Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°25′40″N 08°38′14″O / 42.42778, -8.63722

Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra

Hospital Provincial de Pontevedra, sede da Escola de Enfermaría
Universidade: Universidade de Vigo
Localización: Pontevedra
Campus: Pontevedra
Enderezo: Rúa Joaquín Costa, 41
36004
Ano de fundación: 1974
Decano: Miguel Ángel Piñón Cimadevila[1]
Docentes: 28
Estudantes: 220
Teléfono: 886211900
Correo electrónico: secenfpo@uvigo.es
Páxina web: https://enfermeria.depo.gal/

A Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra é un centro educativo universitario adscrito á Universidade de Vigo, con sede en Pontevedra no centro da cidade, no Hospital Provincial de Pontevedra.

Historia[editar | editar a fonte]

A Escola de Enfermaría de Pontevedra tivo o seu xerme na antiga Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios (ATS) da Cruz Vermella, creada en 1974.[2][3] Esta escola de ATS xurdiu grazas ao impulso do catedrático de instituto e presidente delegado da Cruz Vermella de Pontevedra Marcelino Jiménez Jiménez, do director do Hospital Provincial de Pontevedra Manuel Castro-Rial Canosa e do presidente da Deputación de Pontevedra José Luis Peláez Casalderrey e foi creada pola Deputación de Pontevedra.[1] A Orde Ministerial do 19 de setembro de 1974 do Ministerio de Educación e Ciencia autorizou o funcionamento provisional da Escola.[4]

En 1975, pola Orde do 28 de xaneiro de 1975 autorizouse a creación da Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios Femininos de Pontevedra e fixouse a realización das súas actividades académicas e teórico-prácticas no "Gran Hospital Provincial" da Deputación Provincial, adscribiuse á Facultade de Medicina de Santiago de Compostela e aprobouse o regulamento da mesma.[4] Algúns meses despois, pola Orde do 2 de abril de 1975, creouse a Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios Femininos na Residencia Sanitaria da Seguridade Social Montecelo de Pontevedra (actual Hospital Montecelo) e adscribiuse tamén á Facultade de Medicina de Santiago de Compostela e aprobouse o regulamento da mesma.[5]

En 1978, polo Real Decreto 3117/1978, de 10 de novembro, a escola de ATS da Deputación de Pontevedra transformouse en Escola Universitaria de Enfermería e pasou a estar adscrita á Universidade de Santiago de Compostela ofrecendo así estudos universitarios de diplomatura.[6][2]

En 1990 por decreto da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de segregación de centros e servizos da Universidade de Santiago de Compostela, no seu artigo 1, a escola pasou a estar adscrita á Universidade de Vigo.[7]

A escola estivo situada no antigo fogar provincial na rúa Serra ata que en 1993 pasou a ter a súa sede na cuarta e quinta plantas do Hospital Provincial de Pontevedra.[2][3][1]

Desde setembro de 2011 o centro imparte os estudos do grao en Enfermaría organizado en catro cursos académicos, tras a implantación do Plan Boloña ou Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).[2]

Titulacións[editar | editar a fonte]

Na escola impártese o Grao en Enfermaría.[1]

Equipo directivo[editar | editar a fonte]

O director da escola de Enfermaría desde 2010 é Miguel Ángel Piñón Cimadevila.[1] A subdirectora é María Paz Diéguez Montes e a secretaria María Teresa Hermo Gonzalo. O delegado da universidade é Rafael Durán Barbosa.

Organización[editar | editar a fonte]

A Escola de Enfermaría é propiedade da Deputación de Pontevedra, á que lle custa cada ano 500.000 euros.[2]

A escola está rexida por un Padroado composto entre outros membros polo director da escola, o presidente da Deputación de Pontevedra, o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e un delegado da universidade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Miguel Ángel Piñón: «Los cuidados de la enfermería se hicieron más visibles en la pandemia»". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de agosto de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "De la escuela de ATS al grado". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de outubro de 2014. 
  3. 3,0 3,1 "Enfermería, de escuela a facultad: un largo camino para integrarse en la Universidade". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de marzo de 2021. 
  4. 4,0 4,1 "ORDEN de 28 de enero de 1975 por la que se autoriza la creación de una Escuela de Ayudantes Técnicos Sanitarios Femeninos de la Cruz Roja Española de Pontevedra" (PDF). Boletín Oficial del Estado (en castelán). 28 de febreiro de 1975. 
  5. "ORDEN de 2 de abril de 1975 por la que se autoriza la creación de una Escuela de Ayudantes Técnicos Sanitarios Femeninos en la Residencia Sanitaria de la Seguridad Social «Montecelo», de Pontevedra." (PDF). Boletín Oficial del Estado (en castelán). 5 de xuño de 1975. 
  6. "REAL DECRETO 3117/1978, de 10 de noviembre, por el que se aprueba la conversión de la Escuela de Ayudantes Técnicos Sanitarios de la Diputación Provincial de Pontevedra en Escuela Universitaria de Enfermería, adscrita a la Universidad de Santiago." (PDF). Boletín Oficial del Estado (en castelán). 10 de xaneiro de 1979. 
  7. "DECRETO DE SEGREGACION DE CENTROS E SERVICIOS DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA CON TODOLOS SEUS MEDIOS MATERIAIS E HUMANOS E DA SUA INTEGRACION NAS NOVAS UNIVERSIDADES DA CORUÑA E VIGO.". Diario Oficial de Galicia (en castelán). 24 de xaneiro de 1990. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]