Augusto González Besada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Boletín RAE VI (1919).djvu

Augusto González Besada y Mein, nado en Tui o 24 de xuño de 1865 e finado en Madrid o 4 de xuño de 1919, foi un avogado e político galego. Foi ministro de Facenda, ministro de Gobernación e ministro de Fomento durante o reinado de Afonso XIII.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Augusto González Besada era membro dunha das familias máis poderosas de Pontevedra na que tanto o seu pai Basilio González Besada como os seus tíos Rafael e Sabino foron deputados provinciais e ademais este último foi gobernador civil en dúas ocasións e presidente da Deputación (1896-1898). Tras estudar o bacharelato en Pontevedra, continuou a súa formación na Universidade de Santiago onde estudou Dereito licenciándose en 1885 tras o cal afiliouse ao Colexio de Avogados de Pontevedra exercendo a avogacía tamén, con gran prestixio, en Madrid.

Membro do Partido Conservador comezou a súa carreira política obtendo acta de deputado no Congreso, polo distrito de Cambados, en 1899; escano que volvería obter nas eleccións de 1901, 1903 e 1905. Tras obter nos seguintes procesos electorais escanos polas circunscricións de Cádiz (1907), Almería (1910) e Alacant (1914), finalizaría a súa carreira como deputado representando a Lugo ao obter a acta correspondente nas eleccións celebradas entre 1916 e 1919.

Tras ser, en 1902, subsecretario de Facenda será nomeado, entre o 20 de xullo e o 5 de decembro de 1903, ministro de Facenda por Fernández Villaverde converténdose no Ministro de Facenda máis novo da Restauración borbónica en España. Esta mesma carteira ministerial desempeñaríaa noutras dúas ocasións: entre o 14 de setembro de 1908 e o 21 de outubro de 1909 en senllos gabinetes Maura. Tamén foi ministro de Gobernación entre o 27 de xaneiro e o 23 de xuño de 1905 con Fernández Villaverde, e ministro de Fomento entre o 25 de xaneiro de 1907 e o 14 de setembro de 1908 con Maura.

Ademais, actuou como un dos portavoces da oposición conservadora que rexeitou a lei de Substitución dos Consumos urdida por José Canalejas e Rodrigáñez, e anunciou o bloqueo unha vez os conservadores volvesen ao goberno, como así ocorreu. Foi presidente do Congreso (1914), dos Consellos de Estado, Instrución Pública e Fomento e a Xunta Central de Colonización. En 1915, Maura propúxoo como membro da Real Academia Española. Tamén foi membro da Academia de Ciencias Morais e Políticas, e da de Xurisprudencia chegou a ser presidente.

Entre os seus discursos político-literarios merece recordarse o que en 1905, sendo ministro da Gobernación, pronunciou en sesión solemne, con motivo do terceiro centenario do Quixote, baixo o título Apuntes de Sancho para gobernar la ínsula Barataria.

Asturias, que o nomeou fillo adoptivo, houbo de agradecerlle importantes consignacións que destinou para melloras en portos como os de Ribadesella, Villaviciosa e Xixón, así como para a repoboación dos ríos; pero, sobre todo, expresoulle o máximo recoñecemento polo decidido apoio que prestou á favorable resolución do proxecto dos chamados ferrocarrís estratéxicos. Do 2 ao 11 de agosto de 1911, en ocasión de desempeñar novamente a carteira de Fomento, realizou González Besada un longo percorrido por Asturias, onde visitou Sama de Langreo, Lena, Llanes, Ribadesella, Luarca e Vegadeo.

Foi presidente honorario da Exposición Rexional de 1909 xunto ao Marqués de Figueroa (Juan Armada). Como tal, o 28 de novembro de 1909 recibiu o título de fillo adoptivo de Santiago de Compostela de mans do alcalde accidental, Salvador Cabeza de León.

O 4 de xuño de 1919, tres días despois das eleccións xerais, González Besada faleceu. Substituiríao como deputado por Lugo o seu fillo Carlos González Besada y Giráldez. Ao ano seguinte, para honrar a súa memoria, Afonso XIII creou o condado de González-Besada, en favor da súa viúva.


Predecesor:
Faustino Rodríguez San Pedro
Cayetano Sánchez Bustillo
José de Caralt Sala
Ministro de Facenda
1903
1908 - 1909
1918
Sucesor:
Guillermo de Osma Scull
Juan Alvarado del Saz
Santiago Alba Bonifaz
Predecesor:
Francisco González de Castejón Elío
Ministro de Gobernación
1905
Sucesor:
Manuel García Prieto
Predecesor:
Francisco de Federico Martínez
Ministro de Fomento
1907 - 1908
Sucesor:
Rafael Gasset Chinchilla

Obras e colaboración en xornais[editar | editar a fonte]

  • Cuadros de la literatura gallega en los siglos XIII y XIV (premio nos Xogos Florais de Santiago de 1885).
  • Historia crítica de la literatura gallega. Edad antigua (1887).
  • Deberes de ciudadanía olvidados o mal cumplidos por generaciones.
  • Rosalía de Castro (traducido ao galego por Pilar García Negro, A Nosa Terra, 2004).

Como xornalista colaborou con xornais e revistas da nosa terra como El País Gallego, El Libredón, El Extracto de la Literatura, Galicia, La Cruz de Santiago, La Revista ou na pontevedresa La Correspondencia Gallega.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Vallejo Pousada, Rafael; Pro Ruiz, Juan e Pan-Montojo, Juan (2005). Cobián, González Besada e Bugallal: Tres ministros galegos na crise da Restauración. Pontevedra: Deputación Provincial. ISBN 84-8457-255-2. 
  • Comín, F. et al. (2000). La Hacienda desde sus ministros. Del 98 a la guerra civil. ISBN 84-7733-540-0.