Haile Gebrselassie

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cadro de medallas
Atletismo masculino

Haile amsterdam2005.2.jpg

Xogos Olímpicos
Ouro Sidney 2000 10.000 m
Ouro Atlanta 1996 10.000 m
Campionato do Mundo de Atletismo
Ouro Sevilla 1999 10.000 m
Ouro Atenas 1997 10.000 m
Ouro Goteburgo 1995 10.000 m
Ouro Stuttgart 1993 10.000 m
Prata París 2003 10.000 m
Prata Stuttgart 1993 5.000 m
Bronce Edmonton 2001 10.000 m
Campionato do Mundo en Pista Cuberta
Ouro Birmingham 2003 3.000 m
Ouro Maebashi 1999 3.000 m
Ouro Maebashi 1999 1.500 m
Ouro París 1997 3.000 m

Haile Gebrselassie, nado en Asella o 18 de abril de 1973, é un atleta etíope especialista en carreiras de fondo. Gebrselassie acadou as súas grandes vitorias nas distancias comprendidas entre os 1500 metros e a maratón. Rompeu 25 récords mundiais e gañou numerosos títulos olímpicos e mundiais, e está amplamente considerado coma un dos mellores corredores de longa distancia de toda a historia.[1][2][3][4][5]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Na súa xuventude Gebrselassie corría cada mañá dez quilómetros para ir á escola e outros 10 km de volta. Isto conduciuno a unha postura distintiva no seu xeito de correr, co seu brazo esquerdo dobrado como se levara os libros debaixo do brazo[6] Gebrselassie pertence ao grupo étnico dos Oromo ao cal pertencen varios deportistas de éxito coma Kenenisa Bekele e Mamo Wolde.

Gebrselassie gañou o recoñecemento internacional en 1992 cando gañou as probas dos 5.000 e 10.000 metros no Campionato do Mundo de Atletismo Junior, celebrado en Seúl,[7], e unha medalla de prata na carreira júnior do Campionato Mundial de Cross.

Traxectoria deportiva[editar | editar a fonte]

O ano seguinte, en 1993, Gebrselassie gañou o primeiro do que logo serían catro títulos mundiais consecutivos nas probas masculinas dos 10.000 metros nos Campionatos do Mundo de Atletismo de 1993, 1995, 1997 e 1999. No Campionato do Mundo de Atletismo de 1993, tamén participou na proba dos 5.000 metros finalizando segundo moi preto do vencedor Ismael Kirui de Quenia. En 1994 gañou o bronce no Campionato Mundial de Cross. Máis tarde nese ano estableceu o seu primeiro récord mundial (12:56.96) nos 5.000 m, batendo a marca de Saïd Aouita por dous segundos.

En 1995, Gebrselassie correu os 10.000 metros en 26:43.53 en Hengelo, Países Baixos rebaixando o récord mundial en nove segundos. Ese mesmo verán, en Zúric, Suíza, Gebrselassie correu os 5.000 metros en 12:44.39, rebaixando asombrosamente 10.91 segundos o anterior récord mundial establecido polo queniano Moses Kiptanui nese mesmo ano. Este récord mundial marcado no encontro anual en Weltklasse en Zúric foi votado como a Actuación do ano pola revista especializada no atletismo mundial "Track & Field News".

O ano seguinte, 1998, rebaixou os récords mundiais en pista cuberta dos 2.000 e 3.000 metros, gozando tamén de éxitos ao ar libre batendo os récords mundiais dos 5.000 e 10.000 metros, así coma gañando unha porcentaxe na Golden League por gañar tódalas súas carreiras ese verán. En xuño de 1998 en Hengelo, Países Baixos, Gebrselassie estableceu un novo récord mundial nos 10.000 metros (26:22.75).

En 1999, Gebrselassie protagonizou o filme Endurance interpretándose a si mesmo. A película relataba a súa procura do ouro olímpico nos 10.000 m en Atlanta.

No 2000, Gebrselassie de novo gañou tódalas súas carreiras, sendo o primeiro do ranking mundial en 5.000 e 10.000 metros. Nos Xogos Olímpicos de Sidney, converteuse no terceiro home na historia en defender o título olímpico dos 10.000 metros satisfactoriamente (logo de Emil Zátopek e Lasse Virén).

O 30 de agosto do 2003, Gebrselassie foi elixido membro da Comisión de Atletas da IAAF. Tamén no 2003, no Campionato do Mundo de Atletismo en París, Gebrselassie participou nunha das carreiras de 10.000 m máis notábeis de tódolos tempos, facéndose coa prata logo do etíope Kenenisa Bekele. A última metade da final dos 10.000 metros completouse nun tempo de 12:57.24 (12:57.2 para Bekele e 12:58.8 para Gebrselassie). Segundo a IAAF, Non foi tan só este tramo o final máis rápido en 5.000 metros na proba dos 10.000 m (o récord anterior era 13:12.12, marcado en Atlanta), senón que tamén foron os 5.000 metros máis veloces no global dos campionatos superando os 12:58.13 que marcou Salah Hissou cando gañou os 5.000 metros en Sevilla'99. (isto foi certo ata que unha semana despois no Campionato Mundial de Atletismo tódolos medallistas (incluído Bekele) correran máis rápido). A diferenza entre os últimos 5.000 metros (12:57.24) e o récord mundial da proba dos 5.000 metros (12:39.36) era de 17.98 segundos, o cal é un récord. A mellor diferenza anterior era de 18.4 segundos e databa dos Xogos Olímpicos de 1976.[8]

Nos Xogos Olímpicos de 2004, Gebrselassie pretendía converterse no primeiro home na historia en gañar tres medallas de ouro olímpico consecutivas nos 10.000 m. Foi incapaz de facelo, terminando quinto nunha carreira que gañou o seu compatriota Kenenisa Bekele, que batera os récords mundiais de Gebrselassie nos 5.000 e 10.000 metros. Pouco antes da Olimpíada, Gebrselassie non puidera adestrar por unha inflamación no seu tendón de Aquiles. A lesión era o suficientemente grave como para que non competira, pero fíxoo de tódolos xeitos pola presión do seu país. Esta perda do período final de adestramento probabelmente lle fixo perder unha medalla.[9][10]

Carreira posterior[editar | editar a fonte]

Desde que deixou as pistas despois dos Xogos Olímpicos de Atenas, Gebrselassie enfocouse nas carreiras de estrada e as maratóns. Entre as maratóns disputadas: Londres 2002, Amsterdam 2005 (1º posto), Londres 2006, Berlín 2006 (1º), Fukuoka 2006 (1º), Londres 2007, Berlín 2007 (1º posto e récord do mundo) e Dubai 2008 (1º posto).

Debido á contaminación atmosférica de Beijing, Gebrselassie decidiu non participar na maratón dos Xogos Olímpicos de Beijing. Padece asma e alegou que podería ser perigoso para a súa saúde.[11] Máis tarde, Gebrselassie admitiu que se arrepentía da súa decisión xa que o aire estaba máis limpo do esperado por el.[12]. Pola contra, participou na proba dos 10.000 metros, rematando sexto cun tempo de 27:06.68. A medalla de ouro foi para o seu compatriota e posuidor do récord mundial Kenenisa Bekele. [13]. Logo Gebrselassie confirmou a súa participación na maratón de Berlín en setembro do 2008.[14].

Haile Gebrselassie ten afirmado que lle gustaría entrar en política cando se retire.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O gran plan de Gebrselassie". The Independent. 2000-06-02. http://sport.independent.co.uk/general/article274168.ece.
  2. "10.000 m Masculinos: Gebrselassie pode ser o mellor de tódolos tempos". CBC Sports. 2001-08-06. http://www.cbc.ca/sports/story/2001/08/06/mens10000http://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Haile_Gebrselassie&action=submitm010803.html.
  3. "Acertado Haile: Gebrselassie recórdanos unha vez máis a súa grandeza". Sports Illustrated. 2007-08-05. http://sportsillustrated.cnn.com/2007/writers/brian_cazeneuve/08/05/nyc.half.marathon/index.html.
  4. Jere Longman (2002-04-13). "MARATHON;O plan de Gebrselassie poderíao ferir ao final". The New York Times. http://query.nytimes.com/gst/fullpage.html?res=9C01E2DA153CF930A25757C0A9649C8B63.
  5. "Steinle na procura da gloria en Londres". BBC Sport. 2002-04-04. http://news.bbc.co.uk/sport2/hi/athletics/1910981.stm.
  6. "Perfís: Haile Gebrselassie". International Olympic Committee. http://www.olympic.org/uk/athletes/profiles/bio_uk.asp?PAR_I_ID=90856.
  7. "Conta atrás Olímpica: 73 días". BBC Sport. 28 de maio de 2004. http://news.bbc.co.uk/sport2/hi/olympics_2004/3757997.stm.
  8. "Paris 2003 – from a distance". IAAF.org. 2003-09-02. http://www.iaaf.org/news/Kind=2/newsId=23083.html.
  9. "Un Brillante Bekele leva o ouro". BBC Sport. 20 de agosto de 2004. http://news.bbc.co.uk/sport1/hi/olympics_2004/athletics/3584572.stm.
  10. "Haile farewell". IAAF. 23 de agosto de 2004. http://www.iaaf.org/news/Kind=2/newsId=26998.html.
  11. "Gebrselassie opts out of marathon". BBC Sport. 2008-03-10. http://news.bbc.co.uk/sport2/hi/olympics/athletics/7287578.stm.
  12. http://www.indianexpress.com/story/350364.html
  13. BBC Sports http://news.bbc.co.uk/sport2/hi/olympics/athletics/latest_results/default.stm
  14. "Gebrselassie correrá a maratón de Berlín". IAAF. 24 xullo de 2008. http://www.iaaf.org/LRR08/news/newsid=46284.html. Consultado o 2008-07-27.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]