Belemnitida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Belemnitida
Rango fósil: 234 Ma-66 Ma
Triásico-Cretáceo superior[1]

Passaloteuthis bisulcata
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Cephalopoda
Subclase: Coleoidea
(sen clasif.): Belemnoidea
Orde: Belemnitida
Zittel, 1895
Subordes
Reconstrución artística dun grupo de belemnitas.

Belemnitida é unha orde de cefalópodos extintos da era Mesozoica.

O seu nome común é belemnítidos ou belemnitas[2] (e ás veces úsase belemnites, aínda que tamén existe un xénero concreto denominado Belemnites).

Viviron na era Mesozoica desde a idade/piso Hettangiano do Xurásico inferior á idade/piso Maastrichiano do Cretáceo superior.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A raíz do seu nome procede do grego antigo βέλεμνον blélemnon, que significaba "dardo" ou "frecha", facendo referencia á punta do seu esqueleto calcario interno (rostro).

Descrición[editar | editar a fonte]

Rostros fósiles de belemnitas do Xurásico de Wyoming.

As belemnitas superficialmente teñen aspecto de luras. Posúen dez brazos de igual lonxitude inzados de pequenos ganchos retortos cara a atrás para agarrar as presas.[3] Porén, crecían do par de tentáculos especializados presentes nas modernas luras.[4]

As belemnitas (e outros Belemnoidea) son distintas das modernas luras porque posúen un esqueleto interno duro, que está composto por un rostro (rostrum), que é unha estrutura sólida situada na parte posterior do animal. O rostro tiña xeralmente forma de bala e proxectábase prominentemente cara a atrás, pero na suborde dos Belemnotheutina estaba presente só en forma dunha fina capa que cubría o fragmocono. Aínda que a porción dividida en cámaras herdada dos seus antepasados do seu esqueleto interno (véxase máis abaixo) estaba feita de aragonita, este rostro evolutivamente novo estaba composto de calcita. Debido á súa constitución de calcita, que é máis estable xeoloxicamente, o rostro é xeralmente o único resto que queda conservado do animal, e a miúdo aparece en grandes cantidades nunha área determinada.

O rostro está á súa vez unido a unha cuncha cónica dividida en cámaras chamada fragmocono. Do extremo do fragmocono debaixo do rostro hai un diminuto nódulo esférico ou cupuliforme chamado protocuncha (protoconch), que é o resto que queda da cuncha embrional. O espazo entre o fragmocono e o rostro denomínase alvéolo (alveolus). Na parte anterior do fragmocono hai unha delgada e moi fráxil estrutura chamada proostraco (proostracum), xeralmente con forma de culler. Esténdese na parte dorsal do manto.

Os fósiles que conservan as partes brandas dos belemnites son escasos, pero indican que igual que os modernos Coleoidea, estes animais posuían un saco da tinta, peteiros duros, aletas que podían ser apicais ou laterais, e grandes ollos. Ademais, tiñan un pro-ostraco, que é unha proxección con forma de lingua que saía do corpo principal da cuncha.[5] Os espécimes ben conservados presentan probas de ter fortes fibras musculares no manto, o que indica que eran potentes nadadores igual que as modernas luras e a diferenza doutros cefalópodos do seu tempo, como os ammonoideos e os nautiloides cimatocerátidos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Iba, Y.; Sano, S. -I.; Mutterlose, J.; Kondo, Y. (2012). "Belemnites originated in the Triassic--A new look at an old group". Geology. doi:10.1130/G33402.1. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Belemnita.
  3. Robert Wynn Jones (2006). Applied palaeontology. Cambridge University Press. pp. 151–152. ISBN 978-0-521-84199-3. 
  4. Richard E. Young, Michael Vecchione, & Katharina M. Mangold (April 21, 2008). "Coleoidea Bather, 1888". Tree of Life web project. Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2011. Consultado o May 2, 2011. 
  5. Ailsa Allaby and Michael Allaby (1999). "Belemnitida". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]