Apendicite

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Apendicite é unha doenza consistente na inflamación do apéndice, localizado no cego, que é a porción onde comeza o intestino groso.

Características[editar | editar a fonte]

Normalmente os casos de apendicite aguda requiren dun procedemento cirúrxico chamado apendicectomía ben por laparoscopia ou laparotomía que non é máis que a extirpación do apéndice inflamado. En casos sen tratamento, o índice de mortalidade é elevado, principalmente debido a complicacións como a peritonite e o shock séptico (véxase: síndrome de resposta inflamatoria sistémica - SIRS),[1] en particular cando o apéndice inflamado se rompe.

A apendicite aguda foi descrita por primeira vez en 1886 por Reginald Fitz,[2] e as contribucións de Charles McBurney en 1889, recoñecida como unha das causas máis frecuentes de dor abdominal aguda ou repentina no mundo. Aproximadamente o 7% da poboación será operado dunha apendicectomía debido a unha apendicite aguda.[3]

Síntomas[editar | editar a fonte]

O síntoma fundamental dunha apendicite é a dor. Existe dor espontánea e tamén á palpación do abdome. Este síntoma tende a aumentar en intensidade gradualmente se existe perforación ou inflamación fóra do apéndice.

A dor soe acompañarse de febre e nalgúns casos de vómitos. Ante este cadro clínico de dor, febre e vómitos hai que facer un diagnóstico diferencial coa gastroenterite. Mentres que nesta última o primeiro síntoma son os vómitos, na apendicite é a dor.

A dor comeza na zona do apéndice xifoides do esterno, para despois espallarse polo flanco dereito e finalmente cara a rexión umbilical. Nos casos de rotura do apéndice, a dor disemínase por todo o abdome.

Nos primeiros momentos da apendicite soe haber un ritmo intestinal normal, pero conforme avanza a inflamación este ritmo deténse. Non soe haber diarrea. Nos casos de apendicite grave pode verse un abdome totalmente ríxido, en táboa.

Diagnóstico[editar | editar a fonte]

Os síntomas e signos orientan de modo case definitivo o diagnóstico. Non obstante deben realizarse certas probas para confirmalo:

  • Na exploración física obsérvase dor moi intensa no flanco dereito. Cando se presiona o abdome coas mans e despois se libera de golpe prodúcese aínda máis dor (signo de Blumberg). Nos casos de inflamación grave hai ventre en táboa.
  • Na analítica sanguínea hai unha elevación intensa dos marcadores de inflamación aguda. É o caso da velocidade de sedimentación globular, da proteína C reactiva e outras substancias. Adoita atoparse un número anormalmente elevado de leucocitos, cun exceso de neutrófilos.
  • Na ecografía de abdome adoita verse un apéndice groso, con inflamación da parede. No caso de non verse o apéndice non se debe descartar a apendicite, porque en certo número de persoas, o apéndice está nunha localización atípica, non visible por ecografía.
  • Tomografía computarizada: é a mellor proba para observar o apéndice. Permite ver se existe inflamación e se están afectadas as estruturas veciñas.

Tratamento[editar | editar a fonte]

O tratamento esencial é cirurxico, e consiste na eliminación do apéndice. A técnica máis común é a apendicectomía de McBurney. Pódese abordar por vía aberta ou por vía laparoscópica. O primeiro caso serve para operar o apéndice en moitas circunstancias diferentes. A vía laparoscópica é menos cruenta e implica unha mellor recuperación do enfermo. Non obstante, non se debe empregar en casos de perforación.

Se existe perforación debe administrarse antibiótico, unha combinación que poida eliminar moitos axentes microbianos. Tamén será preciso repoñer líquidos por vía venosa e o tratamento da dor.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hobler, K., Acute and Suppurative Appendicitis: Disease Duration and its Implications for Quality Improvement, Permanente Medical Journel, volume 2, #2, Spring 1998.
  2. Fitz RH. "Perforating inflammation of the vermiform appendix with special reference to its early diagnosis and treatment". Am J Med Sci (92).
  3. "Capítulo 29: El apéndice". Schartz: Principios de cirugia (8va ed.). ISBN 9789701053737.