Fonte da Ferrería

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°25′53″N 8°38′37″O / 42.431305555556, -8.6436944444444

Fonte da Ferrería
A fonte da Ferrería en 2020
Presentación
LocalizaciónPontevedra
DirecciónXardíns de Casto Sampedro
TipoFonte
Construción
Data da construción1554
Equipo
EscultorJoão Lopes

A fonte da Ferrería é unha fonte monumental situada nos xardíns de Casto Sampedro á beira da praza da Ferrería na cidade de Pontevedra. Trátase dunha fonte de granito de estilo renacentista.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

A fonte da Ferrería data do século XVI, no que Pontevedra era a cidade máis poboada de Galicia.[2] A construción da fonte foi financiada polo rei Carlos V en 1537. O obxectivo da obra era instalar unha fonte na cidade á beira do Camiño de Santiago Portugués para dar de beber aos peregrinos xacobeos e para paliar a escaseza de auga, especialmente acusada nos veráns.[2] A fonte, deseñada polo portugués do Porto João Lopes, autor de fontes similares en Caminha (1551) e en Viana do Castelo (1554) (Portugal),[1] coa achega do santiagués Domingo Fernández[3] tiña que ser "da marca, tamaño, altor e coas perfeccións e feitura que ten o chafariz principal que está na praza da vila de Caminha", segundo un acordo do Concello pontevedrés.[2]

A fonte da Ferrería foi finalizada en 1554 e instalouse na parte suroeste da praza da Ferrería, actualmente empedrada, preto da porta de Trabancas da muralla de Pontevedra, pola que entraban no recinto amurallado os peregrinos que se dirixían a Santiago de Compostela.[4]

Para a conservación da fonte, o Concello estableceu convenios con especialistas, sendo o primeiro fontaneiro coñecido Francisco Gonçalves, ao que en 1597 asignóuselle o salario de 6.000 marabedís anuais para o seu mantemento. Así mesmo promulgáronse distintas actas e bandos prohibindo que se lavasen na fonte roupas e tripas de animais, así como que bebesen os cabalos. Para iso rodeouse o pío da fonte dun círculo de protección de catro entradas e construíuse unha especie de bebedoiro.[2]

No século XVIII realizouse unha restauración da fonte por iniciativa do síndico Félix Raimundo de Soto. O custo da reparación coa condución da auga chegou a case dez mil reais.[5] En 1857, alegando motivos de salubridade, o concello de Pontevedra decidiu trasladar a fonte da praza da Ferrería e recolocala diante do cuartel de San Fernando. Con todo, aínda que a fonte foi desmontada, o traslado non se realizou finalmente, quedando baixo a custodia da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.[4] As súas pezas foron depositadas no convento de San Domingos.[6]

En 1928 grazas ao interese de Castelao, que vivía en Pontevedra e de Casto Sampedro, avogado e fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, a fonte foi recuperada e instalada nos xardíns de Casto Sampedro, diante do convento de San Francisco.[2] A fonte foi restaurada integramente en 2010.[6]

Descrición[editar | editar a fonte]

A fonte da Ferrería tal e como se aprecia na súa simboloxía tallada en pedra responde á súa función de fonte dedicada especialmente aos peregrinos do Camiño de Santiago Portugués.[7]

A fonte en 2011

A fonte está inspirada nos chafarices portugueses[1] e ten 14 canos distribuídos en tres niveis distintos. Aséntase no centro dun gran pío de granito de forma circular. Do eixo central parte un piar composto por un total de tres corpos e rematado na parte superior por un coroamento. Sobre unha base con forma cuadrangular érguese o primeiro dos corpos. O segundo corpo sostén o pío destinado a recoller a auga vertida desde a cunca situada encima, servindo para desaugar o pío por medio de tubos que saen da boca de catro caras de figuras mitolóxicas esculpidas. No terceiro corpo que coroa a fonte, sitúanse dous escudos, un coas armas do emperador Carlos V, coa aguia bicéfala dos Austria, e no reverso as armas da cidade sostidas por grifóns, que é a representación máis antiga do escudo de armas existente na cidade.[8] Así mesmo presenta as esculturas doutras catro caras de figuras mitolóxicas con tubos que saen das súas bocas e desaugan na cunca superior.

A fontanería interior da fonte está realizada a base de tubos de cobre.[6] Os versos da canción popular dedicada á hospitalidade pontevedresa están inscritos nunha laxa en pedra adherida ao pío na súa parte oeste. A fonte conta cunha iluminación ornamental.

A fonte da Ferrería, que causou un grande impacto no cordobés Ambrosio de Morales, mestre e cronista de Filipe II, foi definida polo mesmo do seguinte modo: "Na praza de San Francisco está unha fonte que en grandeza, altura, lindeza de fábrica e dourados, pode competir coas fontes de Córdoba".[2][5]

A fonte na cultura popular[editar | editar a fonte]

Pola súa utilidade e función para fornecer auga aos peregrinos e aos pontevedreses, estes brindáronlle unha famosa canción popular, destacando a hospitalidade da cidade de Pontevedra:[9]

PONTEVEDRA É BOA VILA
DÁ DE BEBER A QUEN PASA
A FONTE NA FERRERÍA,
SAN BARTOLOMÉ NA PRAZA

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]