Rebezo
| Rebezo | |||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Femia de rebezo nos Alpes austríacos |
|||||||||||||||||
| Estado de conservación | |||||||||||||||||
| Clasificación científica | |||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||
| Nome binomial | |||||||||||||||||
| Rupicapra rupicapra (Carl von Linné, 1758) |
|||||||||||||||||
|
Distribución Rupicapra rupicapra
|
|||||||||||||||||
| Subespecies | |||||||||||||||||
|
Unhas 7, ver texto |
|||||||||||||||||
O rebezo (Rupicapra rupicapra) é un bóvido da subfamilia Caprinae presente nalgunhas cadeas montañosas de Europa, como os Cárpatos, os Alpes, o Cáucaso e certas zonas montañosas dos Balcáns, Eslovaquia e Turquía. Certos autores clasifican os exemplares dos Pirineos e a Cornixa Cantábrica como unha especie á parte, Rupicapra pyrenaica, aínda que isto non é algo que sexa adoptado aínda por toda a comunidade científica internacional.
Índice |
Descrición [editar]
A lonxitude do corpo nos exemplares adultos oscila entre os 110 e os 130 centímetros, aos que hai que engadir os 3 ou 4 centímetros achegados pola curta cola. A altura na cruz é de 70-80 centímetros e o peso varía entre 20 e 30 quilos. Os machos son maiores cás femias, coas cores máis escuras e marcadas e a cornamenta de maior lonxitude. Esta nace cara arriba e cúrvase fortemente cara atrás como un par de ganchos, tendo unha lonxitude moito menor cá doutros caprinos da súa contorna, como o íbice e a cabra montesa. Os pezuños son fíos e altamente versátiles, capaces de facer subir ao seu dono polas rochas e o xeo sen problema ningún. Isto débese ao senlleiro deseño das almofadas que ocupan a parte central dos súas pezuños.
A cor da pelaxe varía segundo a época do ano. No verán é pardo-avermellada, co bandullo, gorxa, fociño e glúteos de cor esbrancuxada, estando a transición entre unha cor e outro pouco marcada. Obsérvase unha banda de pelaxe negra dende a boca aos ollos. Tamén é negra o lombo da cola.
No inverno, pola contra, o pelo é moito máis denso e escuro. O lombo, as patas e a parte posterior do pescozo vólvese parda escura ou grisácea. O negro, ademais de na cola e na cara (onde aumenta en extensión e os seus bordos están máis remarcados), obsérvase tamén formando unha banda moi marcada dende a parte posterior das orellas á base do pescozo, pola parte de diante. Estas bandas negras continúanse na parte alta das patas anteriores e posteriores e nos costados do corpo. O rostro, parte dianteira do pescozo, pés, ventre e glúteos son brancos.
Os rebezos son animais sociais que se moven en pequenos grupos á procura de pastos de montaña. Estes grupos están formados só por machos (que tamén poden ser solitarios) ou só por femias e as súas crías, os cales só se reúnen durante a época de celo. Son de costumes diúrnas, aínda que a medio día adoita decrecer a súa actividade, que é maior durante a mañá e a últimas horas da tarde. A vista, olfacto e oído son excelentes. Isto axúdalles a identificar axiña aos seus depredadores, como osos, lobos, linces e homes. Outros perigos que axexan aos rebezos son os aludes, ata o punto de que non é raro atopar rabaños enteiros mortos pola súa causa na época do desxeo. Porén, esta especie non só non se considera ameazada senón que a súa caza está permitida en determinadas zonas.
A esperanza de vida destes animais é duns 20 anos.
Reprodución [editar]
Os rebezos españois entran en celo entre outubro e novembro, mentres que os centroeuropeos fano en novembro e as primeiras semanas de decembro. Durante ese tempo, os grupos de machos seguen aos de femias e únense a eles, formándose entón fortes enfrontamentos entre os machos, que loitan testa contra testa polo dereito a reproducirse.
A xestación dura ao redor de 20 semanas, ao termo das cales nace unha soa cría. Esta acada a madurez sexual entre os 2 e os 4 anos, madurando antes as femias cós machos.
Citáronse casos de híbridos entre rebezos e cabras, sempre estériles, mais a existencia destes mesmos híbridos non puido ser probada nunca de forma fehacente.
Subespecies [editar]
- R. r. asiatica: Rebezo turco, en estado descoñecido.
- R. r. cartusiana: Rebezo do Delfinato (Italia), en perigo crítico de extinción.
- R. r. caucasica: Rebezo do Cáucaso.
- R. r. pyrenaica: Rebezo dos Pirineos
- R. r. parva: Rebezo cantábrico
- R. r. rupicapra: Rebezo alpino.
- R. r. tatrica: Rebezo dos montes Tatra, en Eslovaquia e Polonia, en perigo de extinción.