Víctor Jara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Víctor Jara
Nome completo Víctor Lidio Jara Martínez
Alias Víctor Jara
Naceu 28 de setembro de 1932 San Ignacio
Orixe Flag of Chile.svg Chile
Morreu 16 de setembro de 1973 Santiago de Chile
Ocupación (s) Cantautor, compositor, profesor, director de teatro
Xénero Música folclórica
Nueva Canción Chilena
Instrumento(s) Vocalista, guitarra española
Selo(s) discográfico (s) Odeon, DICAP, Warner
Relacionado con Joan Jara (dona)
Tempo en activo 1957-1973
Web Fundación Víctor Jara

Víctor Lidio Jara Martínez, nado en San Ignacio o 28 de setembro de 1932 e asasinado en Santiago de Chile o 16 de setembro de 1973, foi un músico, cantautor e director de teatro chileno. Procedente dunha familia campesiña, converteuse nun referente internacional da canción reivindicativa e de cantautor. Foi asasinado durante a represión que seguiu ó golpe de estado do Xeneral Augusto Pinochet contra o goberno democrático de Salvador Allende o 11 de setembro de 1973.

"Que el canto tiene sentido,
cuando palpita en las venas
del que morirá cantando
las verdades verdaderas,
no las lisonjas fugaces
ni las famas extranjeras
sino el canto de una lonja
hasta el fondo de la tierra."

"Ahí donde llega todo
y donde todo comienza,
canto que ha sido valiente
siempre será canción nueva."

"Manifiesto" - Victor Jara

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia[editar | editar a fonte]

Fillo de pais campesiños, inquilinos da pequena localidade de Quiriquina, a 30 minutos de Chillán, onde se arraiga un profundo folclore. O seu pai, Manuel Jara, traballaba nos labores propios do campo intentando arrancar algún rendemento á eira que lle alugaran. A súa nai, Amanda, cantora (cun amplo coñecemento da cultura popular, orixinaria do sur de Chile e con sangue Mapuche), tocaba a guitarra, coa que acompañaba as cancións á luz das fogueiras en torno ás que se reunían os veciños e traballadores, e á luz da cal xogaban os nenos mentres Víctor se tumbaba a ver as estrelas pola noite. A familia completábase con María, Georgina (Coca), Eduardo (Lalo), Víctor e Roberto, o menor.

Desde neno, xa con seis ou sete anos, Víctor Jara viuse na obriga de acompañar nos traballos do campo á familia e a realizar tódalos labores propios encargados ós cativos (buscar auga, leña...). A actividade de cantora da súa nai supúxolle o primeiro contacto coa música. Acompañábaa a tódolos acontecementos ós que era requirida (vodas, bautizos, velorios...). A mala relación co seu pai provocou que Víctor se unira máis á súa nai, quen se preocupou da educación dos fillos mandándoos á escola, onde Víctor axiña destacou.

O seminario[editar | editar a fonte]

Trasladáronse á Poboación de Nogales, onde volveu atoparse con Julio e Humberto Morgado, compañeiros da escola primaria. A familia Morgado proporcionou a Víctor comida e cama. Víctor deixou os estudios e traballou nunha fábrica de mobles e axudaba a Pedro Morgado, pai dos seus compañeiros, no seu traballo de transportista.

Por consello do pai Rodríguez ingresa no seminario da Orde dos Redentoristas en San Bernardo. Víctor recorda así a decisión:

Para mi fue una decisión muy importante ingresar al seminario. Al pensarlo ahora, desde una perspectiva más dura, creo que lo hice por razones íntimas y emocionales, por la soledad y la desaparición de un mundo que hasta entonces había sido sólido y perdurable, simbolizado por un hogar y el amor de mi madre. Yo ya estaba relacionado con la iglesia, y en aquel momento busqué refugio en ella. Entonces pensaba que ese refugio me guiaría hacia otros valores y me ayudaría a encontrar un amor diferente y más profundo que quizá compensaría la ausencia de amor humano. Creía que hallaría ese amor en la religión dedicándome al sacerdocio.

Dous anos despois, en 1952, abandonaría o seminario ó decatarse da súa falta de vocación, pero lembrando positivamente o canto gregoriano e a parte de interpretación da liturxia. Cando sae do seminario vai realizar o servizo militar.

A música e o teatro[editar | editar a fonte]

Con 21 anos entra no coro da Universidade de Chile e participa na montaxe de Carmina Burana, comezando así o seu traballo de investigación e recompilación folclórica. Tres anos máis tarde forma parte da compañía de teatro "Compañía de Mimos de Noisvander", e empeza a estudar actuación e dirección na Escola Teatro da Universidade.

En 1957 entra a formar parte do grupo de cantos e danzas folclóricas Cuncumén e coñece a Violeta Parra, que o anima a seguir cantando.

Con 27 anos, en 1959, dirixe a súa primera obra de teatro: Parecido a la felicidad de Alejandro Sieveking, facendo actuacións por varios países latinoamericanos. Como solista do grupo folclórico grava o seu primeiro disco, dúas panxoliñas. No ano seguinte participa como asistente de dirección na montaxe de La Viuda de Apablaza de Germán Luco Cruchaga, sendo o director Pedro de la Barra, e dirixe a obra La Mandrágora de Machiavello.

En 1961 e como director artístico do grupo Cuncumén viaxa polos Países Baixos, Francia, Unión Soviética, Checoslovaquia, Polonia, Romanía e Bulgaria.

Ese mesmo ano compón a súa primeira canción, "Paloma quiero contarte", e segue traballando como asistente de dirección na montaxe de La Madre de los Conejos de Alejandro Sieveking. Ó ano seguinte dirixiría para Ituch a obra Animas de Día Claro, tamén de Alejandro Sieveking.

Grava co grupo Cuncumén o álbum Folclore Chileno, onde ten dúas cancións propias, Paloma quiero contarte e La Canción del minero. Comeza a desempeñar a función de director na "Academia de Folclore de la Casa de la Cultura de Ñuñoa", cargo que desempeñaría ata 1968. Nesa mesma época e ata 1970 forma parte do equipo estable de directores do Instituto de Teatro de la Universidad de Chile, Ituch, e entre 1964 e 1967 é profesor de actuación na Universidade.

O traballo de dirección teatral lévalle moito tempo e realiza, ben como asistente de dirección ou como director, varias montaxes, entre elas unha para a TV (para Canal, a TV da Universidade de Chile) realizando unha xira por Arxentina, Uruguai e Paraguai coa obra Animas de día claro de Alejandro Sieveking. En 1963 é asistente de dirección de Atahualpa del Cioppo na montaxe de El círculo de tiza de Bertolt Brecht, para o Ituch.

Segue compoñendo música e en 1965 dirixe a obra La remolienda de Alejandro Sieveking, e a montaxe de La maña de Ann Jellicoe para o Ictus, polas que recibe o premio Laurel de Oro como mellor director e o premio de La Crítica do Círculo de Periodistas á mellor dirección por La maña.

Cantautor[editar | editar a fonte]

Exerce de director artístico para o grupo Quilapayún entre os anos 1966 e 1969 e ata 1970 actúa como solista en La Peña de los Parra. Segue cantando e dirixindo obras de teatro, e en 1966 grava o seu primeiro álbum, Víctor Jara, editado por Arena.

Coa casa Emi-Odeón gravaría ó ano seguinte os álbums Víctor Jara e Canciones Folclóricas de América, xunto a Quilapayún.

Segue traballando como director teatral e monta de novo La remolienda recibindo o premio da Crítica pola dirección de "Entretenimiento a Mr. Sloane" e o Disco de Prata do selo Emi-Odeón.

En 1969 monta a obra Antígona de Sófocles para a Compañía da Escola de Teatro da Universidade Católica. Coa canción Plegaria a un labrador gaña o primeiro premio no Primer Festival de la Nueva Canción Chilena e viaxa a Helsinqui para participar nun Mitin Mundial de Mozos por Vietnam e grava Pongo en tus manos abiertas.

En 1970 participa en Berlín na Conversación Internacional de Teatro, e en Bos Aires no Primeiro Congreso de Teatro Latinoamericano. Implícase na campaña electoral da Unidad Popular e saca o disco Canto libre.

É nomeado Embaixador Cultural do goberno da Unidade Popular e en 1971 pon música, xunto con Celso Garrido Lecca, ó ballet Los siete estados de Patricio Bunster para o Ballet Nacional de Chile. Xunto a Violeta Parra e Inti-Illimani entran no Departamento de Comunicacións da Universidade Técnica do Estado. Coa casa Dicap edita o disco El derecho de vivir en paz que lle vale o premio Laurel de Oro á mellor composición do ano.

Traballa como compositor de música para continuidade na Televisión Nacional de Chile desde 1972 ata 1973, e investiga e recompila testemuñas en Herminda de la Victoria, nas que basearía o seu disco La población. Viaxa á URSS e a Cuba e dirixe a homenaxe a Pablo Neruda pola obtención do Premio Nobel.

Os campesiños de Ranquil invítano á realización dunha obra musical sobre o lugar e dentro do seu compromiso social toma parte nos traballos voluntarios para impedir a paralización do país que as forzas reaccionarias queren lograr mediante a folga de camioneiros.

Ese mesmo compromiso levarao en 1973 a realizar diferentes actos, participando na campaña electoral para as eleccións ó parlamento a favor dos candidatos da Unidade Popular, e respondendo a un chamamento de Pablo Neruda participa dirixindo e cantando nun ciclo de programas de TV contra a guerra e o fascismo. Traballa en varios discos que xamais poderá gravar e realiza a gravación de Canto por travesura

O golpe de estado do xeneral Augusto Pinochet contra o presidente Salvador Allende o 11 de setembro dese ano sorpréndeo na Universidade Técnica do Estado. É detido xunto con outros alumnos e profesores. Lévano ó Estadio Chile, onde permanece detido varios días. Segundo algunhas versións, é torturado durante horas, golpeándolle as mans ata romperllas coa culata dun revólver, e finalmente dispáranlle o día 16 de setembro, atopándose o seu corpo tres días máis tarde [1] . A súa viúva, Joan Jara, negou que lle arrincaran as unllas e outra serie de torturas ás que se di que foi sometido.

Foi un destacado militante do Partido Comunista de Chile, sendo membro do comité central das Xuventudes Comunistas de Chile ata o momento do seu asasinato. Estando preso escribiu o seu último poema e testemuña: Somos cinco mil

Somos cinco mil

en esta pequeña parte de la ciudad.
Somos cinco mil
¿Cuántos seremos en total
en las ciudades y en todo el país?
Solo aquí
diez mil manos siembran
y hacen andar las fabricas.
¡Cuánta humanidad
con hambre, frío, pánico, dolor,

presión moral, terror y locura!

Recoñecemento do seu asasinato[editar | editar a fonte]

En 1990 a Comisión de Verdad y Reconciliación determinou que as forzas da orde executaron[2] a Víctor Jara o 16 de setembro de 1973 no Estadio Chile e que o botaron nunhas matogueiras nas cercanías do Camposanto Metropolitano situado á beira da Estrada 5 Sur. Logo levárono á morgue como NN, onde máis tarde sería identificado pola súa esposa. Os seus restos atópanse no Camposanto Xeral de Santiago de Chile.

Como homenaxe, a 30 anos do Golpe Militar, en setembro de 2003 o Estadio Chile recibiu o seu nome.

Obra[editar | editar a fonte]

Teatro[editar | editar a fonte]

Dirección:

Asistente de dirección:

Discografía[editar | editar a fonte]

Discos de estudio[editar | editar a fonte]

  • Víctor Jara (1960).
  • Canciones Folclóricas de América (1968).
  • Pongo en tus manos abiertas (1969).
  • Canto libre (1970).
  • El derecho de vivir en paz (1971).
  • La población (1972).
  • Canto por travesura (1973).

Discos en vivo[editar | editar a fonte]

  • El recital (1978).
  • Víctor Jara en México (1996).
  • Víctor Jara habla y canta (1996).

Películas e documentais[editar | editar a fonte]

  • El Tigre Saltó y Mató, Pero Morirá... Morirá.... Director: Santiago Álvarez – Cuba (1973)
  • Compañero: Víctor Jara of Chile. Directores: Stanley Foreman/Martin Smith (Documental) – Gran Bretaña (1974)
  • Il Pleut sur Santiago, con André Dussollier; Director: Helvio Soto – Francia (1976)
  • April Hat 30 Tage. Director: Gunther Scholz - Alemaña (1978)
  • El Cantor. Director: Dean Reed; Autor: Wolfgang Ebeling – Alemaña (1978)
  • Freedom Highway: Songs that Shaped a Century. Director: Philip King – EE.UU (2001)
  • El Derecho de Vivir en Paz. Documental DVD - España (2003)
  • La Tierra de las 1.000 Músicas [Episode 6: La Protesta]. Directors: Luis Miguel/González Cruz – España (2005) [3]

Curiosidades e homenaxes[editar | editar a fonte]

  • É mencionado na cancion "Libertad" do grupo de reggae chileno Gondwana: "no puedo olvidar, el canto libre de Víctor Jara".
  • A letra da canción "One Tree Hill" (A Colina dunha árbore) do álbume The Joshua Tree (1987) de U2 fai referencia a Víctor Jara.
  • O cantautor cubano Silvio Rodríguez, no disco gravado en vivo desde Chile en 1990 fala con emoción de Victor Jara. Tamén no disco Silvio (1992) menciónao novamente na canción "Quién fuera", pero nesta ocasión fai referencia de forma moi poética a Victor como unha melodía díficil de alcanzar. Tamén é homenaxeado no tema "El hombre extraño".
  • O grupo Iquique, no seu disco Canto a Chile, adícalle a primeira canción a Victor Jara.
  • Víctor Jara é mencionado na canción "Washington Bullets" de The Clash
  • É mencionado na canción "El Matador" de Los Fabulosos Cadillacs
  • Tamén se lle menciona na canción "Los Salieris de Charly" de León Gieco
  • O grupo español Ska-P fixo un cover da canción "Juan Sin Tierra"
  • O grupo español Reincidentes fixo unha versión de "Plegaria de un labrador" no disco Cosas de este mundo.
  • O lexendario cantante folclórico holandés Cornelis Vreeswijk adicou dous álbums completos á música de Víctor Jara.
  • O primeiro álbum da banda Los Búnkers contén un cover de "El Derecho de Vivir en Paz".
  • A banda Aterciopelados menciónao xunto con outros artistas da Nova Canción como Violeta Parra en "Canción protesta".
  • O grupo español Fe de Ratas versionou "Te recuerdo Amanda".
  • O grupo valenciano Obrint Pas adícalle a canción "Una Història d'amor" no disco Benvingut al Paradís.
  • O 22 de setembro de 1973 o astrónomo soviético Nikolai Stepanovich Chernykh chamou a un asteroide recentemente descuberto como "2644 Victor Jara", en recordo da súa vida e obra artística.
  • O cantautor peruano Daniel F usualmente canta unha version de "Te recuerdo Amanda".
  • Unha goleta de pesca construida en 1917 en Dinamarca foi renomeada en tributo a Víctor Jara. Hoxe navega en eventos sociais e culturais, e cando non navega en alta mar está situada no museo do peirao Lübeck, en Alemaña.
  • O grupo arxentino Attaque 77 rendiulle homenaxe no disco Tributo Rock Víctor Jara, facendo unha versión de Herminda de la Victoria.
  • É mencionado na versión de "La Cucaracha" de Lila Downs, no disco "Una Sangre".
  • Jorge Gonzalez (ex-lider dos prisioneiros) canta nun disco homenaxe Paloma quiero contarte.
  • É nomeado na canción "Alerta Guerrillas" do disco Dale Aborigen do grupo arxentino Todos Tus Muertos.
  • Los Miserables, grupo de rock chileno, ríndelle homenaxes cunha versión rock de "Te Recuerdo Amanda", coa voz de Jorge González.
  • Na etapa de solista de Jorge González, adicoulle a canción "Corre como el agua", do seu disco Mi destino: confesiones de una estrella del rock (2000).
  • Ismael Serrano, cantautor español, nomea a Jara e "Te Recuerdo Amanda" na canción "Vine Del Norte", do disco La memoria de los peces.
  • Na cancion "Historia de nadie" do grupo Malpaís faise referencia a "Te recuerdo Amanda".
  • O grupo Kambotes ten unha canción dedicada ó artista baixo o titulo "Víctor Jara no murió".
  • Fermin Muguruza (ex-Kortatu) realiza unha versión de "El derecho de vivir en paz" en euskara.
  • O grupo chileno Weichafe rinde tributo a Victor Jara, facendo unha versión de "Te recuerdo Amanda" e "El cigarrito".
  • Manolo García e o seu grupo pechan tódolos seus concertos cunha versión do corrido "Juan Sin Tierra", de Víctor Jara. O tema incluíuse como cara B dun sinxelo seu.
  • Ixo Rai! o menciona na canción "Un extraño".
  • Boom Boom Kid, cantante arxentino , lider da banda Fun People, nun tributo a Victor Jara gravou a canción "Te recuerdo Amanda", incluída no seu disco The Manny Manny Moods of BBK!.
  • En 1979, o cantautor chileno Fernando Ubiergo realiza unha versión de Te Recuerdo Amanda no programa "Canturreando" de Canal 13, desobedecendo as ordes previas de non cantar cancións comunistas durante o goberno Militar.
  • Adrian Dargelos, do grupo Babasonicos, adicoulle a Victor Jara a cancion "Valle de valium", no recital que ofreceron no estadio Victor Jara.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Informe Rettig: Tercera Parte (Capitulo I) Reproducida por. memoriaviva.com. Revisado el 30 de julio de 2007.
  2. Informe da Comisión
  3. Filmografía de Victor Jara imdb.com. Revisado el 30 de julio de 2007

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos=[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

(todas en castelán)

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Víctor Jara
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Víctor Jara