Khalid Skah

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cadro de medallas
Atletismo masculino
Xogos Olímpicos
Ouro Barcelona 1992 10.000 m
Campionato do Mundo de Atletismo
Prata Gotemburgo 1995 10.000 m
Bronce Toquio 1991 10.000 m

Khalid Skah (en árabe خالد سكاه), nado o 29 de xaneiro de 1967 en Midelt, é un atleta retirado marroquí, gañador da proba dos 10.000 metros nos Xogos Olímpicos de Barcelona '92.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou a súa carreira deportiva vencendo nos Campionatos Mundiais da IAAF na proba de "cross-country" no ano 1990 e 1991.

No Campionato do Mundo de Atletismo de 1991 gañou o bronce na proba dos 10.000 metros e finalizou sexto nos 5.000 metros. Isto resultou decepcionante para o corredor que anteriormente vencera na proba dos 10.000 m en Oslo nunhas condicións adversas para el, converténdose nun dos favoritos para Toquio. Porén, para a final dos 10.000 m Richard Chelimo e o finalmente campión Moses Tanui (ambos quenianos) empregaron unha táctica traballando coma un equipo.

Nos Xogos Olímpicos de Barcelona '92, Khalid Skah tiña unha longa loita co queniano Richard Chelimo nos 10.000 m. Cando ambos estaban dobrando a Hammou Boutayeb, este último interferiu con Chelimo e Skah pasou a gañar un segundo diante do queniano. Despois da carreira Skah foi acusado de recibir excesiva axuda de Boutayeb e foi descualificado, aínda que logo foi recualificado por un tecnicismo. Durante a cerimonia de presentación, o día seguinte, Skah foi apupado fortemente polo público e pola contra Chelimo recibía unha ovación permanente.

En 1993 Skah gañou na proba dos 5.000 m nun prestixioso encontro en Zúric. Non obstante, rematou quinto no Campionato do Mundo de Atletismo de 1993. Acadou o seu único record mundial nas 2 millas (8:12.17) na mesma tempada. En 1994 gañou o Campionato do Mundo de Semi-Maratón e acabou segundo nos 10.000 m no Campionato do Mundo de Atletismo de 1995.

Un dos derradeiros torneos internacionais de Skah foron os Atlanta 1996, onde finalizou sétimo nos 10.000 m. En 1997, Skah solicitou a nacionalidade norueguesa, onde vivira coa súa dona Anna Cecelia e adestrara durante anos. Despois diso, a Asociación de Atletas Marroquís expulsouno das competicións internacionais. Skah foi readmitido no 2001 e tentou volver ás pistas coma un dos mellores corredores de longa distancia do mundo. Finalizou décimo no Campionato Mundial de Semi-Maratón dese ano.

Actualmente Skah vive en Noruega e a súa irmá está casada co corredor finés Janne Holmén.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]