Ponte da Barca, río Lérez
Coordenadas: 42°25′59″N 08°39′10″W / 42.43306°N 8.65278°W
| Ponte da Barca | |
|---|---|
| Río | Lérez |
| Concello | Pontevedra - Poio |
| Provincia | Pontevedra |
| Data | 1894-1905 |
| Lonxitude | |
| Ancho | |
| Gálibo | |
| Tipo | |
| Material | Aceiro e pedra |
A ponte da Barca é unha construción sobre o río Lérez, xa na súa desembocadura na ría de Pontevedra, que une a vila de Pontevedra (no barrio da Moureira) co concello de Poio.
Índice |
Antecedentes[editar]
Segundo documentación de 1197, daquela o paso en barca, que deu nome ao lugar, era controlado polos monxes beneditinos do mosteiro de San Xoán de Poio.
No século XIX a Sociedade de Mareantes de Pontevedra explotou o paso, o que a levou a enfrontamentos co mosteiro de Poio, o marqués de Riestra e a Mariña española. Para evitar estes enfrontamentos, vista a necesidade de construír unha ponte, creouse a "Sociedad comanditaria constructora del puente de La Barca", conformada pola Sociedade de Mareantes, veciños de Poio e socios capitalistas.
Primeira ponte[editar]
A primeira ponte da Barca, de madeira e de baixa altura, comezou a construírse en 1867, comezando a súa explotación en 1871[1]. A obra tiña un tramo levadizo, que se izaba cun cabestrante para permitir o paso de barcos de grandes mástiles cara aos peiraos da Galera e O Burgo.
Segunda ponte[editar]
As administracións, especialmente o marqués de Riestra, que tiña unha leira e unha fábrica na Caeira, e políticos coma Eduardo Vincenti ou Montero Ríos, reclamaron a construción dunha ponte elevada e doutra paralela para o paso do ferrocarril.
En 1894 impúxose a construción dunha obra de metal, como se viña facendo na arquitectura contemporánea, debido á maior facilidade do seu transporte e que permitía un manexo máis dúctil e unha execución de obra máis rápida. A obra recolle os postulados da arquitectura do ferro, que viñera difundindo o aceiro como material arquitectónico desde a realización por Joseph Paxton do pavillón Crystal Palace na Exposición Universal de Londres de 1851.
O deseño é de Luis Acosta e Eduardo Fungueiriño, e foi levado a cabo por Chavarri, Petrement e Cía. Durante a súa construción os obreiros contratados polo industrial Benito Corbal foron temporalmente á folga, que rematou coa mediación do gobernador civil, Augusto González Besada.
A ponte foi inaugurada o 3 de xullo de 1905. Tiña un ollo de 75 metros de luz, repousando sobre dous fortes sustentos de cachotaría, e tres arcos a cada lado, nos que se labraron motivos ornamentais de estilo gótico, do gusto da época. A véspera da inauguración fixéronse as probas de carga, colocándos 200 toneladas en carga estática e 13 carros de 4 toneladas cada un en carga dinámica.
A ponte converteuse nunha liña divisoria no barrio da Moureira, deixando a un lado a zona residencial dos mariñeiros, a ao outro a zona de tascas e prostíbulos.
Actualidade[editar]
Na actualidade, tralas reformas levadas a cabo a mediados da década de 1990, a ponte conta con dous sentidos de circulación para vehículos, e con beirarrúas cubertas para os peóns.
Notas[editar]
- ↑ Landín Tobío, P.: De mi viejo carnet. Deputación Provincial de Pontevedra, 1999. ISBN 84-89690-79-0 632.
Véxase tamén[editar]
Outros artigos[editar]
Ligazóns externas[editar]
- "Al pasar A Barca me dijo el barquero", artigo de Manuel Jabois. Diario de Pontevedra, 29 de novembro de 2009 (en castelán).