O Señor dos Aneis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Señor dos Aneis
Colina de Hobbiton.jpg
Hobbiton en Matamata (Nova Zelandia), escenario da adaptación cinematográfica d`O Señor dos Aneis de Peter Jackson
Título orixinal The Lord of the Rings
Autor J. R. R. Tolkien
País Reino Unido
Lingua Inglés
Colección Fóra de Xogo (nº 56, 57 e 58)
Xénero(s) Novela
Editorial Edicións Xerais
Data de pub. Flag of the United Kingdom.svg 1954
Galicia 2001-2002
Formato 13 x 21 cm. Rústico cosido a fío.
Páxinas 520
440
400
ISBN 978-84-8302-683-0
978-84-8302-826-1
978-84-8302-916-9
Tradutor Moisés Rodríguez Barcia

O Señor dos Aneis é unha triloxía narrativa, obra cume do escritor John Ronald Reuel Tolkien, ambientada nun mundo fantástico chamado a Terra Media, durante o final da Terceira Idade da mesma. Foi publicada en lingua inglesa en 1954, e a tradución ao galego de Moisés Rodríguez Barcia foi editada por Xerais entre 2001 e 2002. Vendeu millóns de exemplares, e é o libro máis vendido do século XX, e crese que o segundo máis vendido da historia moderna, despois da Biblia, existindo traducións a 40 idiomas. Coñeceu tres adaptacións cinematográficas e é unha das obras que máis influiron o xénero da literatura fantástica.

Trama[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

A libro conta a aventura do hobbit Frodo Baggins (Frodo Bulseiro na tradución galega) na súa viaxe rumbo ó Monte do Destino, co fin de destruír o anel de poder forxado por Sauron, o grande Inimigo Escuro, motivo da trama da triloxía. Sauron, o Señor Escuro de Mordor, é o principal vilán da historia, creador do Anel Único que utilizou para controlar o poder dos demais Aneis.

O Señor dos Aneis constitúe a continuación dun libro anterior de Tolkien, O Hobbit, que trata da historia de como o Anel do Poder pasa ás mans do tío de Frodo Bulseiro, Bilbo Bulseiro. Nun nivel máis profundo constitúe a continuación doutro libro chamado O Silmarillion, que fala da creación da Terra Media, de todas as criaturas que nela habitan, do primeiro Señor Escuro, mestre de Sauron e das loitas polos Silmarils.

O Señor dos Aneis narra a historia dun grupo de seres (elfos, hobbits, ananos, humanos), que forman a Irmandade do Anel, no seu intento por destruír o Anel Único, forxado por Sauron, o amo do mal. É a historia do heroe do pobo chan, daquela persoa que aínda sabendo que o seu destino pode ser fatal, loita por cumprilo, pois del depende a continuidade do seu mundo.

Aínda que algúns o consideran o comezo da fantasía épica, existen múltiples precedentes, como o Conan de Robert E. Howard, ou as historias do Rei Artur. Non obstante, ningún dos seus predecesores tivo a habilidade de crear toda unha mitoloxía no estremo que o fixo J.R.R. Tolkien, xa que o escritor literalmente inventou un mundo completo coa súa xeografía, a súa historia, as súas linguas, lendas e cancións, creando un universo literario de profundidade e riqueza que dota á novela dun ar de verosimilitude, dando lugar a un verdadeiro exercicio de mitopoese (das palabras gregas que significan "creación de mitos")

Publicación[editar | editar a fonte]

A novela como tal fora encargada por George Unwin, que desexaba aproveitar o éxito que tivera O Hobbit. Porén, O Señor dos Aneis defraudou nun principio os editores, que agardaban unha novela "máis para nenos", ao estilo do propio Hobbit e encontráronse cunha composición de máis de mil páxinas nun estilo moito máis adulto, que non era o que encargaran, e dubidaban do seu éxito, e ademais a súa publicación sería moito máis cara. Crese que foi idea dos editores dividir a novela en tres libros para abaratar os custos da súa publicación e avaliar a acollida polo público. A comezos dos anos 50 había unha gran carestía de papel como consecuencia do período de posguerra. O mesmo Tolkien nunca estivo moi de acordo con esta decisión, e, en particular, sempre criticou o título do terceiro libro (O Regreso do Rei), que, segundo el, anticipaba o desenlace da novela.

Un dos Nazgûl de a cabalo nun outeiro.

A novela divídese entón en tres partes, que acostuman publicarse por separado, e un libro de apéndices:

  • A Irmandade do Anel: Presenta o conflito básico da historia, explicando quen son os hobbits, personaxes esenciais no enredo, e reúne os protagonistas. O nome foi evidente, pois Tolkien mesmo o anticipa na novela tras o Consello de Elrond no que se xuntan todos os protagonistas principais.
  • As Dúas Torres: Narra o conflito con Saruman. O nome non está claro. Nunca se soubo a ciencia certa se as dúas torres eran Minas Tirith e Minas Morgul, Minas Tirith e Barad-dûr, Minas Tirith e Orthanc, Orthanc e Barad-dûr ou unha mestura de todas elas.
  • O Regreso do Rei: Nun principio chamado por Tolkien A Guerra do Anel, aínda que cambiado polos editores que non o encontraban comercial, contén, segundo palabras do propio Tolkien, a descrición da última defensa contra a Sombra.
  • Apéndices: Recompilación dunha serie de historias curtas, xenealoxías, calendarios e ,como Tolkien era un grande lingüista, é natural que haxa notas sobre os idiomas ficticios que el creou, sendo os principais o Quenya e o Sindarin.

O autor foi minucioso canto ás descricións dos lugares e personaxes e, debido á inmensa cantidade de lugares, elaborou mapas que son útiles para entender o camiño de cada un na Irmandade do Anel. Xustamente por pasar en varios lugares, os libros deben ser lidos con bastante atención.

Desde a súa primeira publicación, foi un enorme éxito editorial, que cativou e continúa cativando un gran público, converténdose nunha das novelas máis importantes do século XX, non soamente polo seu éxito, senón tamén desde un punto de vista literario, ao practicamente crear un estilo novo dentro da literatura.

Lugar dentro da obra de Tolkien[editar | editar a fonte]

Representación dun cabaleiro de Rohan.

O libro é de grande relevancia para os interesados na filoloxía, debido a que Tolkien mestura varios idiomas nel, algúns inventados (como as linguas élficas Quenya e Sindarin), e outras variacións do inglés ou do anglosaxón, que coñecía perfectamente por ser profesor destas materias na Universidade de Oxford. Desta forma, á lingua dos habitantes de Rohan deulle un parecido coa dos anglosaxóns (por admiración de Tolkien a este pobo e porque, dalgunha maneira, os rohirrim parecíanse a estes) e en Gondor falan nun inglés moi protocolario, os elfos, con frecuencia, en élfico, etc.

Comparando as dúas obras de Tolkien máis próximas a "O Señor dos Aneis", se ben é certo que "O Silmarillion" é cronoloxicamente anterior ao Hobbit, non é exactamente a súa predecesora, xa que mentres aquela se dedica na súa inmensa maioría aos Días Antigos e ás loitas dos Elfos contra Morgoth polos Silmarils e o dominio de Beleriand, e na que nin sequera se mencionan os Hobbits, O Hobbit relata acontecementos moito máis próximos no tempo do Señor dos Aneis, podéndose considerar como o seu prólogo.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Homes:
    • Aragorn chamado tamén Alancadas e Elessar ("Pedra de Elfo", trixésimo noveno herdeiro de Elendil por liña directa.
    • Boromir, fillo de Denethor.
    • Faramir, fillo de Denethor, irmán menor de Boromir.
    • Denethor, fillo de Ecthelion, señor e Mordomo de Gondor.
    • Théoden, Rei de Rohan.
    • Éomer, sobriño de Théoden e Terceiro Mariscal da Marca.
    • Éowyn, sobriña de Théoden e escudeira de Rohan.
    • Halbarad, montesío do Norte, axudante nos Campos de Pelennor, primo de Aragorn.
    • Lingua de Verme, axudante de Saruman.
  • Elfos:
    • Legolas, fillo do Rei do Bosque Verde, Thranduil.
    • Elrond, señor de Valfendido, fillo de Eärendil.
    • Arwen Undómiel, filla de Elrond e neta de Galadriel.
    • Galadriel, a Dama do reino dos bosques de Lórien.
    • Celeborn, Esposo de Galadriel e Señor de Lothlórien.
    • Elladan, axudante de Aragorn nos campos de Pelennor, fillo de Elrond e xemelgo de Elrohir.
    • Elrohir, axudante de Aragorn nos campos de Pelennor, fillo de Elrond e xemelgo de Elladan.
  • Magos:
    • Gandalf o gris, o protector e amigo de Frodo, mago da orde dos Istari.
    • Saruman, líder da orde de magos, foi atraído ao lado escuro do anel debido ao seu extenso coñecemento do mesmo.
    • Radagast o Pardo, outro dos Istari, deulle a Gandalf a mensaxe de Saruman que lle fixo pensar que o anel de Frodo era o Único.
    • Os Magos Azuis.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

Da novela realizáronse unha película de debuxos animados dirixida por Ralph Bakshi, que tivo un discreto éxito, e unha superprodución, presentada en tres partes como a novela, dirixida polo neozelandés Peter Jackson. Esta segunda adaptación tivo un grande éxito de público e reviviu o fenómeno Tolkien, sendo (as tres partes xuntas) a película de cine máis longa xamais rodada e a que conseguiu maior número de premios Oscar da Academia de Cine dos EUA, 17 Oscar entre as tres películas, sendo a máis galardoada a terceira parte, que obtivo 11 (os mesmos que un mito do cine, a película Ben-Hur), entre eles o de mellor película, mellor director e mellor guión adaptado.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]