Capela da Virxe Peregrina de Pontevedra
Coordenadas: 42°25′51″N 08°38′37″W / 42.43083°N 8.64361°W
A capela da Virxe Peregrina é un templo relixioso situado en Pontevedra. Foi construída a partir do 18 de xuño de 1778, seguindo un proxecto de Antonio Souto costeado pola cofradía da súa advocación. A primeira misa celebrouse o 2 de agosto de 1794.
Índice |
[editar] Historia
A orixe da capela remóntase a 1753, ano no que se fundou unha congregación dedicada ao culto da Virxe do Camiño, que posteriormente deu lugar na Congregación da nosa Señora do Refuxio a Divina Peregrina.
En 1757 elaborouse un altar para a imaxe da Virxe Peregrina na capela da Virxe do Camiño, o que se traduciu na aparición de problemas propios de ter dúas imaxes con diferente tutela (recollida de esmolas, repique de campás...).
A xustiza e o goberno municipal, por estes e outros motivos, ordena sacar a imaxe e o retablo do templo, que se trasladan a unha nova capela de madeira nun solar extramuros, xunto á Porta de Trabancas. Dous anos máis tarde, ao abrirse unha canteira nun monte propiedade dun dos membros da congregación en San Amaro de Moldes ponse a primeira pedra do santuario. A súa construción remata en 1792, ano no que se penduran as campás, a porta, as vidreiras e máis tarde o adro, consagrado dous anos máis tarde.
Cara a 1795, debido a unha treboada que causa graves danos ao templo, derrúbase parte da súa torre norte, e non será arranxada até 80 anos despois (1873), intre no que se instalan tamén dous pararraios. Non só a Capela sufriu mudanzas. A contorna no que nun inicio situouse a capela tamén mudou. A cidade sufriu unha importante remodelación urbanística desde mediados do século XIX, e o adro substituíuse por unha grande escalinata.
En 1981 lévase a cabo a primeira restauración do Santuario para reparar danos estruturais importantes (había grandes fendas no edificio producidas por un desprazamento dos alicerces). Foi levada a cabo por César Portela e Xosé Bar Boo.
O templo foi sometido a unha profunda rehabilitación entre 2007 e 2008, dado que debido ao peso da construción e a carencia de contrafortes, así como ao impacto de diversos raios, a edificación sofría serios danos. Tamén se restauraron as vidreiras, muros, a pintura e o reloxo da torre entre outros elementos.
[editar] Arquitectura
Ten planta de cuncha de vieira, símbolo dos peregrinos, con remate en cruz. É de estilo barroco tardío con formas neoclásicas, así como o seu retablo maior, de 1789. A imaxe central da patroa é do século XIX. A fachada, con tres hornacinas coas figuras de san Roque, Santiago Apóstolo e santa María, ten dúas torres e unha alegoría da fe.
Na entrada hai unha cuncha, que sirve de pía de auga bendita, traída polo mariño Casto Méndez Núñez do océano Pacífico. O reloxo da torre foi instalado en 1896, procedente do Hospital de San Xoán de Deus. O chan de mármore foi instalado en 1964, por unha doazón de Manuel Durán.
No seu adro hai unha fonte cunha estatua de Teucro.
[editar] Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes da Capela da Virxe Peregrina.
[editar] Bibliografía
- Fernández Arruti, M. C.: La Capilla de Nuestra Señora del Refugio La Divina Peregrina; estudio histórico-artístico. Deputación de Pontevedra, 1988.