Portal:Terra Media

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ash Nazg durbatulûk, ash Nazg gimbatul, ash Nazg thrakatulûk agh burzum-ishi krimpatul.
Un anel para gobernalos a todos, un anel para atopalos, un anel para atraelos a todos e atalos nas tebras

Portal da Terra Media

A Terra Media son as terras 'mortais' ficticias onde transcorren algunhas das historias de J. R. R. Tolkien, diferentes de Aman ou as Terras Imperecedoiras, onde viven os Valar xunto á maioría dos Altos Elfos. A orixe do termo é unha tradución do middel-erde en inglés medio, que evolucionou do middangeard do inglés antigo.

Tolkien dixo que a súa Terra Media é a nosa Terra, pero nun período dun pasado ficticio, estimando a fin da Terceira Idade en aproximadamente 6.000 anos antes do século XX.

A historia da Terra Media de Tolkien está dividida en varias idades. O conto longo O Hobbit e practicamente a totalidade d'O Señor dos Aneis narran exclusivamente acontecementos do final da Terceira Idade e este remata co inicio da Cuarta Idade, mentres que O Silmarillion trata principalmente sobre a Primeira Idade.

Artigo destacado

editar

As armas con nome da Terra Media son as espadas e outras poderosas armas creadas por J. R. R. Tolkien como parte do seu legendarium e unha parte importante na súa mitoloxía. O nomeamento das armas deriva da época medieval, estando presente na mitoloxía nórdica e no poema en inglés antigo Beowulf. Entre as moitas armas nomeadas por Tolkien están Orcrist e Glamdring na obra O hobbit, e Narsil / Andúril na obra The Lord of the Rings.

Existen múltiples paralelismos entre o uso que fai Tolkien dos nomes das armas nos seus escritos da Terra Media e a épica medieval. Estes inclúen a súa transmisión como herdanzas, ás veces reais; o seu redescubrimento en antigos tesouros; o seu adorno con inscrición rúnicas; e a súa vinculación coa vida dos seus propietarios.

Lugar de interese

editar

Gondor é un reino ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien, descrito como o máis grande reino dos homes no oeste da Terra Media a finais da Terceira Idade. O terceiro volume do Señor dos Aneis, O Regreso do Rei, relata en gran parte os acontecementos en Gondor durante a guerra do Anel e a posterior restauración do reino. A historia do reino está descrita nos apéndices do libro.

Segundo a narrativa, Gondor foi fundado polos irmáns Isildur e Anárion, os fillos de Elendil, exiliados do reino insular de Númenor despois da súa caída. Xunto con Arnor no norte, Gondor, o reino do sur, serviu como último bastión dos homes do oeste. Despois dun período de crecemento, Gondor comezou a esmorecer segundo avanzaba a Terceira Idade, sendo debilitado continuamente polas loitas internas e os conflitos cos aliados do Señor Escuro Sauron. Na época da guerra do Anel, o trono de Gondor estaba baleiro, aínda que os seus principados e feudos aínda tiñan deferencia polo rei ausente, amosando a súa lealdade aos administradores de Gondor. O reino só foi restaurado coa derrota final de Sauron e a coroación de Aragorn como rei.

Baseándose nas primeiras concepcións, a historia e a xeografía de Gondor foron desenvolvéndose por etapas a medida que Tolkien creaba o seu legendarium e escribía O Señor dos Aneis. Os críticos observaron o contraste entre os administradores cultos pero sen vigor de Gondor e os líderes sinxelos pero vigorosos do reino de Rohan, baseados nos anglosaxóns, que eran favorecidos por Tolkien. Os eruditos na obra de Tolkien observaron paralelismos entre Gondor e os normandos, a antiga Roma, os viquingos, os godos, os longobardos e o Imperio Bizantino.

Artigos de calidade (1)

Artigos bos (1)

Imaxe destacada

editar

O Grande Anel de Poder, tamén coñecido como O Anel, meu precioso, ou A Ruína de Isildur.
Vexa o artigo Anel Único.


...Arquivo
Biografía destacada

editar

John Ronald Reuel Tolkien, citado a miúdo como J. R. R. Tolkien, CBE (/ˈtɒlkn/), nado en Bloemfontein o 3 de xaneiro de 1892 e finado en Bournemouth o 2 de setembro de 1973, foi un escritor, poeta, filólogo e profesor de universidade inglés de orixe surafricana, coñecido principalmente polas súas obras O Hobbit, O Señor dos Aneis e O Silmarillion.

Foi profesor de anglosaxón no Pembroke College de 1925 a 1945, e profesor de lingua e literatura inglesa no Merton College de 1945 a 1959. Durante esta época mantivo unha boa relación de amizade con C. S. Lewis, formando parte ámbolos dous do mesmo grupo informal de discusión literaria. Foi nomeado Comandante do Imperio Británico pola raíña Isabel II o 28 de marzo de 1972.

Trala súa morte, o seu fillo Christopher recompilou e publicou varias obras baseadas nos manuscritos e notas non publicadas do seu pai, incluíndo O Silmarillion. Estas obras, xunto O Hobbit e O Señor dos Aneis forman unha serie de contos, poemas, historias e linguas conectadas ambientadas no mundo ficticio que Tolkien denominou Arda, coa Terra Media dentro dela. Entre 1951 e 1955 Tolkien aplicou o termo legendarium a gran parte destes escritos.

Aínda que outros autores anteriores xa tiveran publicado obras de fantasía antes ca Tolkien, a popularidade das súas obras fixo que se lle identifique popularmente coma o "pai" da literatura fantástica moderna. En 2008, o xornal The Times clasificouno no sexto posto nunha lista dos "50 escritores británicos máis importantes dende 1945".

Sabías que...?

editar

Aragorn.


...Arquivo
Portais relacionados
Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons