Portal:Barcelona/Biografía destacada/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todos os artigos destacados no portal Barcelona:

1[editar a fonte]

Antoni Gaudí Cornet, nado en Reus ou en Riudoms (Cataluña) o 25 de xuño de 1852 e finado en Barcelona, o 10 de xuño de 1926, foi un arquitecto catalán, recoñecido internacionalmente como un dos xenios máis relevantes da súa disciplina. O seu estilo, moi complexo de clasificar, pódese definir como unha mestura entre o Art Nouveau (modernismo) e o Neogótico, aínda que elementos cubistas e surrealistas en xeral atópanse nalgunhas das súas obras. Católico confeso, moi reservado e profundamente catalanista, morreu despois de ser atropelado por un tranvía na cidade de Barcelona, lugar onde se atopaba a traballar na súa derradeira obra, o Templo expiatorio da Sagrada Familia.


2[editar a fonte]

Montserrat Concepción Viviana Caballé Folch, nada en Barcelona o 12 de abril de 1933, é unha soprano lírica. É recoñecida pola súa técnica vocal e é unha das máis admiradas cantantes de ópera do mundo. Acadou moita sona pola súa técnica e as súas interpretacións dos grandes papeis de bel canto de Rossini, Bellini e Donizetti.


3[editar a fonte]

Ada Colau Ballano, nada en Barcelona o 3 de marzo de 1974, é unha activista social e política catalá, alcaldesa da cidade de Barcelona dende o 13 de xuño de 2015.

Foi unha das fundadoras da Plataforma de Afectados por la Hipoteca en Barcelona no 2009 e a súa portavoz ata 2014. Foi cabeza de lista nas eleccións municipais de 2015 da coalición electoral Barcelona en Comú, formación que conseguiu ser a máis votada na cidade de Barcelona.


4[editar a fonte]

Pompeu Fabra i Poch, nado en Gràcia o 20 de febreiro de 1868 e finado en Prada de Conflent o 25 de decembro de 1948, foi o estabilizador da actual normativa da lingua catalá.

Enxeñeiro industrial de profesión, dedicouse desde moi novo ao estudo do catalán. Desde a revista L'Avenç, promoveu unha campaña para reformar a ortografía da lingua catalá (1890-91), que era moi arcaizante, e en 1904 publicou conxuntamente con Jaume Massó i Torrents e Joaquim Casas i Carbó un Tractat d'ortografia catalana.


5[editar a fonte]

Pau Gasol Sáez, nado en Barcelona o 6 de xullo de 1980, é un xogador catalán profesional de baloncesto que xoga para Chicago Bulls da National Basketball Association (NBA). Fillo de Marisa Sáez e Agustí Gasol, pasou case toda a súa infancia xogando en equipos de Cataluña. O irmán de Pau, Marc Gasol, é tamén xogador profesional de baloncesto, actualmente forma parte do plantel dos Memphis Grizzlies da NBA.

Gasol foi escollido polos Atlanta Hawks no Draft da NBA de 2001, mais os seus dereitos foron vendidos á recén trasladada franquía dos Memphis Grizzlies, antigamente en Vancouver, e onde gañou o premio ao Rookie do Ano da NBA. Actualmente posúe os maiores rexistros da franquía de Memphis en partidos xogados, minutos xogados, tiros de campo feitos e anotados, tiros libres feitos e anotados, rebotes totais, defensivos e ofensivos, tapóns, roubos e puntos. Despois de sete anos nesa franquía, Gasol foi traspasado ós Los Angeles Lakers o 1 de febreiro de 2008.


6[editar a fonte]

Artur Mas i Gavarró, nado en Barcelona o 31 de xaneiro de 1956, é un economista e político catalán, foi o 129 presidente da Generalitat de Cataluña desde o 23 de decembro de 2010 ata o 10 de xaneiro de 2016, data en que foi sucedido por Carles Puigdemont.

É tamén presidente da federación de Convergència i Unió (CiU) e presidente de Convergència Democràtica de Catalunya. Foi conselleiro de Política Territorial e Obras Públicas da Generalitat de Cataluña de 1995 a 1997, de Economía e Finanzas de 1997 a 2001 e Conselleiro Xefe (Conseller en Cap) entre 2001 a 2003. Foi o líder da Oposición do Parlamento de Cataluña de maio de 2004 a decembro de 2010.


7[editar a fonte]

Gerard Piqué i Bernabéu, nado en Barcelona o 2 de febreiro de 1987, é un futbolista catalán que xoga como defensa no Futbol Club Barcelona. Foi o terceiro futbolista, tras Marcel Desailly e Paulo Sousa, en lograr gañar a Liga de Campións da UEFA dous anos seguidos con dous equipos diferentes, no 2008 co Manchester United e no 2009 co Barcelona.

Tamén xoga na selección de fútbol de España, coa que gañou a Copa Mundial de Fútbol en 2010 e a Eurocopa de 2012, dous dos tres títulos do triplete conseguido pola selección entre 2008 e 2012, inédito na historia do fútbol.


8[editar a fonte]

Antoni Tàpies i Puig, nado en Barcelona o 13 de decembro de 1923 e finado na mesma cidade o 6 de febreiro de 2012, foi un pintor, escultor e teórico da arte catalán. É un dos principais expoñentes a nivel mundial do informalismo, está considerado como un dos máis destacados artistas ibéricos do século XX. A obra do artista catalán goza dun centro de estudo e conservación na Fundación Antoni Tàpies de Barcelona.

Autodidacta, creou un estilo propio dentro da arte de vangarda do século XX, cun estilo abstracto pero cheo de simbolismo, dando gran relevancia ao substrato material da obra. Cabe destacar o marcado sentido espiritual dado polo artista á súa obra, onde o soporte material transcende o seu estado para significar unha profunda análise da condición humana.


9[editar a fonte]

Joan Manuel Serrat i Teresa, nado en El Poble-sec (Barcelona) o 27 de decembro de 1943, é un cantautor catalán . Trátase dunha das figuras máis destacadas da cación moderna tanto en lingua catalá e castelá. A súa obra contén influencies doutros poetas com Mario Benedetti, Antonio Machado, Miguel Hernández, Rafael Alberti, Federico García Lorca, Pablo Neruda ou León Felipe; así como de xéneros diversos como o folclore catalán, a copla andaluza, o tango, o bolero e do cancioneiro popular da América Latina, con versións de cancións de Violeta Parra e Víctor Jara. É un dos pioneiros da Nova Cançó catalá. Joan Manuel Serrat é coñecido tamén cos alcumes de El noi del Poble-sec (o seu barrio natal) e o Nano na Arxentina.


10[editar a fonte]

Francesc Pi i Margall, nado en Barcelona o 20 de abril de 1824 e finado en Madrid o 29 de novembro de 1901, foi un político, pensador e escritor catalán, presidente da Primeira República Española dende febreiro de 1873 até xaneiro de 1874. Partidario dun modelo federalista para a Primeira República, soubo unir as influencias de Proudhon para levar a cabo a política do Estado.