Capela do Nazareno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Capela do Nazareno
Fachada na rúa Duque de Tetuán
Datos xerais
PaísEspaña
TipoCapela
AdvocaciónXesús Nazareno
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°25′57″N 8°38′46″O / 42.432611111111, -8.6461111111111Coordenadas: 42°25′57″N 8°38′46″O / 42.432611111111, -8.6461111111111
Culto
CultoCatólico
DioceseSantiago de Compostela
Arquitectura
Construciónséculo XIV – século XVIII
EstiloBarroco
editar datos en Wikidata ]

A Capela do Nazareno é un edificio relixioso de culto católico, coa categoría de capela, situado no casco antigo da cidade de Pontevedra, na rúa Duque de Tetuán, en fronte do Teatro Principal.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

A capela ten as súas orixes no século XIV.[2] Crese que pertenceu á igrexa parroquial de San Bartolomeu o Vello, que estaba neste lugar, ocupando o espazo do actual Teatro Principal.[3] Outra teoría é que podería pertencer ao pazo dos Mendiño, xa que a torre medieval estaba situada xusto á beira. Na construción aínda hoxe nótanse os grandes perpiaños da vella torre. Do outro lado da capela abríase unha rúa, hoxe tapiada por unha casa con balcón.[4]

A capela existente nos seus inicios neste lugar no século XIV denominábase Capela das Emparedadas[5]. Era chamada así por recluírse nela algunhas devotas que tras a súa entrada selaban a porta con tapias salvo unha pequena rañura pola que se lle administraban os sacramentos e os alimentos. Esa rúa xa recibía segundo o profesor Xosé Filgueira Valverde a denominación de rúa das Emparedadas a mediados do século XIII.[6]

O culto a Xesús Nazareno conta con máis de 100 anos de historia na cidade de Pontevedra. Non se coñece exactamente o momento no que empezou, pero a principios do século XX a rúa Duque de Tetuán na que se localiza a capela chamábase rúa de Xesús Nazareno e a capela xa recibía entón miles de devotos.[7]

Descrición[editar | editar a fonte]

A capela, que se cre que foi a antiga sancristía do desaparecido templo de San Bartolomeu O Vello, xa foi citada varias veces a finais da Idade Media como unha pequena construción que tiña na súa fachada unha pequena imaxe en pedra da Virxe.[8]

É unha capela de pequenas dimensións e está encostada a outras construcións polas paredes testeiras. Os muros son de perpiaño de granito e a cuberta de madeira e tella galega. A porta de acceso, situada no lateral sur, é de arco rebaixado. Con posterioridade labráronse orelleiras inferiores e superiores para adaptala á moda barroca, pois a capela é de orixe medieval.[9] Á beira da porta hai unha troneira. A capela ten embutida na súa fachada unha pequena imaxe en pedra da Virxe.[10]

Conta cunha gran devoción e é moi visitada o día do Nazareno para pedirlle as tres grazas: saúde, traballo e amor.[11] O primeiro venres de marzo é o único día en que se abre esta capela. O resto do ano só pódese invocar ao Nazareno desde o exterior, a través da porta enreixada.[12]

No interior atópase un retablo barroco cego de tres partes, estando no centro a imaxe de Xesús Nazareno[13] e nas laterais dúas imaxes da Virxe do Neno. Tamén hai unha imaxe da Virxe das Dores. A imaxe do Nazareno a cuxo culto está dedicada procede de Madrid.[14]

Nos conventos de San Francisco e Santa Clara da cidade tamén se gardan imaxes do Nazareno que se veneran en Pontevedra.[15]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 70. ISBN 978-84-03-50934-4. 
  • Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 288. ISBN 978-84-8457-327-2. 
  • Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 28. ISBN 9788482890852. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]