Pedra de raio (folclore)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pedra do raio é o nome de varios tipos de pedra vinculadas a raios e lendas en varios lugares do mundo.

Imaxe dun biface do Paleolítico Inferior.

Denominacións[editar | editar a fonte]

Pedra do raio, pedra do lóstrego, pedra do trono, pedra da pezoña, pedra da cobra ou da serpe ou pedra do trono[1][2][3][4] son algúns dos nomes que se lle dá en Galiza a varios tipos de pedras de diversas orixes, entre elas aos instrumentos de pedra prehistóricos, principalmente bifaces, sílex, cristais de rocha que adoitan atoparse nas raíces das árbores, fulgurita, meteoritos etc. As pedras de raio poden ter diversas formas, poden ser redondas, alongadas, en forma de prisma etc. Tamén se chama ceraunia[5], do latín ceraunio; Solino, recolle as referencias de Plinio ás xoias ceraunias dos lusitanos que protexen contra a violencia do raio.[6]

Tradición histórica, crenzas e usos[editar | editar a fonte]

A pedra do raio era usada como amuleto para levar consigo ou colocábase no tellado[7] ou no interior da casa para protexerse, ou para sandar velenos.

A crenza nas pedras do raio atópase en toda Europa, Asia, Polinesia e moitos outros lugares do mundo.

No mundo clásico grecorromano e na Grecia e Italia modernas[editar | editar a fonte]

Os gregos e romanos, polo menos desde o período helenístico en diante, utilizaron as cabezas de machado de pedra do Neolítico para a apotropaica protección dos edificios.[8] Zeus acostumaba ser representado cun raio na man, porén ás veces leva un machado de pedra. Na época romana cosíanse dentro de colares de cans xunto cun anaquiño de coral para evitar que os cans se volvesen tolos.

Unha pescuda de 1985 sobre o uso de machados prehistóricos en contextos romano-británicos atopou corenta exemplos, dos cales vinte e nove estaban asociados a edificios (incluíndo vilas, estruturas militares, templos e fornos).[9] En Italia colgábanse ao pescozo dos nenos para protexelos de enfermidades e para afastar o mal de ollo e aínda hoxe algunhas casas en Grecia poden ter unha astropelékia ("machada de raio") para protexer o fogar.[10]

Idade Media[editar | editar a fonte]

Perkūnkulkės, pedras do raio da zona de Žibuliai, Lituania

Durante a Idade Media moitas destas pedras ben labradas eran veneradas como armas, que durante a "guerra no ceo" foran usadas para expulsar a Satanás e os seus exércitos. De aí que no século XI o emperador bizantino enviou ao emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico un "machado do ceo"; e no século XII un bispo de Rennes afirmou o valor dos trebóns como un medio divinamente designado para asegurar o éxito na batalla, a seguridade no mar, a seguridade contra o trono e a inmunidade contra os soños desagradábeis.

Escandinavia[editar | editar a fonte]

Na mitoloxía escandinava as pedras do raio, tamén chamadas pedras de Thor, eran frecuentemente adoradas como deidades domésticas que evitaban feitizos e bruxerías. Votábaselles cervexa como ofrenda e ás veces unxíanse con manteiga. En Suecia ofrecen protección contra elfos.

Suíza[editar | editar a fonte]

Cabezas de machada atopadas nun lugar de fabricación neolítico en Suíza do ano 2700 a.C., dispostas nas distintas etapas de produción de esquerda a dereita.

En Suíza o dono dunha pedra do raio dálle voltas, no extremo dunha correa, tres veces arredor da súa cabeza, e lánzaa á porta da súa vivenda á chegada dunha tormenta para evitar o impacto dos raios nas vivendas.

Francia[editar | editar a fonte]

Nos Alpes franceses protexen as ovellas, mentres que noutros lugares de Francia pénsase que facilitan o parto. Casualmente foi en Francia onde se deu un maior debate científico sobre o tema. En 1723, o naturalista Antoine de Jussieu, nas memorias á Académie Royale des Sciences de Paris, afirma que as ceraunias son ferramentas humanas, comparándoas coas herramientas atopadas no Caribe ou Canadá. En 1734, o anticuario Nicholas Mahudel, nas memorias á Académie Royale des Inscription et Belles-Lettres, destaca a semellanza funcional entre as ceraunias e outras ferramentas. Boucher de Perthes, foi un arqueólogo descubriu cara a 1830 ferramentas de sílex nas gravas do val do río Somme e apuntou as súas teorías sobre o home antediluviano; foi o primeiro en establecer que Europa fora poboada polo home primitivo, sendo un precursor das teorías de Charles Darwin.[11]

Países lusófonos e Península Ibérica[editar | editar a fonte]

Segundo a crenza popular en Portugal, o raio é unha pedra que cae e afunde sete paus ou brazas, cada ano sobe unha braza, e tarda sete anos en saír á superficie. Cando a pedra cae, salta moitas veces no chan, deixando a terra esgazada.

"Relacionada com o raio temos
a superstição das ceraunias,
que os Lusitanos julgavam
serem boas para preservar
dos efeitos das trovoadas."
~Leite de Vasconcelos

No sur de Portugal, os dentes de quenlla fosilizados tamén son "considerados como pedras de raio".

No Brasil os meteoritos tamén se chaman pedras de raios[12] e o sílex úsase como pedra para adiviñar onde hai ouro, tesouros e auga.[13]

En Cataluña chámanse pedres de llamp ou ceràunies e poñíanse como badal nos chocallos para protección do gando.[14] En Aragón os talismáns de sílex chámanse piedras de rayo ou rellas.[15] En Euskal Herria son tximistarria ou ozpinarria os machados protectores de pedras de raio.[16]

Nas Illas Británicas[editar | editar a fonte]

Nos varios países das illas Británicas hai varias denominacións e crenzas relativas. En Inglaterra chámanlle "fairy dart" (dardos de fada) e "thunderstone" (pedra do raio), en Cumbria, no complexo prehistórico de Shap Stone Avenue unha das pedras megalíticas chámase tamén Thunder Stone. En Escocia é coñecida co nome de "fairie hammers" (martelos das fadas) e en galés "gaé sídhe". En Irlanda é o Silum Baling Go (uña do dedo gordo do pé de Baling Go).[17]

Na tradición báltica e eslava[editar | editar a fonte]

Na clasificación de Dumézil, Perun era o deus da guerra e do poder militar e físico, e como tal tiña unha ampla gama de armas fantásticas. Na mitoloxía eslava os raios e as frechas eran pedras, segundo as crenzas, a fulgurita e a belemnita, así como algúns restos de ferramentas prehistóricas, son restos desas armas, chamadas "pedras de Perun", "pedras de trono" e "frechas de Perun"; outras denominacións son "dedos do demo", "dedos de Deus" e "dedos da Virxe".[18] En Lituania chámanse "dedos de Berkun". Críase que as pedras do trono volvían ás veces ao ceo despois de permanecer na terra sete anos. As pedras servían de protección contra a mala sorte, maxia negra, doenzas e, por suposto, contra os raios. Perun ten outra arma tan destrutiva como as frechas de pedra e raio: as mazás douradas. Nas lendas eslavas as mazás de ouro aparecen como o dispositivo definitivo de destrución. Un exemplo diso pódese ver nesta canción popular bosníaca:

... Te izvadi tri jabuke zlatne

Eu baci ih nebu u visine...

...Tri munje od neba pukose

Jedna Gadja Dva Djevera Mlada,

Druga gadja pashu na dorinu,

Treca gadja svata sest stotina,

Non tes que facer nada,

Ni da kaze, kako pogibose.

"...Entón colleu as tres mazás de ouro

E botounas ao ceo...

...Tres raios caeron do ceo,

Un golpeou a dous cuñados,

Outro golpeou a Pasha e o seu cabalo,

O terceiro deulle a seiscentos invitados á voda,

Non quedou un só ollo para presenciar

Sobra dicir como morreron".

Pénsase que esas míticas mazás son símbolos dunha descarga atmosférica moi conspicua pero aínda máis rara, o raio esférico. O mesmo ocorrería coas marcas de trono do folclore eslavo oriental.

Tamén crían que as pedras do raio curaban as verrugas dos homes e das bestas, e durante a Semana da Paixón tiñan a propiedade de revelar un tesouro.[19] No libro de Kormcz, publicado no século VI polo patriarca Xoán III de Constantinopla, advírtese contra estas crenzas.

Véxase tamén: óptica atmosférica.

Tradición asiática[editar | editar a fonte]

En Birmania úsanse como cura e prevención da apendicite. No Xapón curan forúnculos e úlceras. Na India os ioguis ou faquires teñen unha pedra da cobra; Tvashtar o construtor divino e fabricante de ferramentas celestiais, deu a Indra a súa lanza vashra e a pedra do raio. En Malaisia ​​e Sumatra utilízanse para afiar os kris, considéranse obxectos moi afortunados e atribuíronse que son pedras de toque para o ouro.[19] En Borneo gárdanse xunto co gran para protexelo.[10]

En América e África[editar | editar a fonte]

Os descendentes do pobo yoruba ás pedras do raio chámanlhe odduaras.[20] En Carolina do Norte e Alabama existe a crenza de que as pedras de sílex colocadas no lume evitarán que os falcóns molesten ás galiñas, unha crenza que probabelmente se deriva da idea europea de que as frechas dos elfos protexen aos animais domésticos.

No folclore nativo americano o sílex era un obxecto de veneración pola maioría das tribos dos indios americanos. Segundo o mito da orixe Pawnee a Estrela da mañá deu ao home armas e apeiros de pedra. Entre os pobos k'iche' de Guatemala, hai un mito de que un pedernal caeu do ceo e rompeu en 1600 anacos, cada un dos cales se converteu nun deus. Tohil, o deus que lles deu lume, aínda se representa como sílex. Este mito proporciona un paralelo á crenza case universal na pedra do trono, e lembra como se adoraba ao deus romano Xúpiter en forma de pedra de sílex. O xamán cheroqui invoca un pedernal cando está a piques de escarificar a un paciente antes de aplicar o seu medicamento. Entre os indios Pueblo tamén hai crenzas sobre o sílex relacionadas con feitizos, guerra ou medicina.[21]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "A pedra do raio". www.diarioliberdade.org. Consultado o 2022-04-01. 
  2. "Pedra de raio". Voz de Galicia. 2015-01-29. Consultado o 2022-04-01. 
  3. "A pedra da pezoña e outras pedras sandadoras da cultura popular galega" (PDF). galiciaencantada.com. Consultado o 2-4-2022. 
  4. Otero, Martiño Cabana (2009-10-16). "Lendas Herpetolóxicas: Pedra do Raio". Lendas Herpetolóxicas. Consultado o 2022-04-01. 
  5. "Dicionario; ceraunia". Real Academia Galega. Consultado o 2022-04-03. 
  6. "Solinus". www.thelatinlibrary.com. Consultado o 2022-04-03. 
  7. Vidal, Francisco Ant (luns, 7 de decembro de 2015). "Os chanzos: Pedras contra os raios". Os chanzos. Consultado o 2022-04-02. 
  8. CA Faraone (2014). "Inscritas as pedras do trono gregas como amuletos de casas e corpos na época imperial romana". Kernos 27 (27): 257–284. doi:10.4000/kernos.2283. 
  9. Adkins, L.; Adkins, RA (1985). "Neolithic Axes from Roman Sites in Britain". Oxford Journal of Archaeology 4: 69–76. doi:10.1111/j.1468-0092.1985.tb00231.x. 
  10. 10,0 10,1 "When stone tools were considered lightning remnants – and weapons of the gods". the Guardian (en inglés). 2021-11-20. Consultado o 2022-04-03. 
  11. Álvarez, Jorge (2017-02-18). "Boucher de Perthes, el arqueólogo que expuso la idea del hombre antediluviano trece años antes que Darwin". La Brújula Verde (en castelán). Consultado o 2022-04-03. 
  12. "Pedra Raio! Mito desvendado". Consultado o 2022-04-02. 
  13. Leach, María. "Pedernal". Funk & Wagnalls Dicionario estándar de folclore, mitoloxía e lendas. 3ª ed. New York, New York: Funk and Wagnalls, 1972. Print.
  14. Massó, Jaume (2016). "Una pedra de llamp trobada a Riudoms". Revistes Catalanes; Temes arqueològics. 
  15. (en castelán) BLAS GABARDA, Fernando e ROMANOS HERNANDO, Fernando, Diccionario Aragonés: Chistabín-Castellano; Gara d'Edizions. Zaragoza, 2008. ISBN 978-84-8094-061-0
  16. "Jimeno, Roldan. (1995/05/12). «Tximistei izandako izua eta euskal erromantze bat» Berria: V." (PDF). euskaltzaindia.eus. Consultado o 3-4-2022. 
  17. García Castro, José Antonio. "Piedras de rayo" (PDF). divulgameteo.es. Consultado o 3-4-2022. 
  18. "Ivanov Vyach. Vs. , Toporov V. N. Slavyanskie yazykovye modelirujushhie semioticheskie sistemy. / Ivanov Viacheslav. Sun. , Toporov in. H. Slavic language modeling semiotic system. , 1965, n/a by n/a - 1965". Biblio.com (en inglés). Consultado o 2022-04-02. 
  19. 19,0 19,1 Leach, María. "Pedernal". Funk & Wagnalls Dicionario estándar de folclore, mitoloxía e lendas. 3ª ed. New York, New York: Funk and Wagnalls, 1972. Print.
  20. "Fascinación acerca de amuletos". completefoods.co. Consultado o 2022-04-02. 
  21. Leach, María. "Pedernal". Funk & Wagnalls Dicionario estándar de folclore, mitoloxía e lendas. 3ª ed. New York, New York: Funk and Wagnalls, 1972. Print.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]