Chaparena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Spondyliosoma cantharus»)
Non confundir con Chaparela.
Chaparena, chamiza, pancha
Spondyliosoma cantharus

Spondyliosoma cantharus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Perciformes
Suborde: Percoidei
Superfamilia: Percoidea
Familia: Sparidae
Xénero: Spondyliosoma
Especie: S. cantharus
Nome binomial
Spondyliosoma cantharus
(Linnaeus, 1758)
Área de dispersión da chaparena
Área de dispersión da chaparena

Sinonimia
Véxase o texto

A chaparena,[2][3][4] chamiza,[5] ou pancha,[3][6][7][8][9] Spondyliosoma cantharus (L., 1758), é unha especie de peixe da clase dos actinopterixios, infraclase dos teleósteos, orde dos perciformes, suborde dos percoideos, superfamilia dos percoideos e familia dos espáridos, unha das dúas actualmente integradas no xénero Spondyliosoma.[10]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi definida en 1758 por Linnaeus na páxina 280 do tomo 1º do seu Systema Naturæ, co nome de Sparus cantharus.[11]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Para a do xénero, ver Spondyliosoma

O epíteto específico, cantharus, deriva do grego antigo κάνθαρος kántharos, un tipo de vasilla grega con colo alto e asas na barriga,[12] e tamé n escaravello.

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de co nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[11]

  • Cantharus brama Valenciennes in Cuvier & Valenciennes, 1830
  • Cantharus cantharus (Linnaeus, 1758)
  • Cantharus griseus Valenciennes in Cuvier & Valenciennes, 1830
  • Cantharus lineatus (Montagu, 1818)
  • Cantharus orbicularis Valenciennes in Cuvier & Valenciennes, 1830
  • Cantharus senegalensis Valenciennes, 1830
  • Cantharus vulgaris Valenciennes, 1830
  • Sparus cantharus Linnaeus, 1758 (protónimo)
  • Sparus lineatus Montagu, 1818
  • Spondyliosoma cantarus (Linnaeus, 1758) (erro ortográfico)

Nomes galegos[editar | editar a fonte]

Nos portos galegos, ademais dos nomes citados, coas súas referencias, no encabezamento do artigo, Ríos Panisse recolleu, na súa tese de doutoramento, outros numerosos nomes, entre eles:[13]

  • bruxa (en 3 localidades)
  • chaparaña (en 3 localidades)
  • chaparena (en 3 localidades)
  • chasco (nunha localidade)
  • cheirón (en dúas localidades)
  • chepa (en 9 localidades)
  • choupa (en 8 localidades)
  • ferreira (en 2 localidaes)
  • fiuncha (en 2 localidades)
  • fiuncheira (en 2 localidades)
  • pancha (en 11 localidades)
  • ruda (en 4 localidades)
  • tana (en 2 localidades)

Nota: exclúense aquí os nomes rexistrados nunha soa localidade, os de identificación dubiosa, e os que non se especidica o nome científico.

Por outra parte, Lauherta e Vázquez, no seu Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos, dan para esta especie o nome de pancha, co sinónimo choupa.[14]

Características[editar | editar a fonte]

Lámina antiga de S. cantharus.
Spondyliosoma cantharus.

A principais características desta especie son:[8][9][15]

  • Corpo ovalado, alto, comprimido lateralmente, semellante ao dos sargos é ás outras especies do xénero Diplodus (dos que se diferencia por non posuír dentes incisivos.
  • A súa lonxitude media é duns 30 cm, aínda que algúns macho poden alcanzar os 60 cm,[16][17] e a masa corporal máxima rexistrada foi de 1 200 g.[18]
  • A súa coloración vai da gris azulada á apardazada ou verde nas partes superiores, cos flancos e o ventre máis claros; presenta varias liñas lonxitudiais de cor dourada.
  • A cabeza remata co fociño en punta, coa boca, terminal, pequena; os ollos son relativamente grandes.
  • As aletas son de cor cincenta escura, amouradas.
  • A aleta dorsal, relativamente alta, ten 11 raios espiñentos, e de 11 a 13 raios brandos. As aletas pectorais son máis logas que as pelvianas, e de lonxitude igual ou maior que a da cabeza. A aleta caudal ten a marxe posterior escotada.
  • A liña lateral é de cor acastañada, e percorre paralelamente ao perfil dorsal, aínda que é un pouco máis arqueada ca este.

Trátase dun peixe fundamentalmente bentónico, é dicir, asociado sempre ao fondo, nadando habitualmente moi preto deste. De feito, morfoloxicamente, unha clara diferenza coas especies semellantes do xénero Diplodus (os sargos) é a aleta caudal asimétrica, co seu lóbulo inferior menos desenvolvido có superior e, canto maior é o espécime, maior é esta diferenza, o que probabelmente lle permita unha mellor natación preto do fondo.[19]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Hábitat[editar | editar a fonte]

Spondyliosoma cantharus é unha especie mariña, demersal, bentopeláxico, oceanódromo,[20] que habita na plataforma continental, especialmente sobre leitos mariños rochosos ou areosos até os 300 m de profundidade, pero sobtre todo entre os 10 e os 100 m.[21] Os xuvenís atópanse en augas pouco profundas, a aproximadamente 50 m de profundidade, e permanecen alí aproximadamente até os dous ou tres anos de idade.[21][22]

Distribución[editar | editar a fonte]

A especie ten unha amplísima área de distribución nas costas do Atlántico oriental, desde os 63° N até os 20° S, e desde os 26° O até os 36° L,[20] (Véxase mapa máis arriba), encontrándose desde Escandinavia ao norte até Namibia no sur, e arredor das illas de Madeira, Canarias, Azores e Cabo Verde.[16][23] Tamén é común no mar Mediterráneo e no occidente do mar Negro.[16][24]

En Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia encóntrase en toda a costa, sendo citada a súa presenza por primeira vez Cornide, baixo o nome científico Sparus hurta.[25]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Costumes[editar | editar a fonte]

Spondyliosoma cantharus ocasionalmente forma cardumes de numerosos individuos.[8][9]

Nutrición[editar | editar a fonte]

É unha especie omnívora, alimentándose de algas e outros vexetais bentónicos, e de pequenos invertebrados (moluscos e crustáceos).[8][9]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Spondyliosoma cantharus é unha especie hermafrodita protóxina (é dicir, os gametos femininos madurann antes que os masculinos, polo que as femias, coa ideade, poden converterse en machos); a idade en cambio de sexo ocorre en varias etapas. As femias poden alcanzar a madurez sexual contra os dos dous anos de idade, cando alcanzan unha lonxitude de 17,3 cm, e os machos acádana aos tres anos, cando miden uns 22,7 cm.[21][26][27][28]

Porén, tamén se informou que nesta especie maduran os machos cando miden aproximadamente 20 cm, permanecendo como machos até chegar aos 30 cm, sendo todos os individuos maiores de 40 cm femias.[22][29]

Tense sinalado que a especie presenta dimorfismo sexual na cor corpo durante a temporada de desova, dimorfismo asociado probabelmente á competencia sexual e ao cortexo nupcial.[30] A desova ten lugar de novembro a abril, cun pico da actividade de desove en xaneiro-febreiro.[21] Na zona norte da súa área de distribución, S. cantharus desprázase cara a augas profundas no inverno e migra cara a terra para criar no Reino Unido de marzo a maio.[Cómpre referencia] A desova en Portugal ten lugar no suroeste do país de febreiro a abril, alcanzando o máximo de marzo.[31] En Galicia, na época da desova, que ocorre desde fianis de abril até os comezos de xuño, este peixe achégase a costa e toma unha coración azulada intensa.[32]

Para a fecundación os machos de Spondyliosoma cantharus escavan un niño pooco profundo na area ou nos sedimentos grosos do fondo, onde se depositan os óvulos e os espermatozoides; cada niño contén varios milleiros de ovos. Os machos protexen o niño e o seu contido até que os ovos eclosionan.[22] Ao eclosionaren os ovos, as crías permanecen nas proximidades do niño até que alcanzan 7 ou 8 cm de lonxitude, cando baixan a zonas máis profundas.[32]

Lonxevidade[editar | editar a fonte]

Spondyliosoma cantharus pode vivir até uns 15 anos.[21]

Pesca[editar | editar a fonte]

Na Península Ibérica[editar | editar a fonte]

En España a pesca típica é co volantín, unha arte de pesca constituída por unha liña con un ou máis anzois,[33] desde o barco fondeado, sobre fondos de pedra ou mixtos a de 30 a 90 m de profundidade. Adóitanse usarse canas con liñas terminais con 2 ou 3 anzois por riba do chumbo se o peixe presenta boa actividade. Se esta é escasa, úsanse liñas terminais con algún anzó máis longo e que chegue até o fondo para presentar a carnada de forma máis natural. Segundo algús pescadors deportivos os mellores engados para a chaparena son os brandos ou de pequeno volume: vermes, pequenos cangrexos, camaróns ou gambas, etc. Os mellores resultados obtéñense con sardiñas en anacos, luras en filetes e pequenos chipiróns (luriñas) ou puntillas (Alloteuthis sp.) enteiras. A combinación de sardiña e lura no mesmo anzol multiplica a eficacia do engado.[21]

En Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia esta especie péscase con palangre, volanta ou miños. Cando se achega á costa pódese coller algún exemplar con cana.[32]

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Grastronomicamente a carne da chaparena é moi apreciada e de calidade, aínda que non é tan sabedeira como a doutros espáridos.[Cómpre referencia] Este peixe, de aparencia pouco atractiva, pasa desapercibido habitualmente nas revistas de pesca, nos mercados, nas pescadarías e nos restaurantes. Pero algún atractivo debe ter xa que dificilmente encontraremos outro peixe con tantos nomes diferentes ao longo da costa española (incluída, como vimos, a galega). Sen dúdabida, a súa su semellanza con outras especies de espáridos máis corcidas, as súas variados e diferentes tipos de coloración segundo a idade e o sexo, as zonas marítimas de captura e as estacións do ano, son sen dúbida as razóns polas que se lle atribúen tantas denominacións locais, adoptando incluso o nome doutros peixes, como os dierentes sargos e a palometa (da familia dos brámidos).[19]

Consómese asada ao forno, ao sal, e con mariscos.[34]

Ameazas[editar | editar a fonte]

Spondyliosoma cantharus é un importante peixe explotado comercialmente, polo que se enfronta ás ameazas da pesca. O valor da taxa de explotación de >0,50 suxire que as poboacións das illas Canarias están moi explotadas; a lonxitude media dos espécimes capturados (16,8 cm) é inferior ao da primeira madurez, e máis do 45 % das capturas totais é inferior a esta lonxitude, o que indica un perigo de sobrepesca.[21] A especie é particularmente susceptíbel á sobreexplotación durante a súa época de reprodución, cando se agrupa ao redor dos sitios de aniñamento e é explotado por pescadores comerciais e deportivos. Tamén é vulnerábel á degradación do hábitat por dragado, xa que esta actividade elimina os sedimentos grosos que S. cantharus usa para a construción dos niños. Os ovos tamén poden sufrir o depósito de sedimentos e o dragado, que inhibe o desenvolvemento embrionario.[22][35]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

Segundo os expertos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) considera que, a nivel global, Spondyliosoma cantharus está moi estendido e é relativamente común en toda a súa área de dispersión, onde habita nas augas continentais a profundidades de até os 300 m, desde Noruega até Angola, incluíndo os mares Mediterráneo e Negro. A especie ten importancia comercial e deportiva en toda a súa área. Aínda que non se observou un descenso global da poboación nesta especie, presenta características na historia da súa vida que a fan especialmente vulnerábel á sobreexplotación local. Spondyliosoma cantharus é un hermafrodita de crecemento lento, de longa vidan e que presenta especificidade do seu hábitat durante a época de desova. Isto fai que asúa pesca incide negativamente cando forma cardumes ao redor das áreas de nidificación e, aínda que a normativa pesqueira desta especie é limitada, as áreas mariñas protexidas ofrecen protección en toda a súa ared de dispersión. Polo que respecta a Europa, esta especie está moi estendida e é relativamente común. Aínda que se informou da existencia de descensos localizados, non hai evidencias que indiquen importantes descensos mundiais. Polo tanto, a UICN cualifica o seu status como LC (pouco preocupante).[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Russell, B.; Pollard, D. & Carpenter, K. E. (2014): Spondyliosoma cantharus na Lista vermella da UICN. Versión 2019.3, Consultada o 14 de marzo de 2020.
  2. chaparena no Dicionario da RAG.
  3. 3,0 3,1 Bieito Ledo Cabido, dir. (2004): Dicionario de galego. Vigo: Ir Indo Edicións. ISBN 84-7680-504-7.
  4. Ríos Panisse 1977, p. 297.
  5. chamiza, 4ª acep., no Dicinoario da RAG.
  6. pancha, 4ª acep., no Dicionario da RAG.
  7. Ríos Panisse 1977, p. 298.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Rodíguez Solórzano, Devesa Regueiro & Soutullo Garrido 1983, p. 126.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Rodríguez Villanueva & Vázquez 1994, p. 176.
  10. Spondyliosoma cantharus (Linnaeus, 1758) no WoRMS.
  11. 11,0 11,1 Spondyliosoma cantharus (Linnaeus, 1758) no WoRMS.
  12. cantharus no Merriam-Webster Dictionay.
  13. Ríos Panisse 1977, pp. 296-299.
  14. Lahuerta & Vázquez 2000, p. 138.
  15. Bauchot & Pras 1982, p. 285.
  16. 16,0 16,1 16,2 Bauchot, M. L. & J. C. Hureau (1986): "Sparidae". En P. J. P. Whitehead, M. L. Bauchot, J. C. Hureau, J. Nielsen & E. Tortonese, eds. Fishes of the north-eastern Atlantic and the Mediterranean. Volume 2. París: UNESCO. ISBN 9-2300-2308-6, pp. 883-907.
  17. Fischer, W.; Bauchot, M. L. & Schneider, M. (1987): Fiches FAO d'identification des espèces pour les besoins de la pêche. (Révision 1). Méditerranée et mer Noire. Zone de Pêche 37. Roma: FAO.
  18. IGFA (2001): Database of IGFA angling records until 2001. Fort Lauderdale, Florida, USA: IGFA.
  19. 19,0 19,1 la chopa: pesca e interés culinario. Spondyliosoma cantharus, el pez con más nombres en el litoral español en "Pesca y gastronomía" (en castelán).
  20. 20,0 20,1 Spondyliosoma cantharus (Linnaeus, 1758) en FishBase.
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 21,5 21,6 Pajuelo, J. G. & J. M. Lorenzo (1999): "Life history of black seabream, Spondyliosoma cantharus, off the Canary Islands, Central-east Atlantic". Environmental Biology of Fishes 54: 325-336.
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 Collins, K. J. & Mallinson, J. J. (2012): "Surveying black bream Spondyliosoma cantharus (L.), nesting sites using sidescan sonar". Underwater technology 30 (4): 183-188.
  23. Heemstra, P. C. (1995): "Additions and corrections for the 1995 impression". pp. v-xv. En M. M. Smith & P. C. Heemstra, Revised Edition of Smiths' Sea Fishes. Berlín: Springer-Verlag.
  24. Bauchot, M. L. & Hureau, J. C. (1990): "Sparidae". En: Quero, J. C.; Hureau, J. C.; Karrer, C.; Post, A. & Saldanha, L., eds. Check-list of the fishes of the eastern tropical Atlantic (CLOFETA), pp. 790-812. JNICT, SEI, UNESCO, Lisbos, París.
  25. Cornide, Joseph (1778): Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo con un tratado de las diversas pescas y de las redes y aparejos con que se practican. Ver en liña.
  26. Perodou, J. C. & Nedelec, D. (1980): "Bilan d' exploitation du stock de dorade grise". Bulletin del Institute de Peche maritime 308: 1-7.
  27. Soletchnik, P. (1983): "Gestion de la dorade grise, elements de biologie". Oceanis 9: 23-32.
  28. Balguerías, E. (1995): "La chopa (Spondyliosoma cantharus Linnaeus, 1758) como ejemplo de aplicación de métodos simples para la evaluación de stocks en la pesquería artesanal canaria". Publicaciones especiales del Instituto Español de Oceanografía 6: 1-357.
  29. Pawson, M. G. (1995): "Biogeographical identification of English Channel fish and shellfish stocks". En: Ministry of Agriculture, Fisheries, and Food Directorate of Fisheries Research eds, Technical Report nº 99.
  30. Smale, M. J. (1988): "Distribution and reproduction of the reef fish Petrus rupestris (Pisces: Sparidae) off the coast of South Africa". South African Journal of Zoology 23 (4): 272-287.
  31. Gonçalves, J. M. S. & Erzini, K. (2000): "The reproductive biology of the two-banded sea bream (Diplodus vulgaris) from the southwest coast of Portugal". Journal of Applied Ichthyology 16: 110-116.
  32. 32,0 32,1 32,2 Rodíguez Solórzano, Devesa Regueiro & Soutullo Garrido 1983, p. 127.
  33. volantín, 2ª acep. no DRAE.
  34. Recetas de chopa (en castelán).
  35. Haskoning (2003): Marine Aggregate Environmental Impact Assessment: Approaching Good Practice. Nimega, Países Baixos: Royal HaskoningDHV.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]