Xuíz, xuíza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un xuíz nun tribunal dos Estados Unidos

Un xuíz ou unha xuíza[1] é unha persoa investida de autoridade para xulgar. A autoridade élle outorgada polo Estado, en exercicio dun dos tres poderes en que se divide (Poder lexislativo, Poder executivo, e Poder xudicial).

O xuíz, polo tanto, é a autoridade encargada de impartir xustiza. En España, a figura do xuíz ven regulada na Lei Orgánica do Poder Xudicial, que define o seu estatuto e a carreira xudicial, a través de todos os seus estados e etapas, sen prexuízo das demais leis e regulamentos que a desenvolven.

A autoridade do xuíz é conferida polo Estado, a través de diversos procedementos, outorgada, segundo o país e fundamentalmente segundo a tradición xurídica que este comprenda.

O xuíz é o titular do xulgado a que está adscrito.

Aínda que gozan de independencia na súa actuación, as súas resolucións adoitan ser revisables polos tribunais superiores xerarquicamente, mediante os chamados recursos xudiciais, podendo ser estas confirmadas, modificadas ou revogadas.

Tipos de xudicaturas[editar | editar a fonte]

A xuíza Joanna Korner.

Principalmente distínguense tres: o Dereito continental, o Dereito anglosaxón (ou Common Law) e o Dereito socialista, sistemas que perduran ata os nosos días. O seu concepto de xustiza e a súa interpretación non é o mesmo, xa que como ocorre no Dereito anglosaxón, a procura dese ideal enfatízase máis, por medio de procedementos que difiren do dereito continental, onde a legalidade importa máis que a propia procura de resolucións xustas.

No dereito procedente do romano (gran parte de Europa e América Latina), por exemplo, os xuíces son nomeados polo Goberno, a miúdo tras un exame ou concurso, en cambio nalgúns estados dos Estados Unidos son elixidos; estas diferenzas, entre outras a grandes liñas, débense á existencia de tradicións legais de procedencia heteroxénea.

A función dos xuíces, nestes sistemas, ten a mesma orixe, aínda que a súa evolución é moi dispar; no Common Law poderiamos situar o xuíz nun papel de "creador xudicial" do dereito, mentres que no Dereito continental o xuíz está adscrito a un papel máis ben interpretativo.

Denominacións ou alocucións relativas ao xuíz[editar | editar a fonte]

  • Xuíz a quo é o xuíz autor da resolución que se recorre ou impugna, recurso ou impugnación que será examinada polo xuíz ou tribunal superior.
  • Xuíz ad quem é o xuíz ante o que se interpón a apelación do inferior.
  • Xuíz ordinario é o xuíz que que exerce a súa xurisdición por dereito propio e está establecido por oficio permanente para administrar xustiza nun punto determinado.
  • Xuíz extraordinario é o designado accidentalmente polo tribunal superior ou polas mesmas partes para coñecer dun negocio determinado.
  • Xuíz competente é o que ten xurisdición para coñecer do preito.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]