Éomer
Éomer é un personaxe ficticio da novela O Señor dos Aneis do escritor británico J. R. R. Tolkien.
Biografía [editar]
Éomer (2991 T. E. - 63 C. E.) era fillo de Éomund e Théodwyn, irmá do rei Théoden de Rohan. Éomund morreu perseguindo unha banda de orcos en Estemnet no ano 3002 da Terceira Idade, e a súa esposa, movida pola tristura, seguiuno pouco despois. Théoden adoptou a Éomer e á súa irmá Éowyn criándoos como fillos seus xunto a Théodred, o seu herdeiro. Á idade de 26 anos foi nomeado Terceiro Mariscal da Marca dos Xinetes e déuselle o mando do Folde Leste, cargo que ostentara o seu pai.
Durante a Guerra do Anel deu caza ós orcos que levaban prisioneiros a Merri e Pippin, encontrándose despois con Aragorn, Legolas e Gimli e dándolles permiso para transitar por Rohan. Ó seu regreso a Edoras, esta medida custoulle perder o favor do rei Théoden, quen por consello de Gríma, mandouno prender. Non sería ata a chegada a de Gandalf e despois de romperse o feitizo que pesaba sobre Théoden, que o fillo de Éomund recibiría de novo as súas honras e prebendas. Éomer tivo un destacado papel na Batalla do Abismo de Helmo, onde Rohan conxurou a invasión dunlendina e a traizón de Isengarda, a onde cabalgou con Gandalf e Théoden para parlamentar con Saruman.
Ó morrer Théodred nos Vaos do Isen, Éomer convértese en herdeiro de Théoden, acudindo a Minas Tirith como Segundo Mariscal e sendo xa rei ó acabar a Batalla dos Campos de Pelennor, onde foi un dos principais capitáns do Oeste na vitoria. Como tal foi protagonista da batalla en Morannon e celebrou a vitoria final fronte a Sauron.
Acabada a guerra, Éomer está presente na coroación do rei Elessar, renovando a antiga alianza entre os seus dous reinos. Froito deste acordo chegaría a súa voda con Lothíriel, filla do príncipe Imrahil de Dol Amroth, coa que tería o seu herdeiro, Elfwine o Fermoso, que reinaría despois del. Foi coroado en Edoras como Éomer I Éadig («o Afortunado»), primeiro rei da terceira liñaxe e decimo oitavo da Marca dende Eorl o Xove.
Adaptacións da novela [editar]
Nos filmes The Lord of the Rings: The Two Towers e The Lord of the Rings: The Return of the King, é interpretado por Karl Urban. O personaxe é unha mestura entre os personaxes de Éomer e Erkenbrand, señor do Folde Oeste, quen é o que realmente chega á Batalla do Abismo de Helmo acompañando a Gandalf.
| Predecesor: Théoden |
Rei de Rohan 3019 T. E. - 63 C. E. |
Sucesor: Elfwine |