Saltar ao contido

Alzamento Nacional

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monumento aos Heroes de España en Melilla

Alzamento Nacional é o nome co que o bando sublevado e, posteriormente, o goberno franquista denominaron o golpe de estado contra o goberno da Segunda República Española que se produciu entre o 17 e o 18 de xullo de 1936. O seu fracaso parcial conduciu á guerra civil española.

O Alzamento Nacional na propaganda franquista

[editar | editar a fonte]
Bandeira de España durante o franquismo

Durante todo o período do franquismo, o chamado Glorioso Alzamiento Nacional[1] foi un dos temas favoritos da historiografía, a propaganda e a iconografía gobernamentais. O Alzamento do 18 de xullo estaba considerado como o momento fundacional do réxime e o inicio do Movimiento Nacional.

Dábaselle tal importancia á data como fito fundacional do réxime que eran frecuentes en discursos, declaracións e artigos as referencias ao «espírito do 18 de xullo» como sinónimo do núcleo máis fondo e importante do franquismo. Nos últimos anos do réxime e os primeiros anos da Transición española era habitual por parte do aparello do réxime e dos seus partidarios falar do «espírito do 18 de xullo» para oporse ás propostas de reforma e apertura política. Ás primeiras eleccións democráticas celebradas en 1977 presentouse unha coalición post-franquista ou neofranquista denominada Alianza Nacional 18 de xullo. A expresión segue a ser un sinónimo da ideoloxía franquista na Internet e en artigos xornalísticos, aínda que outras veces se usa para indicar o clima de confrontación e violencia daqueles días de 1936.

Dentro do esquema propagandístico do réxime era especialmente importante o adoutrinamiento das novas xeracións. Por ese motivo, desde a educación elemental até o bacharelato explicábase e exaltábase o Alzamento facendo sempre fincapé nas mesmas ideas adaptadas a cada idade. Algunhas delas eran:

  • O Alzamento foi o levantamento da verdadeira España contra a anti España encarnada na República, os separatismos e os movementos obreiros. Para a propaganda franquista non eran uns españois os que se levantaban contra outros, senón que era España mesma, a súa esencia histórica, a que se levantaba contra os seus inimigos, en particular contra o comunismo internacional.
    • «España [...] non tolerou a vil inxuria [...] aceptou o reto e púxose en pé; aprestándose á defensa da súa honra histórica».[2]
    • «[...] moitos españois, enganados por propagandas estranxeiras, foran enganados por estas ideas e servían de cego instrumento [...]. Os crimes [...] producíanse en todo momento, obedecendo ordes de Moscova».[3]
  • Segundo os golpistas, o obxectivo do pronunciamento era salvar España, os valores conservadores que os golpistas consideraban os propios de España, incluíndo o catolicismo, de aí a denominación de «Cruzada Española».
    • «os ideais do glorioso Alzamento Nacional foron: a defensa da civilización cristiá e patria; o restabelecemento da orde; a mellora do obreiro e das clases humildes; a propagación da cultura hispana e a repulsión das doutrinas marxistas e comunistas. Devolveu a España o seu tradicional sentido relixioso, anulando a obra sectaria e masónica da República».[4]
    • «Ao levantamento militar chamouno Movemento Nacional, movemento de salvación de España, Santa Cruzada en defensa da Fe e da Patria».[2]
  • Segundo os golpistas, a ameaza de revolución comunista e a violencia imperante fixeron inevitable o Alzamento.
    • «[...] pesaba sobre España a terrible ameaza dunha revolución comunista, coa cal se pretendía, barbaramente, facer do noso pobo un escravo de Rusia».[3]
    • «[...] ante todo este mare mágnum, o Exército [...] ten a sacra obriga de intervir cando o que periga é o ser mesmo da Patria».[3]
  • Os alzados eran conscientes de que estalaría unha guerra terríbel, pero o seu deber patriótico obrigoulles a «salvar» España
    • «[...] aínda sabedores da dor que a guerra supón, non titubearon en producilo. [...] É o mesmo que cando unha persoa necesita unha operación [...] e son, precisamente, aqueles que máis a aman quen a levan ao cirurxián».
  • Francisco Franco tivo un papel fundamental na xestación da sublevación e foi desde o primeiro momento o seu líder indiscutíbel
    • «O xeneral Franco, de brillantísima e impecábel historia, púxose á fronte do Exército e empezou a Guerra de Liberación de España».[4]
    • «O Africano, o soldado, o lexionario Franco, soubera ouvir a voz rebelde dunha mocidade ilusionada e convertíase no seu caudillo un 18 de Xullo (sic) de 1936».
    • «Durante os primeiros meses da guerra, Franco loitou como un xeneral máis; pero todos albiscaron nel o caudillo salvador de España».

A conmemoración do 18 de xullo

[editar | editar a fonte]

Aínda que o pronunciamento comezou o 17 de xullo no Protectorado Español en Marrocos, foi o día seguinte cando se estendeu ao resto do territorio nacional. Por iso o día designado para a conmemoración anual do Alzamento Nacional era o 18 de xullo.

O 18 de xullo foi declarado festa nacional e seguiu a selo durante toda a ditadura e até 1977.[5] Celebrábase con numerosos actos conmemorativos e festivos en todo o país. Os traballadores recibían ese día unha das pagas extra que Franco decretou como obrigatorias (a outra sería a de Nadal) e que era coñecida como «paga do 18 de xullo».

As actividades eran numerosas e variadas e incluían recepcións oficiais nos Gobernos Civís de cada provincia. Eran frecuentes as misas (aínda que nunca foi unha festa de precepto relixioso) ás que acudían as autoridades, así como dianas, desfiles militares, bandas de música e programación especial en radio e televisión.

O 20 de febreiro de 1943 ordenouse que o 18 de xullo de cada ano a Frente de Juventudes celebrase en toda España o «Día do Valor»

«[...] porque é, na Historia de España, cando máis claramente se manifesta, colectiva e entusiasticamente, a virtude nobre que impulsa a acometer grandes empresas: o valor».

En case todas as cidades e localidades importantes existiu unha rúa, avenida ou barrio co nome 18 de xullo. Moitas outras rúas levaban nomes dos protagonistas do golpe. Tamén houbo hospitais e colexios con nomes relacionados.

O 18 de xullo no século XXI

[editar | editar a fonte]

A data do 18 de xullo, e o que significou, perdeu toda a súa relevancia política e social na España de principios do século XXI. Seguen a realizarse conmemoracións públicas ou privadas, pero a súa repercusión popular e nos medios é practicamente nula.

Coa chegada da democracia e o paso dos anos moitas das referencias ao Alzamento desapareceron das rúas. Porén, en datas tan tardías como 2011 aínda existían vías públicas chamadas «18 de xullo» en, polo menos, dúas capitais de provincia: Ávila e Toledo.[6] Outras capitais, como Santa Cruz de Tenerife, mantiveron numerosas vías con nomes dos protagonistas do golpe (Xeneral Mola, Xeneral Goded, Xeneral Moscardó, etc.) até entrado o século XXI.[7]

  1. Parejo Fernández, José Antonio (2007). La Falange en la Sierra Norte de Sevilla (1934-1956) (en castelán). Universidad de Sevilla. ISBN 9788447209453. 
  2. 2,0 2,1 Compendio de Historia de España p. 245 e seguintes, usado para tarefas docentes
  3. 3,0 3,1 3,2 Lecciones de Formación del Espíritu Nacional Leccións XIII (p. 57 e seguintes), XXXI (p. 139 e seguintes) e XL (p. 175 e seguintes). Este libro era un «texto de doutrina nacional-sindicalista» destinado a alumnos de 1º e 2º cursos de bacharelato.
  4. 4,0 4,1 Historia de España Primer Grado Lección 19, p. 130 e seguintes. Este libro era un manual escolar.
  5. "Real Decreto 197/1977, de 18 de febrero, por el que se aprueba el calendario anual de fiestas laborales para el año 1977". BOE (en castelán). 
  6. Confirmouse a existencia de ditas rúas nas páxinas web oficiais de ditos municipios o 10 de xaneiro de 2011.
  7. Ditas rúas aparecían na páxina web oficial con data de 31 de agosto de 2006, aínda que posteriormente cambiaron de nome Callejero - Nuevos nombres de calles en Santa Cruz

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Ruiz Amado, Ramón (1942). Compendio de Historia de España (en castelán). Barcelona: Librería Religiosa. 
  • Historia de España Primer Grado (en castelán). Zaragoza: Luis Vives. 1960. 
  • Publicaciones Frente de Juventudes, ed. (1953). Lecciones de Formación del Espíritu Nacional (en castelán). Murcia.