Samsagaz Gamllí

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Samsagaz Gamllí
Personaxe de O Señor dos Aneis
Creador(es) J. R. R. Tolkien
Información
Nome orixinal Samwise Gamgee
Raza Hobbits
Sexo Masculino
Nacemento 1380 CC
Falecemento Data descoñecida
Ocupación Xardineiro
Alcalde da Comarca
Familia Hamveloz Gamllí (pai)
Campaíña Bonrapaz (mai)
Hamson, Halfred, Margarida, May, Caléndula (irmáns)
Cónxuxe Rosiña Cotón
Fillos Elanor a Bela, Frodo, Rosa, Merri, Pipin, Riciños de Ouro, Hamveloz, Margarida, Primavera, Bilbo, Rubí, Robin e Tolman
Residencia Nº 3 de Bulseiro de Tirada e Bulseiro Cerrado, en Hobbiton, na Comarca (Terra Media)Comarca (Terra Media)
Perfil en IMDb

Samsagaz Gamllí, máis tarde coñecido como Samsagaz o Afouto e Samsagaz o Forte e chamado normalmente Sam, é un personaxe ficticio do legendarium de J.R.R. Tolkien, que aparece na súa obra O Señor dos Aneis.

Aparicións[editar | editar a fonte]

Sam aparece por primeira vez n'A Irmandade do Anel. Como "castigo" por espreitar durante a conversa entre Gandalf e Frodo Bulseiro acerca dos perigos do Anel Único, o mago converteuno no primeiro compañeiro de Frodo na viaxe deste a Valfendido. A eles uníronse despois Meriadoc Brandigamo e Peregrin Tuc, curmáns de Frodo. Antes de abandonaren o lar de Frodo en Grileira, descubriuse que Sam, Merri, Pipin e Fredegar Bocho artellaran "a Conspiración" para averiguar o propósito da viaxe de Frodo, e que Sam recibira a encarga de reunir información ás agachadas.

En Valfendido, Sam volveu espreitar durante o Consello de Elrond. Cando ouviu que Frodo debería levar o Anel até Mordor, negouse a deixar que o seu amo marchase sen el. Os dous pasaron a ser membros da Compañía do Anel, ao igual que Merri e Pipin.

Ao primeiro, Sam exerceu sinxelamente como bo compañeiro, caracterizado polo seu agudo interese nos elfos e o seu talento para compor e recitar poesía. Porén, segundo avanzaba a historia, resultou ser de máis valor para Frodo ca os expertos guerreiros. Cando Frodo decidiu abandonar a Compañía, Sam negouse a desatender as súas responsabilidades como compañeiro, protector e amigo. Aínda que en xeral os seus modos e falares podían semellar simples, Sam a miúdo amosaba unha grande capacidade de percepción e entendemento. Cando Frodo achou o xeito de escapar dos demais ás furtadelas, Sam axiña o alcanzou, e insistiu en que lle deixase ir con el. Carrexou a maior parte da equipaxe, cociñou, montou garda á noite sempre que puido e racionou a comida para que lle durase a Frodo toda a viaxe.

N'As Dúas Torres, Frodo e máis el topáronse con Gollum, que posuíra unha vez o Anel, e que faría calquera cousa para o recobrar. Sam experimentou unha inmediata aversión cara á criatura, e advertiu a Frodo que "Traidor", como chamaba á personalidade malvada de Gollum, non era de fiar. As sospeitas de Sam resultaron ser atinadas cando Gollum os conduciu até o tobo de Elaraña, que atacou e semellou matar a Frodo. Após unha longa loita, Sam colleu o Anel, coa intención de completar a misión el mesmo, mais o seu afecto cara a Frodo e o seu "único desexo" de volvelo atopar fixo que lle resultase case imposíbel levar a cabo a súa decisión. Ao ter levado o Anel durante ese período, foi considerado un dos Portadores do Anel. Cando ouviu ao Orco Shagrat dicir que Frodo só estaba paralizado temporalmente, volveu de vez para rescatar ao seu amo do alto da Torre de Cirith Ungol, a onde o levaran os Orcos.

N'O Regreso do Rei, Sam rescatou a Frodo, devolveulle o Anel, e adentrouse en Mordor con el. Contaban con poucas provisións de auga e comida, e os hobbits víronse preto de morrer de fame no seu traxecto a través de Gorgoroth. O seu paso polas chairas quedou parcialmente garantido ao teren atraído Aragorn e Gandalf ás hostes de Mordor cara á Porta Negra.

A medida que se adentraban en Mordor, a tentación do Anel comezou a ser demasiado forte para Frodo. En contra da súa propia vontade, Frodo sentiuse impulsado a pór o Anel, e Sam tivo que impedirlle que cedese á tentación. Cando Frodo ficou sen azos para seguir adiante, Sam puxou por levalo en brazos até o Monte do Destino. No bordo do volcán, Gollum atacounos. Daquela Sam tivo a oportunidade de matar a traizoeira criatura, mais púidolle a mágoa e deixouno ir. A compaixón de Sam e o papel do destino cumpriron a misión intres máis tarde, cando Gollum arrebatou o Anel a Frodo (quen, vencido ao cabo polo artefacto, reclamárao para si) e caeu no magma de Orodruin. A montaña entrou en erupción, e Sam e máis Frodo puideron afastarse abondo para que Gandalf e as Aguias de Manwë os rescatasen.

Logo de volveren os hobbits a casa e da Batalla de Ribadauga, Sam percorreu toda a Comarca volvendo plantar as árbores que cortara Saruman durante o seu breve e terrorífico reinado. Empregou o agasallo de terra que lle outorgara a Dama Galadriel, que fixo que os plantóns medraran a un ritmo acelerado. A terra sobrante levouna á Pedra das Tres Cadernas (máis ou menos o centro xeográfico da Comarca), e arrebolouna ao ar, provocando o pródigo período de medra que comezou na primavera do ano 1420 (segundo o Calendario da Comarca). A meirande das marabillas foi a nova árbore mallorn que agromou no Campo da Festa: "o único mallorn ao oeste das Montañas e ao leste do Mar" (nacido dunha landra incluída no agasallo de Galadriel).

Despois da Guerra do Anel, Sam casou con Rosiña Cotón e mudouse para Vila Bulsa con Frodo. Sam e Rosiña tiveron trece fillos: Elanor a Bela, Frodo, Rosa, Merri, Pipin, Riciños de Ouro, Hamveloz, Margarida, Primavera, Bilbo, Rubí, Robin e Tolman.

Logo do nacemento do seu primeiro fillo, anunciouse que Frodo abandonaría a Terra Media, xunto con Bilbo Bulseiro, Gandalf e a maioría dos Elfos restantes, cara ás Terras Imperecedoiras. Antes de partir, Frodo deixoulle a Sam Vila Bulsa, xunto co Libro Vermello da Marca Occidental para que Sam o continuase, dándolle a entender que quizais tamén se lle permitiría a el viaxar ao Oeste algún día.

Nos Apéndices d' O Regreso do Rei dise que no ano 7 da Cuarta Idade (1427 segundo o Calendario da Comarca), Sam foi elixido Alcalde da Comarca, cargo que repetiu durante seis outras lexislaturas de sete anos.

Cando morreu a súa esposa no ano 62 da Cuarta Idade, (1482 segundo o Calendario da Comarca), Sam confiou o Libro Vermello a Elanor e abandonou a Comarca. Non se lle volveu ver na Terra Media, pero Elanor e os seus descendentes preservaron a crenza de que foi aos Portos Grises e cruzou o Gran Mar cara ao Oeste. Como Portador do Anel, concedéuselle o permiso para se reunir con Frodo nas Terras Imperecedoiras.

Representacións nas adaptacións[editar | editar a fonte]

Cinema[editar | editar a fonte]

Sean Astin, o actor que interpretou a Sam nos filmes de Peter Jackon

No filme animado de Ralph Bakshi de 1978, O Señor dos Aneis, a voz de Sam era a de Michael Scholes. Billy Barty foi o modelo para Sam, ao igual que para Frodo e Bilbo, nas gravacións de imaxe real que Bakshi usou para a rotoscopia.

Na versión animada producida en 1980 d'O Regreso do Rei, para televisión, a voz do personaxe era a de Roddy McDowall.

Nos filmes de Peter Jackson O Señor dos Aneis: A Irmandade do Anel (2001), O Señor dos Aneis: As Dúas Torres (2002) e O Señor dos Aneis: O Regreso do Rei (2003), Sam foi interpretado por Sean Astin.

Teatro[editar | editar a fonte]

No teatro, o papel de Sam correspondeu a Peter Howe na produción de 3 horas de duración d' O Señor dos Aneis, realizada en Toronto (Canadá) e estreada en 2006. Nos Estados Unidos, Sam foi representado por Blake Bowden nas producións de Cincinnati de A Irmandade do Anel (2001), As Dúas Torres (2002), e O Regreso do Rei (2003) para o Clear Stage Cincinnati. En Chicago, Dale Inghram personificou a Sam na produción do Lifeline Theatre d' As Dúas Torres de 1999.

Radio[editar | editar a fonte]

No serial radiofónico d'O Señor dos Aneis producido en 1981 pola BBC, Sam foi interpretado por Bill Nighy. Non se sabe con certeza se Sean Astin, o actor que deu vida a Sam na triloxía cinematográfica d'O Señor dos Aneis, escoitara a interpretación de Nighy, mais ambos os dous dotan o papel dunha caracterización e acento semellantes. É posíbel que isto se deba á versión do propio Tolkien nas súas lecturas gravadas.


Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

A Irmandade do Anel
Frodo · Sam · Merri · Pipin · Gandalf · Aragorn · Legolas · Gimli · Boromir