Rúa García Camba (Pontevedra)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°25′47″N 8°38′40″O / 42.429861111111, -8.6445277777778

Rúa García Camba
A rúa García Camba en 2023
Tipoloxíarúa
Dimensións
Lonxitude0,13 km
Formatoun carril e dúas beirarrúas
Localización
InicioRúa da Oliva
FinRúa Peregrina, Rúa Andrés Muruais

A rúa García Camba é unha rúa de Pontevedra situada no centro da cidade, no ensanche. É unha das rúas principais de Pontevedra.

Orixe do nome[editar | editar a fonte]

A rúa está dedicada ao xuíz Miguel Gay García Camba, que ocupou relevantes cargos na cidade e que fora tamén presidente do Liceo Casino entre 1903 e 1907, que doou os terreos necesarios para a construción da rúa.[1][2]

Historia[editar | editar a fonte]

A rúa García Camba foi aberta no ensanche da cidade no ano 1884 cando Miguel Gay García Camba e a súa familia doaron un terreo para a construción dunha nova rúa entre as céntricas rúas Oliva e Peregrina.[1][3]

En 1915 empezouse a construír o novo edificio central de Correos na cidade na esquina das rúas García Camba e Oliva nun soar do marqués de Riestra, que pertencera a Miguel Gay García Camba.[2]

Nas primeiras décadas do século XX a rúa García Camba converteuse nunha das rúas máis importantes da cidade, chegando a ser coñecida como a rúa dos espectáculos[1] polos cinemas e teatros que se instalaron nela. O 20 de febreiro de 1932 abriu no número 10 da rúa o Cinema Coliseum deseñado polo arquitecto Antonio López Hernández (no soar onde hoxe está o Edificio Viacambre) e decorado con murais de Carlos Sobrino Buhigas,[4][5] que pechou en 1971. Pola súa banda, en 1948 inaugurouse no número 12 da rúa o Teatro-Cinema Malvar, que pechou en 1996.[1]

Desde 1943 ata 1950 na galería do restaurante Urquin da rúa liderouse a reactivación do ámbito artístico na cidade, con exposicións de obras de pintores como Manuel Torres ou Carlos Sobrino Buhigas. A súa inauguración en 1943, na que actuou Antonio Machín, foi un acontecemento.[6][7][8]

En 1944 o arquitecto municipal Juan Argenti Navajas deseñou o proxecto de prolongación da rúa García Camba, que finalmente non se levou a cabo.[9]

Nas décadas seguintes inauguráronse na rúa establecementos comerciais senlleiros en Pontevedra tales como as pastelerías Capri, inaugurada en 1963 ou Los Castellanos.[7] Tamén coñecidas librerías tiveron un espazo destacado na rúa. En 1973 abriu a librería Seoane no número 6, que pechou en 2003[10] e en 1987 abriu no local da anterior librería Luís Martínez Gendra no número 11 a librería Escolma.[1]

En 1964 inaugurouse na esquina coa rúa Andrés Muruais o emblemático edificio Las Torres, o rañaceos por excelencia de Pontevedra, cuxo soar se vendeu o 18 de novembro de 1959.[11]

O 18 de abril de 2001 a rúa García Camba pechouse á circulación do tráfico de paso desde a rúa Daniel de la Sota quedando só un acceso ao tráfico rodado desde a praza de Galicia a través da rúa Andrés Muruais.[12]

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha rúa chaira en pleno centro da cidade[13] cun trazado de 130 metros en liña recta. Ten unha anchura media de 15 metros.

É unha rúa céntrica no ensanche da cidade cun carril de circulación e dúas beirarrúas desde as rúas Peregrina e Andrés Muruais ata a rúa da Oliva. Toda a rúa está arborizada lonxitudinalmente a ambos os dous lados con camelias.[14]

É unha das rúas principais da cidade e un dos centros neurálxicos da mesma,[7] onde desde hai décadas atópase un bo número de sucursais bancarias polo que tamén é coñecida como rúa dos bancos.[1]

En 2021 a rúa García Camba era a rúa máis cara para vivir na cidade e na que o 12% dos propietarios de vivendas son holandeses, británicos e australianos.[15]

Edificios destacados[editar | editar a fonte]

Na esquina noroeste da rúa García Camba coa rúa da Oliva situáse o histórico edificio central de Correos na cidade, sede da xefatura provincial de Correos. O edificio pertence ao estilo modernista que imperaba nos primeiros anos do século XX. A entrada principal preséntase no canto a xeito de chafrán con arcos repousando en columnas clásicas e escaleiras de pedra que dan acceso a un ástrago de entrada elevado. Consta de decoración de figuras xeométricas de pedra na fachada especialmente no nivel do faio con lucarnas, e xanelas xeométricas en cada un dos niveis. Coroando o nivel superior por riba da entrada principal atópase o escudo en pedra da cidade.[16] No interior o edificio está artellado ao redor dun atrio central de operacións sobre un vestíbulo público, salientando o uso de materiais como o vidro, a madeira e a escaiola, así como a bóveda acristalada en cores.[17]

No número 5 da rúa atópase a Casa Luciano Dazevedo, un edificio modernista deseñado polo arquitecto Andrés López de Ocáriz Robledo en 1914. En 1995 engadíronselle os catro pisos superiores. Os balcóns son idénticos aos do Palace Hotel, que estivo situado na praza de Galicia.

No número 8 da rúa sitúase o Edificio González Vega, o mellor exemplo do modernismo racionalista conservado na cidade, proxectado en xuño de 1939 polo arquitecto Eloy Maquieira.[18][19] A fachada organízase simétricamente en catro partes iguais, das que as dúas centrais corresponden a ventás e as laterais a balcóns, aos que se abren xanelas e ollos de boi, excepto no quinto andar, onde o balcón é corrido. O edificio organízase interiormente mediante dúas vivendas por planta.[20]

No número 14 da rúa inaugurouse en 1964 o edificio Las Torres, deseñado polo arquitecto Alfonso Barreiro Buján. É o edificio máis alto de Pontevedra, con 16 andares e 60 metros de altura.[11][21][22]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "¿Qué ha quedado de la calle de los espectáculos?". Diario de Pontevedra (en castelán). 5 de marzo de 2023. 
  2. 2,0 2,1 "La Casa de Correos, la obra interminable". Diario de Pontevedra (en castelán). 25 de agosto de 2019. 
  3. "La trágica suerte de la familia Gay García Camba". Diario de Pontevedra (en castelán). 1 de setembro de 2019. 
  4. "Del mitin del Coliseo a Santa María". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xuño de 2002. 
  5. "Aquellos maravillosos cines". Faro (en castelán). 23 de maio de 2013. 
  6. "Cuando empezamos a ser espectadores del arte". Faro (en castelán). 28 de agosto de 2012. 
  7. 7,0 7,1 7,2 "«Pontevedra creció, pero el centro es el mismo y el resto extrarradio»". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xaneiro de 2008. 
  8. "El Urquín, un local de cine que se anticipó a su tiempo". Faro (en castelán). 20 de marzo de 2022. 
  9. "A Pontevedra do século pasado". Diario de Pontevedra. 9 de decembro de 2020. 
  10. "La librería Seoane abandona su local de García Camba al ser declarado el edificio en ruina". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de xuño de 2003. 
  11. 11,0 11,1 "El "Edificio Osorio" que derivó en "Las Torres"". Faro (en castelán). 8 de novembro de 2015. 
  12. "La calle García Camba queda hoy cerrada definitivamente desde Daniel de la Sota". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de abril de 2001. 
  13. "Albergues y hostels multiplican su presencia en Pontevedra". Diario de Pontevedra (en castelán). 7 de novembro de 2022. 
  14. "Árboles que dan dinero". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de xaneiro de 2004. 
  15. "García Camba es la calle más cara para vivir en Pontevedra". Diario de Pontevedra (en castelán). 1 de abril de 2021. 
  16. Fontoira Surís 2009, p. 431.
  17. "El edificio de Correos volvió a la luz". Diario de Pontevedra (en castelán). 14 de maio de 2013. 
  18. "Eloy Maquieira, un arquitecto olvidado". Faro (en castelán). 14 de novembro de 2021. 
  19. "Edificios singulares". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de maio de 2013. 
  20. Abelleira Doldán 2016, p. 40.
  21. "Alcalde Filgueira Valverde". Pontevedra Viva (en castelán). 12 de xullo de 2014. 
  22. "A Alfonso Barreiro Buján, arquitecto noble y limpio". Diario de Pontevedra (en castelán). 2 de abril de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]