Istari

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Istari (en singular Istar) son personaxes ficticios que forman parte do legendarium creado polo escritor británico J. R. R. Tolkien. Eran un grupo de maiar enviados á Terra Media polos Valar na Terceira Idade do Sol para axudar ás razas libres na súa loita contra Sauron. Chamados tamén Ithryn (en singular Ithron) na lengua sindarin, foron máis comúnmente coñecidos como magos.

Membros[editar | editar a fonte]

Fron cinco os Istari enviados á Terra Media:

  • Alatar, o primeiro dos Magos Azuis, que foi ó leste con Pallando e non aparecen nas historias da Terra Media excepto polos seus nomes. O seu nome quenya era Morinehtar.
  • Gandalf, o Peregrino Gris ou Mithrandir. O seu nome quenya era Olórin, o soñador ou pensador.
  • Pallando, o outro Mago Azul. O seu nome quenya era Romestamo.
  • Radagast o Pardo. O seu nome quenya era Aiwendil, o amigo das aves.
  • Saruman o Branco, coñecido tamén como Curunír. O seu nome quenya era Curumo, o habilidoso.

Historia[editar | editar a fonte]

Chegaron arredor do ano 1000 T. E. e cando apareceron na Terra Media semellaban homes anciáns para os que os anos pasaban paseniño.

Moi poucos entre os habitantes da Terra Media coñecían a natureza dos Istari e moitos pensaron que se trataban de elfos ou homes sabios. A pesar das súas metas e a súa orixe, os Istari eran capaces de abeirar sentimentos humanos. Deste xeito, Gandalf sentía un gran afecto polos hobbits e outros podían sentirse inclinados polos sentimentos humanos máis negativos como a cobiza, a envexa ou a desexo de poder.

Saruman era entre eles o de maior poder e o xefe do Concilio Branco. No ano 2759 TE foi convidado polos gobernantes de Gondor e Rohan a instalarse en Isengarda. Saruman era un sabio na arte dos Aneis de Poder e foi corrompido progresivamente polo desexo de posuír os Aneis e pola influencia directa de Sauron a través do palantír de Orthanc. Finalmente foi corrompido totalmente e converteuse nun aliado de Sauron na Guerra do Anel ata que foi derrotado polos Ents e Gandalf, quen quebrou a súa vara expulsándoo do Concilio Branco. Saruman morrería máis tarde a mans dun dos seus propios vasalos, Gríma Lingua de Verme, na Comarca trala destrución do Anel Único.

Durante a Guerra do Anel, Gandalf liderou ós pobos libres na súa vitoria fronte a Sauron. Trala destrución de Sauron, Gandalf abandonou a Terra Media atravesando o Gran Mar xunto cos portadores do anel e os elfos.