Vladimir Kuts

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cadro de medallas
Atletismo masculino
Xogos Olímpicos
Ouro Melbourne 1956 5.000 m
Ouro Melbourne 1956 10.000 m
Campionato de Europa de Atletismo
Ouro Berna 1954 5.000 m

Vladímir Pétrovich Kuts - (7 de febreiro de 1927 en Aleksino, Ucraína; 16 de agosto de 1975 en Moscova). Corredor soviético de longa distancia, campión olímpico de 5.000 e 10.000 metros nos Xogos Olímpicos de Melbourne.

Kuts era oficial do exército. A nivel internacional deuse a coñecer nos Campionatos de Europa de 1954 en Berna, onde gañou nos 5.000 metros derrotando os grandes favoritos, o checo Emil Zátopek e o británico Christopher Chataway, e batendo ademais o récord mundial con 13:56. Foi o primeiro dos seus catro récords mundiais nesta proba. Kuts perdería o récord mundial meses máis tarde (Chataway), aínda que Kuts o bateu de novo 10 días despois.

Nos Xogos Olímpicos de 1956 era un dos favoritos en 5.000 e 10.000 metros. Pouco antes dos Xogos establecera en Moscova un novo récord mundial nos 10.000 metros con 28:30.

Na primeira final, precisamente a de 10.000 metros, Kuts liderou a proba desde o inicio, como era habitual nel. A falta de catro voltas ningún dos seus rivais puido seguilo gañando comodamente.

Cinco días máis tarde, a final dos 5.000 metros presentábase a priori máis complicada, pois estaba presente o británico Gordon Pirie, que batera ese ano o récord mundial. Porén, á hora da verdade Kuts volveu gañar sen demasiados problemas. Era a súa segunda medalla de ouro e deste xeito convertíase no terceiro home na historia en facer o dobrete en 5.000 e 10.000 metros nos mesmos Xogos, tras Hannes Kolehmainen en 1912 e Emil Zátopek en 1952.

En 1957 estableceu en Roma o seu último récord mundial nos 5.000 metros con 13:35 unha marca que permanecería ata 1965, cando a superou o australiano Ron Clarke.

Kuts retirouse do atletismo en 1959.

Faleceu dun infarto de miocardio en 1975, en Moscova, con tan só 48 anos. Kuts foi o mellor corredor de fondo que houbo na Unión Soviética.