Convento de San Francisco de Pontevedra
Coordenadas: 42°25′52″N 08°38′34″W / 42.43111°N 8.64278°W
O convento de San Francisco é un mosteiro franciscano de Pontevedra, situado no centro da vila. Na actualidade está ocupado por catro monxes[1].
Índice |
[editar] Historia
Segundo a tradición, o convento foi fundado por Francisco de Asís, que parou en Pontevedra mentres facía a ruta Portuguesa do camiño de Santiago. A chegada da orde franciscana á cidade tivo lugar posiblemente no último terzo do século XIII, sendo a edificación construída entre 1310 e 1360, contando coa axuda económica dos herdeiros de Pai Gómez Chariño nun solar da casa de Soutomaior, naquela época aínda fóra do perímetro da muralla da cidade.
A opulencia desta construción provocou envexa nos membros da orde dominica instalados na cidade, que remataran a súa igrexa dez anos antes, e que decidiron iniciar en 1380 a construción doutra igrexa maior que a franciscana, con cinco ábsidas. En 1362 iniciouse a construción da cabeceira da igrexa das monxas clarisas na cidade, similar á de San Francisco, pero de menor tamaño. Ademais destas tres construcións, a igrexa parroquial de San Bartolomé fora ampliada entre 1337 e 1339. Este gran apoxeo na construción debeuse ó gran número de doazóns económicas procedentes de familias pudentes, temorosas da morte procedente da peste bubónica que asolagou Europa nesa época.
A igrexa é de estilo gótico tardío ou oxival, e foi declarada monumento histórico-artístico en 1896. Ten planta de cruz latina, con nave única, cruceiro, cuberta de madeira e cabeceira con tres ábsidas poligonais, cubertas con bóvedas de crucería.
O edificio que ocupa a Delegación de Facenda foi construído en 1800, e inclúe a porta de Santo Domingo da antiga muralla da cidade, do século XIII.
No seu interior están os sartegos de Pai Gómez Chariño, Xoán Feijoo de Soutomaior, e Paio de Montenegro.
Logo da desamortización de Mendizábal o recinto quedou deshabitado, sendo propiedade do concello. O 15 de xaneiro de 1909, o pai Luis María Fernández Espinosa e 5 relixiosos máis volveron habitar o recinto, cun contrato de aluguer de 25 anos, a 250 pesetas por ano. En 1930 o templo foi cedido por Real Orde.
Nunha noite de verán de 1995 o templo sufriu un incendio, sendo restaurado pouco tempo despois.
Neste convento está o comedor de San Francisco, que de luns a sábado dá de comer a un bo número de necesitados.
[editar] Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes do Convento de San Francisco de Pontevedra.
-
Ánimas do Purgatorio
[editar] Notas
- ↑ "Cuatro monjes sostienen la Orden Franciscana", artigo en Faro de Vigo, 20 de febreiro de 2011 (en castelán).
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Juan Juega Puig: As orixes medievais de Pontevedra, en: vv.aa.: Historia de Pontevedra (Lérez Ediciones, 2002).
- "Nunca reprimí la angustia y la vergüenza al subir al púlpito", Artigo de Manuel Jabois no Diario de Pontevedra, 15 de xaneiro de 2009.