Actinopterixios
Os actinopterixios (Actinopterygii, do grego ακτινος aktinοs, "radio" e πτερυγιον pterygion, "aleta") son unha clase de peixes óseos (Osteichthyes). Constitúen o grupo dominante entre os vertebrados, con máis de 27.000 especies actuais que desenvolveron estratexias adaptativas que lles permitiron colonizar toda clase de ambientes acuáticos, tanto mariños como dulceacuícolas. Os peixes máis coñecidos pertencen a este grupo: troitas, salmóns, sardiñas, percas, arenques, atúns, linguados, carpas, anguías etc.
[editar] Características
A característica principal dos actinopterixios é a presenza dun esqueleto de espiñas óseas nas aletas (o termo Actinopterygii significa "aletas radiadas"). Teñen o cranio parcialmente calcificado e recuberto por ósos dérmicos, e un só par de aberturas branquiais protexidas por un opérculo.
Posúen escamas ganoideas (carácter autapomórfico, é dicir, exclusivo do grupo). Nos peixes modernos a escama ganoidea redúcese (leptoidea) e preséntanse dous tipos distintos: cicloideas e ctenoideas, nas que só hai tecido óseo laminar (sen a ganoína e o tecido óseo esponxoso das escamas ganoideas).
[editar] Clasificación
A clasificación taxonómica do grupo é complexa e suxeita a controversias, comezando pola súa integración nos osteíctios, xunto ós sarcopterixios, tendo presente que a clase Osteichthyes se considera actualmente un grupo parafilético. O World Register of Marine Species considera sinónimos Actinopterygii e Osteichthyes [1].
Admítense dúas subclases dentro dos actinopterixios:
- Subclase Chondrostei: formas primitivas e próximas ós membros extintos de Chondrostei. Comprende os esturións e os bichires.
- Subclase Neopterygii: grupo máis moderno, que inclúe a gran maioría das especies actuais dentro dos teleósteos.