larouco e Petín e lugar de Larouco.
- O Freixido: lugares de Sedes (Narón) e Xiá (Friol).
- Freixido de Abaixo: lugares das Neves (Ortigueira) e Freixido (Petín).
- Freixís: lugar e parroquia de Navia de Suarna.
- Freixo: lugares de Lamas (San Sadurniño), Marcelle (Monforte de Lemos), Ribas Altas (Monforte de Lemos) e Castrelo (San Xoán de Río). Tamén nome de lugares e parroquias da Fonsagrada, Samos, Celanova e Sarreaus.
- O Freixo: lugares da Regueira (Oza Cesuras), Posmarcos (A Pobra do Caramiñal), Espiñaredo (As Pontes de García Rodríguez), Naraío (San Sadurniño), Pantín (Valdoviño), Tortes (Becerreá), Cereixedo (Cervantes), Rúa (Cervo), Muimenta (Cospeito), As Achas (A Caniza), Campañó (Pontevedra), Ribadumia (Ribadumia), Vilalonga (Sanxenxo), Sárdoma (Vigo) e Valadares (Vigo). Tamén lugar e parroquia de Crecente e parroquia das Pontes de García Rodríguez (San Xoán do Freixo).
- O Freixo de Sabardes: parroquia de Outes (A Coruña).
- O Freixoal: lugar de Barrantes (Tomiño).
- O Freixoeiro: lugar de Leirado (Salvaterra de Miño).
- Freixomil: lugar de Moar (Frades).
- Freixoso de Penela: lugar de Penela (Cartelle).
- As Minas de Freixo: lugar de Marcelle (Monforte de Lemos).
- A Ribeira do Freixo: lugar do Freixo de Sabardes (Outes).
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Fraxinus excelsius
| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Freixo común |
- ↑ Gran Enciclopedia Galega, s. v. freixo.
- ↑ Jesús Rodríguez López: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares, 1910 [ed. facsimilar Maxtor, Valladolid 2001], 113; Víctor Lis Quibén: La medicina popular en Galicia, 266.
- ↑ Lis Quibén, 157.
- ↑ Xaquín Lorenzo: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973, 33.
