Rúa Real (Pontevedra)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°25′59″N 8°38′43″O / 42.433083333333, -8.6451944444444

Rúa Real
A fonte dos Tornos no medio do trazado da rúa
Tipoloxíarúa
Dimensións
Lonxitude0,20 km
Formatopeonil
Localización
InicioPraza de Celso García de la Riega
FinPraza de Curros Enríquez

A rúa Real é unha rúa da cidade de Pontevedra, situada no centro histórico da cidade.

Localización[editar | editar a fonte]

A rúa Real discorre de norte a sur entre a praza de Celso García de la Riega, preto da ponte do Burgo, e a praza de Curros Enríquez.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

As orixes da rúa sitúanse no trazado da antiga vía romana XIX do Itinerario de Antonino, cuxos vestixios se atopan baixo a actual calzada.[2] Séculos máis tarde, na Idade Media, a rúa converteuse en paso do camiño portugués a Santiago de Compostela, cando comezaron as peregrinacións.[2][3]

A partir de 1397 e durante os séculos seguintes a rúa foi coñecida como Rúa do Rego, debido a que recollía nunha canle central abundantes augas, entre elas as que manaban do lugar en que está a fonte dos Tornos.[4] En 1840 a rúa denominábase xa Rúa Real. En 1843 denominouse rúa Padilla.[4] Foi unha das primeiras rúas de Pontevedra en ser empedradas entre as décadas de 1850 e 1860[5] e en 1872 instalouse a fonte piramidal dos Tornos no medio do seu trazado.[6]

A principios do século XX a rúa Real era unha das principais da cidade polo tránsito de persoas xa que era lugar de paso obrigado para saír da cidade polo norte e pola súa vida mercantil e numerosos comercios.[7] En 1931 denominouse rúa Pi y Margall antes de retomar a súa denominación tradicional.[4]

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha rúa peonil empedrada de 200 metros de lonxitude, en pendente descendente cara ao norte, en pleno centro do casco antigo de Pontevedra, que conecta a praza de Celso García de la Riega, pasando polo lateral este da praza do Teucro, coa praza de Curros Enríquez. A súa anchura media é de 3,70 metros.

O centro do pavimento da rúa Real está delimitado por unha liña de pequenas luces azuis que indican o itinerario do Camiño Portugués.[8] No punto central do trazado da rúa atópase a Fonte dos Tornos. É unha fonte neoclásica de forma piramidal que foi construída en granito en 1872. A fonte substituíu a outra do século XVI que tiña forma de pera e remataba en piña.[7]

Na parte oeste da praza do Teucro, enfronte ao Pazo do Marqués de Aranda áchase unha fonte monumental construída en 1970 encostada ao muro de peche da praza que salva o desnivel coa rúa Real.

A rúa Real é unha das máis comerciais do centro histórico da cidade e punto de referencia do comercio tradicional. Nela atópanse establecementos con soleira como a Ferretería Gallega (Ferraxería Galega) aberta en 1947, a cestería Cestigar, a tenda de marroquinería Casa Bravo, Ultramarinos Diego Lores (aberto nos anos 1920) ou a xastrería Tres Rías aberta en 1972.[9][10][11][6][12][13] Outros moi populares acabaron pechando como Ultramarinos El Cisne (fundado en marzo de 1941 e pechado en outubro de 2021).[14][15]

Na rúa tamén se localizan locais de hostalería emblemáticos como a crepería Cre-Cottê ou o hotel con encanto Boa Vila, que abriu as súas portas en 2009.[16][17][18]

Edificios destacados[editar | editar a fonte]

No número 1 e 3 da rúa Real atópase formando parte das casas actuais o que que queda do antigo Pazo dos Condes de San Román do século XVII, que foi o pazo máis grande da cidade e cuxa fachada principal daba á praza de Curros Enríquez.

No número 10 con fronte á praza do Teucro sitúase o Pazo do Marqués de Aranda (alcalde do Reino de Galicia).[19] Data de principios do século XVIII, e conta cunha torre con ameas (ao principio tiña dúas torres ameadas nos seus extremos) e un escudo na súa gran fachada coas únicas figuras de dous tenantes a cada lado nun escudo de armas da cidade.[20]

Pazo do Marqués de Aranda

No número 28 da rúa atópase o antigo Palacete dos duques de Oleiros. Con orixes no século XII, é o terceiro inmoble máis antigo da cidade. Foi propiedade dos duques de Oleiros e posteriormente da familia Castiñeira. A planta baixa foi adega e zona de servizo para os criados e ademais albergou antigas cortes. Conserva as reixas que a separaban do patio de luces do que se aproveitaba a luz xa que só contaba cunha xanela. No primeiro piso situábase a capela e no segundo a vivenda da familia nobre. Na actualidade no seu baixo áchase a crepería Cre-Cottê.[21]

No número 30 atópase a chamada Casa dos Ozores, que pertenceu inicialmente ao fillo de D. Pedro Barbeito e Padrón da familia nobre Barbeito. É de arquitectura barroca con dous balcóns na primeira planta, pero de orixe renacentista. Conta con dez bustos ou caras na súa fachada, do mesmo xeito que os que ten a Casa das Caras da mesma familia nobre na praza da Estrela, anexa á praza da Ferrería.[7] Posúe un escudo de armas do século XVII entre os dous balcóns con lambrequíns e con casco e penacho. Nel están representadas nove liñaxes: Barbeito (castelo con can saíndo), Padrón (gran columna ou pedrón e dúas cunchas de vieira), Vega de León (torre), Falcón (brazo cuxa man suxeita un falcón), Montenegro (M con coroa), Cru (árbore e dous cordeiros), Navarro ou Lera (pezas a modo de campás aliñadas), Mariño (tres ondas cunha cuncha de vieira encima) e Salazar (trece estrelas).[22] No baixo da casa atópase a coñecida Ferraxería Galega.

Ao final da rúa na súa parte baixa, facendo esquina coa praza de Celso García de la Riega e moi preto da ponte do Burgo áchase a Casa do Correo Vello de orixe gótica, que destaca pola súa fachada principal con entrada cun arco carpanel, un alfiz ao longo da fachada e un escudo coas armas dos Ibaizábal, Villegas, Aldao e Salazar e outro escudo máis pequeno cadrado na fachada lateral da rúa Real coas armas dos Murga. É unha das casas máis antigas da cidade e pertenceu ás familias Ibaizábal e Murga. A casa usouse como oficina para distribuír o correo en Pontevedra.[23][24]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Aganzo 2010, p. 82.
  2. 2,0 2,1 "Un recorrido a pie por la historia de una urbe ligada al Camino". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de setembro de 2004. 
  3. "Luz verde para armonizar la rúa Real con el camino portugués". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de abril de 2002. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Juega Puig 2000, p. 106.
  5. Fortes Bouzán 2011, p. 387.
  6. 6,0 6,1 "Interrogantes al marquesado de los Arandas. Memorando civitatem duo pontes.". Pontevedra Viva (en castelán). 14 de maio de 2022. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Nieto González 1980, p. 30.
  8. Aganzo 2010, p. 67.
  9. "Los mostradores que han visto crecer a la ciudad de Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de febreiro de 2016. 
  10. "Ferretería Gallega, 76 años de historia en la calle Real". Pontevedra Viva (en castelán). 11 de agosto de 2023. 
  11. "Negocios... ¿en vías de extinción?". Diario de Pontevedra (en castelán). 27 de febreiro de 2023. 
  12. "Cuatro generaciones tras el mostrador". Faro (en castelán). 26 de maio de 2019. 
  13. "La resistencia comercial de Pontevedra; oficios vivos pese a todo". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de xullo de 2019. 
  14. "El casco histórico recupera la cifra de vecinos de hace una década y supera los 2.100 “entremuros”". Faro (en castelán). 28 de agosto de 2022. 
  15. "Aquellos maravillosos locales con solera". Diario de Pontevedra (en castelán). 11 de setembro de 2022. 
  16. "A comida internacional triunfa en Pontevedra". Diario de Pontevedra. 8 de agosto de 2023. 
  17. "Los 10 menús del día que más gustan de Pontevedra". El Español (en castelán). 3 de novembro de 2020. 
  18. "«A pesar del mal momento el hotel con encanto tiene éxito»". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de novembro de 2009. 
  19. "El pazo de los marqueses de Aranda". Diario de Pontevedra (en castelán). 9 de setembro de 2018. 
  20. Fontoira Surís 2009, p. 284.
  21. "«Como» en el siglo pasado". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de agosto de 2017. 
  22. Messia de la Cerda y Pita 1989, p. 236-238.
  23. Fontoira Surís 2009, p. 221.
  24. Riveiro Tobío 2008, p. 24.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 67; 82. ISBN 978-8403509344. 
  • Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 221; 284. ISBN 9788484573272. 
  • Fortes Bouzán, Xosé (2011). Pontevedra. Burgo, villa, capital (en castelán). Brión (La Coruña): Giverny. p. 387. ISBN 978-84-939449-1-9. 
  • Juega Puig, Juan (2000). As rúas de Pontevedra. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 106. ISBN 84-8457-044-4. 
  • Messia de la Cerda y Pita, Luis F. (1989). Heráldica, escudos de armas labrados en piedra existentes en la zona de Pontevedra. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 236-238. ISBN 848684522X. 
  • Nieto González, Remigio (1980). Pontevedra. Guía monumental ilustrada (en castelán). Pontevedra: Asociación de comerciantes de la calle Manuel Quiroga. p. 30. 
  • Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 224. ISBN 9788482890852. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]