Xeografía da Terra Media

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A xeografía da Terra Media abrangue a xeografía física, política e moral do mundo ficticio da Terra Media creado polo autor inglés J. R. R. Tolkien. A Terra Media é estritamente un continente do planeta Arda, pero tamén é amplamente considerada como o mundo físico, e o termo fai referencia a toda a creación, así como a todos os escritos sobre ela.[1] Arda foi creado como un mundo chan, cun continente occidental, Aman, que se converteu no fogar dos divinos Valar, así como a Terra Media. A finais da Primeira Idade, a parte occidental da Terra Media, Beleriand, afundiu durante a guerra da Ira. Na Segunda Idade, a illa de Númenor, foi creada no Gran Mar, Belegaer, entre o continente de Aman e o da Terra Media; a illa foi destruída nun cataclismo a finais da Segunda Idade, no cal Arda foi refeito como un mundo esférico, e Aman foi removido de maneira que os homes non puidesen alcanzalo.

Na obra O Señor dos Aneis, descríbese a Terra Media a finais da Terceira Idade como un mundo de pobos libres no oeste, principalmente homes, hobbits, elfos e ananos, oposto aos pobos baixo o control do Señor Escuro Sauron no leste. Algúns estudosos da obra de Tolkien viron isto como unha xeografía moral da Terra Media.

Cosmoloxía[editar | editar a fonte]

A caída de Númenor e o Cambio no Mundo. Na Primeira Idade, os elfos vivían en Beleriand. Na Primeira e Segunda Idades, Valinor estaba ao outro lado do mar, Belegaer, dendea Terra Media. A finais da Segunda Idade, Númenor foi destruído e Valinor e foi removido de Arda.[2] Os contornos dos continentes son puramente esquemáticos.

A Terra Media de Tolkien formou parte do seu mundo creado, Arda. Era un mundo plano rodeado de océano. Incluía as Terras Imperecedoiras de Aman e Eressëa, que formaban parte da creación máis ampla, . Aman e a Terra Media estaban separados entre si polo Gran Mar Belegaer, análogo do océano Atlántico. O continente occidental, Aman, era o fogar dos Valar, e os elfos chamábano Eldar.[T 1][1]

Nun principio, a parte occidental da Terra Media era o subcontinente de Beleriand, que foi engulido polo océano a finais da Primeira Idade.[1]

Despois da destrución de Númenor a finais da Segunda Idade, Arda foi recreada como un mundo redondo, e Aman foi removido de Arda para que os homes non puidesen chegar a el. Só os elfos poderían chegar alí só polo "camiño estreito" en barcos capaces de pasar fóra da esfera da Terra. Entón, Tolkien equiparou Arda, composto tanto polo planeta da Terra Media como polo celeste de Aman, co Sistema Solar, sendo o Sol e a Lúa obxectos celestes por si mesmos, que xa non orbitan arredor da Terra.[1][3]

Xeografía física[editar | editar a fonte]

Bosquexo do mapa do noroeste da Terra Media a finais da Terceira Idade, amosando Eriador (esquerda) e Rhovanion (dereita). No extremo esquerdo está Lindon, que foi todo o que quedou de Beleriand despois da guerra da Ira.

Os eventos relatados nas obras O hobbit e O Señor dos Aneis teñen lugar no noroeste do continente da Terra Media. Ámbalas dúas aventuras comezan na Comarca, viaxan ao leste a través da natureza de Eriador até Valfendido e despois atravesan as Montañas Bretemosas, implican máis viaxes nas terras de Rhovanion, ao leste desas montañas, e conclúen co regreso a casa até A Comarca.

Beleriand, Lindon[editar | editar a fonte]

O extremo oeste da Terra Media durante a Primeira Idade era Beleriand. Beleriand e Eriador estaban separados en gran parte do sur da Terra Media polo Gran Golfo. Beleriand foi destruído nun cataclismo da guerra da Ira, deixando só unha chaira costeira remanente, Lindon, xusto ao oeste de Ered Luin (tamén chamado Ered Lindon ou as Montañas Azuis). O cataclismo dividiu Ered Luin e Lindon polo creado Golfo of Lhûn; a parte norte é Forlindon e a sur Harlindon.

Eriador[editar | editar a fonte]

No noroeste da Terra Media, Eriador era a rexión entre Ered Luin e as Montañas Bretemosas. Na Segunda Idade, o reino norteño de Arnor fundado por Elendil ocupaba gran parte da rexión. Despois do colapso do reino, gran parte de Eriador volveuse salvaxe. Na Terceira Idade, unha pequena parte da rexión foi ocupada por hobbits para formar A Comarca. Ao noroeste estaba o Lago Tardefosca, outrora chamado Nenuial polos elfos. Un resto do antigo bosque de Eriador sobreviviu ao longo da Terceira Idade xusto ao leste da Comarca, o Bosque Vello, o dominio de Tom Bombadil.[T 2] Ao nordeste atópase Prebe, o único lugar onde hobbits e homes conviven xuntos. Máis ao leste de alí está o outeiro do Cumio do Vento, coa antiga fortaleza de Amon Sul, e despois Valfendido, o fogar de Elrond. Ao sur de alí está a antiga terra de Acevedo, unha vez a terra élfica de Eregion onde se forxaron os Aneis de Poder. Nos Portos Grises (Mithlond), situados no Golfo de Lhûn, o elfo Círdan constrúe os barcos nos que os elfos parten da Terra Media cara a Valinor.[4]

Montañas Bretemosas[editar | editar a fonte]

As Montañas Bretemosas foron guindadas por Melkor na Primeira Idade para estorbar a Oromë, un dos Valar que percorría a miúdo a Terra Media de caza.[T 3] O reino anano de Moria foi construído na Primeira Idade debaixo do punto medio da cordilleira. Os dous pasos principais a través das montañas eran o paso alto ou paso de Imladris, preto de Valfendido, cun percorrido máis alto e outro máis baixo,[T 4][T 5] e a Porta do Cornovermello situada máis ao sur, preto de Moria.[T 6]

Rhovanion[editar | editar a fonte]

Ao leste das Montañas Bretemosas, o río Anduin (ou o Gran Río) flúe cara ao sur, co Bosque Escuro ao leste. Na súa marxe oeste, fronte ao extremo sur do Bosque Escuro está o reino élfico de Lothlórien. Máis ao sur, cara ás Montañas Bretemosas, atópase o bosque de Fangorn, fogar das árbores xigantes, os ents. Nun val situado no extremo sur das Montañas Brememosas está Isengarda, fogar do mago Saruman.

Terras no sur[editar | editar a fonte]

Mapa de Gondor na Terceira Idade, limitada por Rohan e Mordor.

Xusto ao sur de Fangorn e Isengarda atópase a ampla terra herbosa dos cabaleiros Rohan, que proporcionan cabalaría ao seu veciño do sur, Gondor. O río Anduin pasa polos outeiros de Emyn Muil e as enormes estatuas rupestres dos Argonath, fluíndo a través dos perigosos rápidos de Sarn Gebir e sobre as cataratas de Rauros ata Gondor. A fronteira de Gondor con Rohan é a cadea de Ered Nimrais, as Montañas Brancas, que van de leste a oeste dende o mar ata un punto próximo ao Anduin; nese lugar atópase a capital de Gondor, Minas Tirith.

Do outro lado do río ao leste está a terra de Mordor. Limita ao norte con Ered Lithui (as Montañas de Cinza); polo oeste con Ephel Duath (as Montañas de Sombra). Entre esas dúas cordilleiras, no extremo noroeste de Mordor, son as portas negras de Morannon. No ángulo entre as dúas serras está a Meseta volcánica de Gorgoroth, co alto volcán de Orodruin ou Monte do Destino, onde o Señor Escuro Sauron forxou o Anel Único no seu centro. Ao leste da montaña está a Torre Escura de Sauron, Barad-dûr.

Ao sur de Gondor e Mordor atópase Harad e Khand.

Terras no leste[editar | editar a fonte]

Ao leste de Rhovanion e ao norte de Mordor atópase o mar de Rhûn, fogar dos orientais. Ao norte dese lugar están os Outeiros de Ferro dos ananos liderados por Dain; entre os Outeiros de Ferro e o Bosque Escuro atópase Erebor, a Montaña Solitaria, outrora fogar de Smaug o dragón, e porteriormente foi recuperado polos ananos de Thorin.

As grandes terras ao leste de Rhûn e ao sur e leste de Harad non se describen nas historias, que teñen lugar na parte noroeste da Terra Media.[5][6]

Xeografía política[editar | editar a fonte]

Mapa da Comarca, coa división política das catro cadernas.
Artigos principais: Gondor, Rohan, Mordor, Harad e A Comarca.

A finais da Terceira Idade, gran parte do noroeste da Terra Media é salvaxe, con restos aquí e acolá de cidades e fortalezas en ruínas de civilizacións anteriores entre as montañas, os ríos, os bosques, os outeiros, as chairas e as marismas. Os principais reinos que aparecen na obra O Señor dos Aneis son Rohan e Gondor na facción dos Pobos Libres, e Mordor e o seu aliado Harad na facción do Señor Escuro. Gondor, outrora poderoso, ten nese momento moi reducido o seu poder e perdeu o control de Ithilien (fronteira con Mordor) e o sur de Gondor (fronteira con Harad).

Os orientais da rexión de Rhûn, apenas descritos, contribúen cun exército substancial ao bando de Mordor.

Esquecida pola maior parte do resto do mundo está A Comarca, unha pequena rexión no noroeste da Terra Media habitada por hobbits entre as terras abandonadas de Eriador.

Xeografía moral[editar | editar a fonte]

A xeografía moral de Tolkien sobre a Terra Media, o ben no oeste, o mal no leste, sinxelo no norte, sofisticado no sur. A Comarca está no cuadrante noroeste (simple / bo), Gondor no suroeste e Mordor no sueste.
A xeografía moral de Tolkien da Terra Media, segundo John Magoun.[7]

Cos seus sureños de Harad, Tolkien construíu (segundo o punto de vista de John Magoun na súa obra J.R.R. Tolkien Encyclopedia) unha "xeografía moral plenamente expresada",[7] dende a casa dos hobbits no noroeste, pasando polo mal no leste e a "sofisticación e decadencia imperial" no sur. Magoun explica que Gondor é virtuoso, sendo occidental, mais ten problemas por ser do sur; Mordor no sueste é infernal, mentres que Harad no extremo sur "regresa a un estado de salvaxismo".[7]

Outros eruditos como Walter Scheps e Isabel G. MacCaffrey observaron as "dimensións morais espaciais" da Terra Media,[8][9] aínda que non de xeito idéntico á interpretación de Magoun. Na súa opinión, o norte e oeste son xeralmente bos, o sur e o leste son malos. Iso sitúa á Comarca e os elfos dos Portos Grises no noroeste como certamente bos, e Mordor no sueste como certamente o mal; na súa opinión, Gondor no suroeste é moralmente ambivalente, coincidindo cos personaxes de Boromir e Denethor. Observan ademais que os catro cuadrantes ou «Cadernas» da Comarca serven como "microcosmos" da xeografía moral da Terra Media no seu conxunto: así, o malvados xinetes negros aparecen primeiro na Caderna Leste, mentres que os outrora bos pero corruptos homes de Saruman chegan á Caderna Sur.[8]

Orixes[editar | editar a fonte]

Influencias clásicas, medievais e modernas na xeografía da Terra Media. Todas as localizacións son aproximadas.[10]
Artigos principais: Bosque Escuro e Númenor.

Moitas características da Terra Media pódense buscar en fontes literarias ou lugares do mundo real.[10] Moitos refírense especialmente á poesía do inglés antigo Beowulf, do cal Tolkien era un experto.[11] Os elfos estiveron ligados á mitoloxía celta.[12] A batalla dos Campos de Pelennor ten paralelismos coa batalla dos Campos Cataláunicos[13] As Montañas Bretemosas derivan da Edda poética, onde o protagonista de Skírnismál observa que a súa busca implicará montañas bretemosas habitadas por orcos e xigantes,[14] mentres que o carácter das montañas inspirouse en parte nas viaxes de Tolkien polos Alpes suízos en 1911.[T 7] O Bosque Escuro baséase en Myrkviðr, a visión romántica dos bosques escuros do norte.[15] Númenor faise eco da mítica Atlántida descrita por Platón.[T 8]

Sobre as orixes da súa narración e o lugar da cartografía dentro dela, Tolkien afirmou nunha carta:[14]

Sabiamente comecei cun mapa e fixen que a historia encaixase (xeralmente cun coidado meticuloso das distancias). Doutra maneira, a composición das terras xera confusións e imposibilidades, e en calquera caso é un traballo esgotador compoñer un mapa a partir dunha historia.[T 9]

Escribindo para Mythlore, Jefferson P. Swycaffer suxeriu que as situacións políticas e estratéxicas de Gondor e Mordor no asedio de Gondor eran "análogas a Constantinopla fronte á forma de caixa de Asia Menor"; que "Dol Amroth é unha referencia a Venecia"; que os rohirrim e as súas pradarías son comparables á "Hungría dos maxiares, que eran débiles aliados da Constantinopla bizantina"; e que os corsarios de Umbar parecíanse aos piratas berberiscos que serviron a Mehmed o Conquistador.[16]

O lingüista David Salo escribe que Gondor lembra a "unha especie de Bizancio en descomposición"; o seu inimigo pirata Umbar como o marítimo Cartago; os sureños (de Harad) como os "árabes"; e os orientais "suxerían aos sármatas, aos hunos e aos ávaros".[17]

Notas[editar | editar a fonte]

Fontes primarias[editar | editar a fonte]

Esta lista identifica a localización de cada elemento nos escritos de Tolkien.
  1. O Silmarillion, p. 31
  2. A Irmandade do Anel, Libro 1, cáp. 6 "O bosque vello"
  3. O Silmarillion, cáp. 3 "Of the Coming of the Elves and the Captivity of Melkor"
  4. Unfinished Tales, pp. 271, 281
  5. The Annotated Hobbit, p. 105
  6. A Irmandade do Anel, Libro 2 cáp. 3
  7. Letters, #306 to Michael Tolkien, 1967
  8. Letters, #131 to Milton Waldman c. 1951, #154 to Naomi Mitchison 25 de setembro de 1954, #156 draft to Robert Murray 4 de novembro de 1954, #227 to Mrs E. C. Ossen Drijver 5 de xaneiro de 1961.
  9. Letters, #144 to Naomi Mitchison, 25 de abril de 1954

Fontes secundarias[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Garbowski, Christopher (2013) [2007]. "Middle-earth". En Drout, Michael D. C. J.R.R. Tolkien Encyclopedia: Scholarship and Critical Assessment. Routledge. pp. 422–427. ISBN 978-0-415-86511-1. 
  2. Shippey, Tom (2005) [1982]. The Road to Middle-Earth (Third ed.). The Lost Straight Road: HarperCollins. pp. 324–328. ISBN 978-0261102750. 
  3. Larsen, Kristine (2008). Sarah Wells, ed. "A Little Earth of His Own: Tolkien's Lunar Creation Myths". In the Ring Goes Ever on: Proceedings of the Tolkien 2005 Conference (The Tolkien Society) 2: 394–403. 
  4. O Regreso do Rei, Libro 6, cáp. 9 "Os portos grises", e Apéndice B
  5. Magoun, John F. G. (2013) [2007]. "South, The". En Drout, Michael D.C. The J. R. R. Tolkien Encyclopedia. Routledge. pp. 622–623. ISBN 978-0-415-86511-1. 
  6. Magoun, John F. G. (2013) [2007]. "East, The". En Drout, Michael D.C. The J. R. R. Tolkien Encyclopedia. Routledge. p. 139. ISBN 978-0-415-86511-1. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Magoun, John F. G. (2006). "South, The". En Drout, Michael D. C. J.R.R. Tolkien Encyclopedia: Scholarship and Critical Assessment. Routledge. pp. 622–623. ISBN 1-135-88034-4. 
  8. 8,0 8,1 Scheps, Walter (1975). Lobdell, Jared, ed. The Interlace Structure of 'The Lord of the Rings'. A Tolkien Compass (Open Court). pp. 44–45. ISBN 978-0875483030. 
  9. MacCaffrey, Isabel G. (1959). Paradise Lost as Myth. Harvard University Press. p. 55. OCLC 1041902253. 
  10. 10,0 10,1 Main source is Garth, John (2020). The Worlds of J.R.R. Tolkien: The Places that Inspired Middle-earth. Frances Lincoln Publishers & Princeton University Press. pp. 12–13, 39, 41, 151, 32, 30, 37, 55, 88, 159–168, 175, 182 and throughout. ISBN 978-0-7112-4127-5. ; minor sources are listed on the image's Commons page.
  11. Shippey, Tom (2005) [1982]. The Road to Middle-earth (Third ed.). HarperCollins. pp. 66–74, 90–97, and throughout. ISBN 978-0261102750. 
  12. Fimi, Dimitra (agosto de 2006). ""Mad" Elves and "Elusive Beauty": Some Celtic Strands of Tolkien's Mythology". 
  13. Modelo:ME-ref/LMH
  14. 14,0 14,1 Shippey, Tom (2005) [1982]. The Road to Middle-Earth (Third ed.). HarperCollins. pp. 80–81, 114. ISBN 978-0261102750. 
  15. Evans, Jonathan (2006). "Mirkwood". En Drout, Michael D. C. J. R. R. Tolkien Encyclopedia: Scholarship and Critical Assessment. Routledge. pp. 429–430. ISBN 0-415-96942-5. 
  16. Swycaffer, Jefferson (1983). "Historical Motivations for the Siege of Minas Tirith". Mythlore 10. article 14. 
  17. Salo, David (2004). "Heroism and Alienation through Language in The Lord of the Rings". En Driver, Martha W.; Ray, Sid. The Medieval Hero on Screen: Representations from Beowulf to Buffy. McFarland. pp. 23–37. ISBN 978-0-7864-1926-5.