Sauron

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sauron
Personaxe de O Silmarillion e O Señor dos Aneis
Dark Lord Sauron.jpg
Creador(es) J. R. R. Tolkien
Información
Alcume varios (véxase o artigo)
Raza Maia
Sexo Masculino
Idade Inmortal
Residencia Angband, Tol Sirion,
Ost-in-Edhil, Dol Guldur,
Barad-dûr

Na Terra Media, o universo de ficción de Tolkien, Sauron é un Maia antagónico dos elfos, homes e tódolos pobos libres da Terra Media. Fai a súa primeira aparición no principio dos días, moito antes da Primeira Idade e é finalmente derrotado o 25 de marzal de 3019 da TI.

Sauron é o personaxe que dá nome á triloxía d'O Señor dos Aneis por ser o Creador e Señor do Anel Único.

Este espírito perverso representa gran maldade para os pobos da Terra Media e débeno vencer finalmente n'O Señor dos Aneis, historia situada cronoloxicamente despois d' O Hobbit. En ambos os libros a figura de Sauron está presente, en maior ou menor medida. Así mesmo, boa parte da trama d' O Silmarillion enrédase con Sauron.

Nomes de Sauron[editar | editar a fonte]

Nun principio, Sauron era un Maiar do pobo de Aulë, que foi corrompido por Melkor (quen posteriormente sería coñecido como Morgoth) no principio dos días. Como Maia, ostentaba un rango e poderes similares ós de outros Maiar como Gandalf, Saruman ou Radagast.

Foi o máis poderoso dos servidores de Melkor; os seus nomes, debido ós seus servizos e as súas accións posteriores, son incontables; cóntanse entre eles O Gran Mestre da Mentira, A Man Negra, O Señor Escuro, Señor dos licántropos, Gorthaur (equivalente sindarin de "Sauron") O Cruel, O Poder Escuro, Señor dos Dons (Annatar), Señor de Barad-Dûr, Señor de Mordor, Señor dos Aneis, Facedor de Aneis, O Nigromante, O Ollo Vermello ou de Fogo, ou O Ollo sen Pálpebras (pola súa "mirada" que abarca todo o seu maligno dominio, se ben na película de Peter Jackson isto interprétase de modo literal), entre moitos máis. O seu nome orixinal, Sauron, significa en Quenya O Horripilante, O Aborrecido...

Historia de Sauron[editar | editar a fonte]

Sauron permaneceu na Terra Media durante máis de 16.000 anos, moito máis que tódolos seus principais inimigos, excepto quizais Círdan o Construtor de Barcos.

Como antes se menciona, Sauron é un Ainu, un dos Maiar, contado entre o séquito de Aulë, o ferreiro, polo que tiña altos coñecementos neste campo. Pero Sauron tamén tiña moitos outros poderes: o poder de cambiar a súa forma á que quixera, poder que utilizou para enganar ós Noldor máis dunha vez, e ós homes de Númenor. Tamén podía manexar os espíritos menores e invocalos (de aí talvez o nome de Nigromante ou Feiticeiro), e tamén podía chamar espíritos malignos e metelos dentro de criaturas monstruosas (de onde saca o nome de Señor dos Licántropos; el mesmo transformouse unha vez nun lobo terrible). Tamén podía crear ilusións nas persoas de mente débil, entre moitos outros poderes.

Desde que é corrompido, Sauron convértese no máis temido dos servidores de Morgoth, e dise que é posible que Sauron fora dos máis poderosos entre os Maiar. Sábese porén polos escritos do autor que Sauron temía profundamente a Melian a Maia, esposa de Thingol, e nunca se atreveu a desafiala.

Sauron antes e durante a Primeira Idade[editar | editar a fonte]

Sauron nos filmes de Peter Jackson

Durante a Primeira Idade Sauron serviu a Morgoth como o seu lugartenente. Durante os Anos das Lámpadas, mentres Melkor residía en Utumno, Sauron fíxose cargo da recentemente construída Angband. Trala Guerra dos Poderes e a destrución de Utumno, Sauron escondeuse e os Valar non puideron atopalo. Tralo retorno de Morgoth, púxose novamente ás súas ordes. Coñecido polos elfos como Gorthaur o Cruel, era un mestre das ilusións e a metamorfose. Tiña como serventes ós homes-lobo e outros demos, pantasmas e formas horripilantes, e durante este período conquistou a illa élfica de Tol Sirion, chamada desde entón Tol-in-Gaurhoth, a Illa dos Licántropos. Dominouna baixo un feitizo de medo que fixo fuxir ós Noldor.

Sauron é o máis letal dos serventes de Morgoth na Primeira Idade e comanda un exército propio. O personaxe antagónico a Sauron na PI é Melian a Maia, esposa de Thingol, e é preto dela que Sauron participa na maior parte da Historia. Sauron está estreitamente envolto na historia de Beren e Lúthien e na liberación do Silmaril. Desde a torre de Tol-in-Gaurhoth (Minas Tirith de Finrod rebautizada "Illa dos Licántropos") sae un poder maligno que sempre se enreda co poder da Cintura de Melian. Entre outras batallas importantes, Finrod Felagund faille fronte a Sauron cara a cara, pero cae baixo os enganos deste espírito, máis poderoso ca el.

Sauron sofre a primeira das súas grandes derrotas na Primeira Idade cando Lúthien chega a rescatar a Beren, preso nos calabozos da Torre de Sauron; ela lanza un canto de encantamento e está acompañada por Huan, o can de Valinor; ambos enfróntanse a Sauron, que é inmobilizado polos poderes da filla de Melian, e é atacado por Huan. Sauron foxe da Torre á Fraga de Taur-Nu-Fuin, onde se lle menciona por última vez dentro da historia dos Silmarils.

Sauron na Segunda Idade[editar | editar a fonte]

O «Ollo Vermello» de Sauron

Trala caída definitiva de Morgoth na Guerra da Cólera, e logo de ver o poderío dos Señores do Occidente, Sauron amedrentouse e pediu perdón e clemencia. Eönwë, o Heraldo de Manwë, cominouno a ir a Valinor para ser xulgado, pero Sauron non desexou recibir condena algunha, pois tivera moito poder baixo Morgoth, e o mal estaba demasiado presente nel. Foi así que permaneceu na Terra Media durante as idades sucesivas, levantándose como novo Señor Escuro.

Ó inicio da Segunda Idade concéntrase no engano e a persuasión antes de despregar as súas forzas, de maneira que usou unha nova identidade facéndose chamar Annatar o "Señor dos Dons", presentándose cunha fermosa forma e dicindo ser enviado polos Valar para axudar ós Noldor nas súas tarefas para embelecer a Terra Media durante a Segunda Idade. Sauron no personaxe de Annatar é expulsado de Lindon, a Terra de Gil-Galad, posto que tanto o primeiro como Galadriel e Elrond desconfiaban deste novo personaxe. Pero foi ben recibido por Celebrimbor en Ost-in-Edhil, a principal cidade de Eregion, onde persuadiu ós Elfos para que forxasen os Aneis de poder. Porén o Anel Único foi forxado só por el nos fogos do Monte do Destino, feito para dominar a tódalas razas da Terra Media. Sobre a sorte dese Anel e as guerras que por el se libraron trata O Señor dos Aneis.

A Segunda Idade é chamada "os Anos Escuros", xa que, agás as protexidas Lindon e Imladris, Sauron estende a escuridade, dominando ós Homes menores da Terra Media, quen, cheos de medo, o veneraban como un deus. Cando Celebrimbor descobre o engano de Sauron e oculta os tres aneis élficos, o Maia enfurécese e pretende facer pagar ós elfos o que el consideraba unha traizón, e invade Eriador e asola todo o que se atopa ó seu paso. Destrúe Eregion por completo e toda Eriador cae baixo o seu poder. Ata o ataque dos Elfos no norte e os numenorianos no sur: esta é a segunda gran derrota de Sauron. Ó ser derrotado, Sauron foxe ó leste, onde se refuxia e intenta recuperar o seu poder.

A finais da Segunda Idade Sauron é o señor máis poderoso da Terra Media. Isto esperta a ira e a envexa de Ar-Phârazon, o último rei de Númenor, quen vai ás Beiras de Umbar (dominio numenoriano), cun poderoso exército e esixe a Sauron a súa rendición, so pena de destruílo. O Señor Escuro acepta renderse e vai como prisioneiro a Númenor, non porque realmente eles puideran atar a Sauron, que posuía o Anel Único, senón porque os seus desexos eran infiltrarse en Númenor e persuadir ó rei Ar-Phârazon de venerar a escuridade, desexar a vida eterna, rexeitar ós Elfos e ós Valar e pechar as chegadas a porto dos Elfos da Illa Solitaria.

Persuádeo para atacar Valinor e rebelarse contra os Valar. O rei atende estes consellos e forma unha grande armada (a máis grande de toda a historia da Terra Media) e diríxese a Tol Eressëa co fin de invadir Valinor. A ira dos Valar esperta e solicitan a Ilúvatar que free as ambicións dos numenorianos, levantando este unha grande onda que provoca a destrución e o afundimento da illa de Númenor, da que se salva o seu xa declarado inimigo: Elendil.

Dise na historia da Caída de Númenor, que Sauron, atrapado pola grande onda que destruíu esta illa, perdeu a capacidade de tomar unha forma amable e fermosa, é dicir, perdeu a capacidade de transformarse en Annatar para sempre. Pero o seu escuro espírito sobrevive, e regresa como vento maligno á Terra Media, apousentándose novamente na Torre Escura. En adiante, séndolle imposible recuperar outra vez unha forma que parecerá adecuada ós ollos dos homes, só mediante a forza e o medo logrou conservar o seu poder.

A familia e os seguidores de Elendil, que sobreviviron á destrución de Númenor, chegaron á Terra Media, fundando os reinos no exilio de Arnor e Gondor, e formando posteriormente con Gil-Galad, rei dos Noldor da Terra Media, a Última Alianza entre Elfos e Homes. Esta alianza logrou derrotar temporalmente a Sauron, a terceira das súas grandes derrotas, cortándolle o dedo no que levaba o Anel Único, pero este non foi destruído, e con el a maior e mellor parte do seu poder quedaron intactos, provocando o seu regreso na idade que viría.

Sauron na Terceira Idade[editar | editar a fonte]

A man de Sauron

Sauron estaba desprovisto de gran parte do seu poder trala perda do Anel, polo que actuou con cautela. Reaparece no oeste da Terra Media aproximadamente no ano 1000, cando se escondeu en Dol Guldur, nun outeiro no sur do Gran Bosque Verde (chamado en adiante Bosque Escuro), onde foi coñecido como "o Nigromante" (tal e como se narra n'O Hobbit).

Posteriormente o Consello Branco (logo de coñecer a verdadeira identidade do Nigromante) loitou por expulsalo do Bosque Escuro (baixo o mando e as estratexias de Saruman, nese entón líder do Consello), e, tras aparentemente conseguilo, Sauron regresou a Mordor (facendo pensar ó Consello que triunfaran), onde reconstruíu Barad-dûr e conxurou arredor de si un inmenso exército de homes do Sur, orcos e outras criaturas malvadas. En realidade a estratexia do Consello non tivo éxito, pois desta forma Sauron consumou o seu plan de regresar a Mordor, onde as súas forzas xa se estaban preparando, e en Minas Morgul os Nazgûl xa se reuniran outra vez.

O fin último de Sauron estaba case consumado: tería o poder dos Noldor, o que máis desexou durante toda a súa existencia. Xa que estes usaran os Aneis do Poder, atados ó seu, só tiña que atopar o Anel Dominante e os Elfos caerían baixo o seu poder.

As forzas de Sauron foron derrotadas na Batalla dos Campos de Pelennor, pero o exército do Oeste non podía derrotalo definitivamente se o Portador do Anel non consumaba a súa misión.

Foi finalmente derrotado cando Gollum caeu co Anel Único ás lavas do Monte do Destino, destruíndo desta forma o principal depósito do poder maligno de Sauron. Así, dise que Sauron convértese en algo menos que un leve vento maligno, e o seu poder desfaise e esfúmase de tódalas esquinas do mundo. Seica Sauron volverá ó final dos tempos na Dagor Dagorath, pelexando xunto a Morgoth e sen necesidade de recorrer ó Anel Único. Nesa batalla Sauron encontrará a fin, igual que o seu mestre.

A transcendencia do mal de Sauron[editar | editar a fonte]

Sauron é derrotado en 3019 da Terceira Idade, sen presentar batalla ós seus principais e máis odiados inimigos: Círdan, Galadriel e Elrond, pero a destrución do Anel Dominante sela da mesma forma a fin da historia dos Altos Elfos na Terra Media; os señores elfos usaran nos seus reinos o poder dos Tres, preservando intacto todo o que arredor deles se encontraba, por isto os seus reinos eran os máis fermosos da terra, e tamén os máis fortes, pero os Tres non estaban libres do Único, e só a presenza do Único no mundo mantiña o poder latente nos Tres.

Unha vez destruído o Único, os Tres perderían todo o seu poder, máis tarde que cedo, causando que todo aquilo feito con eles se murchara e se perdera nas páxinas do esquecemento.

Os Altos Elfos xa non podían vivir nun mundo minguante, porque o seu destino era estar sempre no mundo, así que partiron cara ás terras que teñen o mesmo destino que eles, navegando máis alá dos mares a través do Camiño Recto, e chegaron a Eressëa, nas Terras Imperecedoiras, para non regresar xamais.