Espada de Mouruás

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A espada de Mouruás é unha espada da idade de bronce atopada na aldea de Mouruás (San Xoán de Río), e conservada actualmente no museo de Ourense. A espada foi achada en novembro de 1967, nunha escavación na canteira da Pena dos Castros, nos penedos da Pastora, preto das rochas da Raíña e A Moura, un conxunto granítico no medio dunha fraga no val do río Navea.

Características[editar | editar a fonte]

A espada, de 820 g de peso, está feita en bronce, e atópase partida en dous anacos. Mide 68,5 cm de longo e 4,5 de ancho máximo na folla e 5,7 cm na garda. Ten unha folla longa de dobre gume e unha empuñadura calada tripartita. No seu momento supuxo unha grande innovación tecnolóxica o feito de ser fundida nunha mesma peza a folla e empuñadura en molde bivalvo, Traballando a folla mediante forxa e os orificios con perforación.

A folla ten sección lenticular, cunha suave nervadura ou crista axial de reforzo, máis acusada no extremo proximal, e mantén zonas co fío biselado. É máis ancha cara á punta, e na zona de unión coa empuñadura está decorada nun dos cantos coa imaxe dunha espiga.

A empuñadura, composta por garda, fuso e pomo, levaría fixadas mediante cravos as cachas, de óso ou de madeira. O fuso, rectangular e con rebordes laterais, conserva tres orificios lonxitudinais, se ben é posible que tivese algún máis. A garda ten contorno en V pechado, con rebordes e tres orificios para remaches en cada lado.

Datación[editar | editar a fonte]

A espada de Mouruás dátase entre os séculos X e IX ANE, no bronce final II. Considérase pola forma da folla unha espada pistiliforme. As armas desde tipo teñen a súa orixe nas espadas de tipo Hemigkofen, documentadas no val do río Rihn.

Os primeiros modelos servirían de base aos obradoiros locais, que as adaptarían ás características metalúrxicas da súa zona, creando novas variedades que se difundiron polo espazo europeo do denominado Bronce Atlántico. Así, modelos similares foron atopados na península Ibérica, San Briec-des-Iffs (Bretaña), Wilburton (Inglaterra) e Irlanda.

En moitos casos as armas eran atopadas en cursos fluviais de pouca profundidade, casos do río Ulla, Miño ou Sil (espada de Forcas). Esta situación, xunto á ausencia de necrópoles desa época, dá a entender que o depósito era intencionado e de carácter funerario, sendo a espada un obxecto ritual.

Por este motivo estraña a aparición en Mouruás entre unhas rochas. Ruiz-Gálvez considera que ten non só unha finalidade funeraria, senón tamén de control dun punto de paso estratéxico.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]