Palacete das Mendoza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Palacete das Mendoza
Fachada principal do palacete das Mendoza
Edificio
TipoPazo urbano
Estiloecléctico
EnderezoAvenida de Santa María s/n
LocalizaciónPontevedra, Galicia Galicia
Coordenadas42°25′58″N 8°38′51″O / 42.432868, -8.647614Coordenadas: 42°25′58″N 8°38′51″O / 42.432868, -8.647614
PropietarioDeputación de Pontevedra
Construción
Inicio1878
Construción1880
Remate1880
Dimensións
Plantas3 (Planta terrea + andar + sobrado)
Equipo
Arquitecto(s)Alejandro Rodríguez Sesmero
editar datos en Wikidata ]

O Palacete das Mendoza é un edificio histórico situado na zona vella da cidade de Pontevedra, entre a avenida de Santa María e a rúa Arcebispo Malvar. É a sede do Padroado de Turismo Rías Baixas.[1][2][3]

Historia[editar | editar a fonte]

No soar do pazo erguíase o castelo medieval dos Churruchaos (ou dos arcebispos de Santiago) e as Torres Arcebispais, cuxo centro de interpretación (CITA) sitúase nas proximidades.[4] En 1877 por medio da súa venda, Soledad Méndez Núñez, irmá do mariño Casto Méndez Núñez, fíxose coa propiedade do soar, e encargou a construción do palacete ao arquitecto Alejandro Sesmero, autor tamén dos impoñentes edificios do século XIX da Deputación Provincial e da Casa Consistorial.[5] Este arquitecto foi o encargado de planificar os nobres edificios da capital da provincia, unha vez demolida a muralla medieval da cidade. A mansión foi construída entre 1878 e 1880.[6]

O palacete foi o primeiro edificio da cidade que contou coa acometida de auga corrente. O arquitecto Sesmero foi o encargado de planificar o fornecemento de auga corrente á cidade e ás súas prazas,[7] para o que se instalaron varias fontes de fundición decimonónicas, unha das cales se sitúa moi preto do pazo.[8]

Foron os seus primeiros moradores, a súa propietaria, Soledad Méndez Núñez, súa irmá, Maria del Carmen Clara Méndez Núñez, o home desta, José Babiano Rodríguez, e a filla do matrimonio, que sería a notábel pintora Carmen Babiano Méndez-Núñez.[9] A casa pasou finalmente á propiedade de María e Concepción Mendoza Babiano, fillas de Carmen Babiano, implicadas na cultura da cidade e que foron as últimas en ocupar o pazo no ano 1971.[10] Durante a súa residencia no mesmo, o palacete converteuse en lugar de reunións de personalidades importantes do momento.[11]

O edificio sufriu un certo abandono até que a mediados da década dos anos 1980 serviu como un dos escenarios principais para a gravación da serie de televisión Os gozos e as sombras, de Televisión Española. Era a casa de Dona Mariana (Amparo Rivelles). O palacete das Mendoza é facilmente recoñecible na serie como a casa de Dona Mariana, aínda que só por fóra, xa que as escenas interiores rodáronse noutro palacete de Madrid, preto da rúa de Alcalá.[12]

Nos anos 90 o palacete foi adquirido por unha entidade bancaria, Caja Madrid,[13] até que a Deputación Provincial de Pontevedra mercouno para ser a sede de Turismo Rías Baixas, sendo inaugurado para tal función o 28 de xullo de 2004.

En 2015, o artista Paco Pestana transformou o tronco e as ramas do vello teixo seco dos xardíns do Palacete das Mendoza nunha escultura viva colocando unhas bagas de 40 quilos de peso e 1,10 metros de altura como elementos artísticos sobre o esqueleto leñoso do teixo, co que o artista pretendía que a vella árbore frutificase como nunca antes.[14]

Descrición[editar | editar a fonte]

O palacete rodeado de xardíns.

O edificio pertence ao estilo ecléctico imperante a finais do século XIX con elementos e concepción de inspiración na arquitectura francesa.[15] Consta de semisoto, planta terrea e sobrado. Na planta terrea ábrese unha porta principal e catro vans e na planta superior cinco portas balconeiras. A parte superior dos vans está decorada con motivos ornamentais. A parte superior remátaa unha cornixa con motivos circulares.

Na fachada obsérvanse recercados neoclásicos nos vans, con linteis rematados en frontóns triangulares no segundo andar e en arco de círculo no primeiro. A caixa de aforros que foi propietaria do edificio durante uns anos[16] reformou o interior e as salas que tiña na planta terrea, salón de música, comedor, salón de té e a escaleira imperial de madeira, facendo desaparecer todo para crear o patio de operacións. Na cuberta ten unha lumieira. O edificio é exento e está rodeado de xardíns que realzan a súa arquitectura.

Cultura[editar | editar a fonte]

Ás festas diarias das irmás María e Concha Mendoza Babiano acudían os membros máis distinguidos da sociedade pontevedresa da época e os visitantes ilustres que acudían á cidade ou chegaban ao porto de Marín-Pontevedra. Durante varias décadas, as irmás Mendoza recompilaron as receitas que pedían aos seus invitados, que recollían nas súas viaxes ou que recibían dos seus amigos. Acabaron creando unha inédita e valiosa colección de receitas privadas para as súas festas, con pratos de todo o mundo. Estas receitas publicáronse a finais de 2021 nun libro titulado As 1001 receitas do palacete das Mendoza.[17],[18],[19]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El Palacete de las Mendoza se convierte hoy en oficina turística". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xullo de 2004. 
  2. "La Deputación reabre este martes la oficina de Turismo Rías Baixas en el Palacete das Mendoza". Diario de Pontevedra (en castelán). 9 de xuño de 2020. 
  3. "Reapertura de la oficina de Turismo Rías Baixas en el Palacete de las Mendoza". Pontevedra Viva (en castelán). 9 de xuño de 2020. 
  4. "El palacete de las Mendoza". Pontevedra Viva (en castelán). 24 de marzo de 2017. 
  5. "El proyecto de la obra cumbre de Sesmero cumple 130 años". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de febreiro de 2013. 
  6. Fontoira Surís 2009, p. 523
  7. "De este agua sí beberé". Diario de Pontevedra (en castelán). 20 de xuño de 2015. 
  8. "Las artísticas fuentes de hierro y el enigma de la 5ª fuente". Pontevedra Viva (en castelán). 6 de xaneiro de 2017. 
  9. "Carmen Babiano, pontevedresa pionera en el arte femenino". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de marzo de 2014. 
  10. "El palacete de las Mendoza". Pontevedra Viva (en castelán). 24 de marzo de 2017. 
  11. "El marquesado de Augusto González Besada". Diario de Pontevedra (en castelán). 17 de decembro de 2016. 
  12. "«Los gozos y las sombras», treinta años después del rodaje". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de marzo de 2011. 
  13. "La pugna por la compra del Palacete de las Mendoza". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de abril de 2017. 
  14. "El viejo tejo del Palacete de Mendoza revive convertirdo en una escultura". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de marzo de 2015. 
  15. "El palacete de las Mendoza". Pontevedra Viva (en castelán). 24 de marzo de 2017. 
  16. "La pugna por la compra del Palacete de las Mendoza". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de abril de 2017. 
  17. "Las hermanas Mendoza y sus mil y una recetas". Hoy (Extremadura) (en castelán). 28 de xaneiro de 2022. 
  18. "Desempolvando en Pontevedra un recetario con más de cien años de historia". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de febreiro de 2022. 
  19. "Las recetas de las hermanas Mendoza, manjares inauditos de la Galicia de principios del siglo XX". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de maio de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra Monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. pp. 432; 523. ISBN 978-84-8457-327-2.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]