Tiburón branco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tiburón branco
Carcharodon carcharias

Rango fósil: mioceno - actualidade [1]
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Chondrichthyes
Subclase: Elasmobranchii
Superorde: Selachimorpha
Orde: Lamniformes
Familia: Lamnidae
Xénero: Carcharodon
Smith 1838
Especie: C. carcharias
Nome binomial
Carcharodon carcharias
(Linnaeus 1758)
Distribución do tiburón branco
Distribución do tiburón branco

Distribución do tiburón branco
Debuxo dun tiburón branco, en Illustrations of the Zoology of South Africa, obra publicada por Andrew Smith en 1838.
Tiburón branco no Monterey Bay Aquarium (California) en setembro de 2006.

O tiburón branco,[2][3][4] Carcharodon carcharias, é unha especie de peixe cartilaxinoso elasmobranquio da orde dos lamniformes (Lamniformes), e familia dos lámnidos (Lamnidae) que se encontra nas augas cálidas e temperadas de case todos os océanos do mundo.

Esta especie é a única que sobrevive na actualidade do xénero Carcharodon.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

En 1758 Carolus Linnaeus, na 10ª edición do seu Systema Naturae, deulle ao tiburón branco o seu primeiro nome científico, Squalus carcharias. Sir Andrew Smith deulle o nome xenérico Carcharodon en 1833, e en 1873 o nome xenérico foi identificado co nome específico de Linnaeus, tomando o seu nome científico actual, Carcharodon carcharias. O nome específico carcharias vén do grego antigo καρχαρίας karcharías, que significa "agudo" ou "dentado". O nome do xénero, Carcharodon formouse coa raíz Carchar-, de carcharias e a palabra grega οδούς, odoús, que ignifica "dente".[5]

Nomes comúns[editar | editar a fonte]

Esta especie recibiu multitude de nomes ao longo da súa área de distribución. En español a denominación máis común é tiburón blanco (semellante ao galego tiburón branco, e ao portugués tubarão-branco —aínda que tamén se emprega, segundo algúns autores, o nome tubarão-de-São-Tomé[6]) pese a que nos últimos tempos abundan os escritos onde se utiliza o nome de gran tiburón blanco (esta última denominación influída polo nome inglés, great white shark).

O cualificativo de "branco" débese talvez a que nalgúns exemplares vellos, co paso dos anos, vai aclarándose o ton mouro do seu dorso até chegar a un gris claro o que, xunto á coloración abrancazada do ventre, lles dá a estes tiburóns o aspecto de pareceren brancos.

En España a denominación tradicional de orixe medieval (cómpre recordar que a propia palabra tiburón procede das linguas caribe, e que por tanto non se incorporou ao castelán (e ao galego) até o século XVI, probabelmente a través do portugués) o identificaba como jaquetón (aumentativo de jaque, ameaza —en galego, xaque—), nome que xunto con distintos adxectivos se aplica tamén a moitas outras especies da familia dos carcarrínidos (Carcharhinidae). Existe tamén o nome jaquetón blanco, derivado da fusión entre o nome anterior e o de tiburón blanco, máis popular na actualidade. O nome de marraxo, que se lle aplica ás veces, pode levar a confusións con outras especies de tiburóns.

No Uruguai dáselle tamén a esta especie o nome de africano, mentres que noutros países optan por denominacións máis truculentas como "devorador de homes". En Cuba tamén se coñece como jaquetón de ley, nome que en España queda reservado á especie Carcharhinus longimanus.

En francés denomínase grand requin blanc; en catalán, tauró blanc ou gran blanc; en italiano, grande squalo bianco, caracarodonte ou pescecane;[7] e en alemán, Menschenhai (algo así como tiburón (devorador) dos homes).[8] En inglés, ademais de great white shark tamén se lle dan os nomes de great white, white pointer, white shark e white death.

Descrición[editar | editar a fonte]

Características xerais[editar | editar a fonte]

Os tiburóns brancos caracterízanse polo seu corpo fusiforme, alongado e forte. O fociño é cónico, curto e groso. A boca, moi grande e arredondada, é parabólica (ten forma de arco), e permanece sempre entreaberta, deixando ver polo menos unha fileira de dentes do maxilar superior, moi grandes, planos, e unha ou dúas da inferior, mentres a auga penetra nela e sae continuamente polas cinco aberturas branquiais.[9] Se este fluxo se detivera, o tiburón afogaría por carecer de opérculos para regular o paso correcto da auga, e afundiría, xa que non ten tampouco vexiga natatoria, polo que se vé condenado a estar en continuo movemento.

Tiburón branco atacando unha presa.
Tiburón branco en augas de Suráfrica.

Durante o ataque ás súas presas, as fauces ábrense até tal punto que a forma da cabeza se deforma, pois a mandíbula desarticúlase do cranio, pechando logo cunha forza 300 veces superior á dunha mandíbula humana.

Os dentes son grandes, serrados, de forma triangular e moi anchos. Ao contrario que outros tiburóns, non teñen diastema nin redución de ningún dente, se non que toda a queixada está provista de dentes aliñados e igualmente capaces de aferrar, cortar e esgazar. Detrás das dúas fileiras de dentes principais, os tiburóns brancos teñen dúas ou tres máis en continuo crecemento que suplen a frecuente caída de dentes con outros novos. A base do dente carece de raíz e está bifurcada, dándolle unha aparencia inconfundíbel en forma de punta de frecha.

Os orificios nasais (narinas) son moi estreitos, e os ollos son pequenos, arredondados e completamente negros. Detrás da cabeza, nos costados, sitúanse cinco fendeduras branquiais, dúas aletas pectorais ben desenvolvidas e de forma triangular, e cerca da aleta caudal, outras dúas pelvianas, moito máis pequenas. A caudal está moi desenvolvida, ao igual que a primeira aleta dorsal moi grande e coa marxe posterior libre minúscula, de forma inconfundíbel. Outras dúas aletas pequenas (segunda dorsal e anal) cerca da cola, completan o aspecto deste animal.[9]

A pesar do seu nome, este tiburón só é branco na súa parte ventral, mentres que a dorsal é de cores variadas, desde gris cincenta a azulada.[9] Este patrón, común en moitos animais acuáticos, serve para confundirse coa luz solar (en caso de mirarse desde abaixo) ou coas escuras augas mariñas (no caso de facelo desde arriba), constituíndo unha camuflaxe tan simple como efectiva.

Porén, a denominación de "tiburón branco" podería ter a súa lóxica, ademais do xa apuntado do aclarado da cor coa idade, no caso de avistárense exemplares albinos que, aínda que son moi raros, existen. En 1996 pescouse nas costas de El Cabo (Suráfrica) unha femia nova de apenas 145 cm que exhibía esta rara característica.

Sentidos[editar | editar a fonte]

As terminacións nerviosas do extremo frontal do fociño recollen a menor vibración ocorrida na auga e guían ao animal cara á posíbel presa que estea causando esa perturbación. Outros receptores (coñecidos como ampolas de Lorenzini, unhas células especializadas situadas ao redor dos orificios nasais, permítenlle captar tamén campos eléctricos de frecuencia variábel que probabelmente use para orientarse nas súas migracións. Ademais, o seu olfacto é tan potente que detecta a presenza dun par de moléculas de sangue entre un millón de moléculas de auga a varios quilómetros de distancia, atraéndoo e facéndoo máis agresivo. A vista ten menos importancia, pero tamén está ben desenvolvida e desempeña un papel moi importante na aproximación final á presa e ao seu peculiar modelo de espreita e ataque desde debaixo da mesma.

Tamaño[editar | editar a fonte]

A lonxitude máis frecuente entre os tiburóns brancos adultos é de 4 a 5,5 m (sendo os machos menores que as femias), aínda que se citaron casos de individuos excepcionais que superaban amplamente esas medidas (até os 6 m). Na actualidade non se pode asegurar cal é realmente o tamaño máximo nesta especie, feito que está reforzado pola existencia de notas antigas e pouco fiábeis sobre animais realmente xigantescos. Varios destes casos analízanse na obra The Great White Shark.[10]

Durante décadas, moitos libros de referencia no campo da ictioloxía, así como o Libro Guinness dos Récords, recolleron dous tiburóns brancos como os máis grandes xamais capturados; un deles era un exemplar de 11 m presuntamente capturado en augas do sur de Australia, cerca de Port Fairy, na década de 1870, e o outro era un individuo de 11,3 m que quedara atrapado nunha rede para arenques en Novo Brunswick, Canadá nos anos 30 do século pasado.

Tamaño do tiburón branco respecto ao ser humano.

Ao abeiro desta lonxitude máxima, os avistamentos de tiburóns brancos de 7 a 10 m de longo foron considerados até certo punto comúns e aceptados sen gran discusión. Porén, varios investigadores puxeron en dúbida a fiabilidade do relato de Port Fairy, facendo fincapé na gran diferenza de tamaño entre este individuo e calquera dos outros tiburóns brancos capturados. Un século despois da captura estudáronse as mandíbulas do animal, aínda conservadas, e púidose determinar que o seu auténtico tamaño corporal rondaba os 5 m. A confusión puido ser produto dun fallo tipográfico, un erro derivado do paso de unidades anglosaxoas a internacionais (5 m son uns 16,5 pés) ou unha simple exaxeración. Respecto ao exemplar de Novo Brunswick, os expertos cren hoxe en día que debeu tratarse dun peixe bobo ou tiburón peregrino (Cetorhinus maximus), especie cun corpo de forma similar á do tiburón branco e que é frecuente en augas canadenses.

Volvendo a Ellis e McCosker, estes espertos aseguraron na súa obra que os maiores tiburóns brancos roldan os 6 m de lonxitude, e que os informes sobre individuos de 7 m ou máis, aínda que existentes na literatura popular, non están presentes na científica. De forma sarcástica recalcan o feito de que, ao igual que as supostas anacondas e pitóns xigantes, "estes [tiburóns] xigantes tenden a desaparecer cando un observador responsábel se aproxima cunha cinta métrica".

O maior tamaño que Ellis e McCosker consideran como certo é o dun tiburón branco de 6,4 m capturado en augas cubanas en 1945, aínda que apuntan que outros expertos consideran que o seu tamaño debeu de ser algo menor. O peso atribuído (pero non confirmado) a este exemplar foi de 3.270 kg. Desde entón publicáronse noticias de exemplares maiores, pero Ellis e McCosker fan notar que as medicións son a miúdo deficientes e, unha vez verificadas, dan resultados que adoitan estar entre os 6,1 e os 6,4 m. Por exemplo, moitas publicacións falan dun tiburón branco femia de 7 m pescado por Alfredo Cutajar na illa de Malta, en 1987. No seu libro, Ellis e McCosker aceptan que este tiburón parecía ter un tamaño superior á media, pero non consideran como certa a medida de 7,13 m. Durante os seguintes anos, outros expertos tamén encontraron motivos para dubidaren deste dato, debido en parte ao desacordo entre Cutajar e outras testemuñas á hora de fixar as medidas. Finalmente, un analista fotográfico da BBC concluíu, tendo en conta o erro ao que a perspectiva pode levar na fotografía do animal, que o seu tamaño real estaría en torno aos 5,6 m.[11]

Actualmente, a maioría dos expertos están de acordo en que o tamaño máximo que pode alcanzar un tiburón branco é de case uns 6 m de lonxitude e un peso de ao redor de 1,9 t. Os informes sobre tamaños moito maiores que este adoitan considerarse dubidosos e, segundo o Canadian Shark Research Centre (Centro Canadense de Investigación do Tiburón), o tiburón branco máis grande correctamente medido foi unha femia capturada en agosto de 1988 na illa do Príncipe Eduardo, que mediu 6,1 m.[11]

No relativo ao peso engádese un novo problema, xa que este pode variar lixeiramente en función do que o tiburón comera e de se o fixo de forma máis ou menos recente. Un exemplar adulto pode introducir na boca até 14 kg de carne dunha soa dentada, e almacenar varios máis no seu estómago até que termina de dixerilos. Por esta razón, Ellis e McConker consideran posíbel que os tiburóns brancos poden chegar a alcanzar pesos de 2 t, aínda que o maior dos que eles estudaron "só" pesaba 1,75 t.

O maior tiburón branco recoñecido pola Asociación Internacional de Pesca Deportiva (IGFA, nas súas siglas en inglés) foi un exemplar de 1.208 kg capturado por Alf Dean en 1959, ao sur de Australia. Están citados moitos outros exemplares maiores, pero a IGFA non os ten en conta porque foron capturados sen respectar as normas impostas por esta organización.

Distribución[editar | editar a fonte]

O tiburón branco vive sobre as zonas de plataforma continental. Ás veces, achéganse ás costas, podéndose ver nos portos e en augas pouco profundas.[9] É nestas zonas onde a abundancia de luz e de correntes mariñas xera unha maior concentración de vida animal, o que para esta especie equivale a unha maior cantidade de alimento. Están ausentes, porén, dos fríos océanos ártico e antártico, a pesar da súa grande abundancia en plancto, peixes e mamíferos mariños. Os tiburóns brancos teñen un avanzado metabolismo que lles permite manterse máis quentes que a auga que os rodea, pero non o suficiente como para poboar estas zonas extremas.

Tiburón branco nas augas da illa Guadalupe, México.

Normalmente o tiburón branco mantense a unha certa distancia da liña costeira, acercándose só naquelas zonas con especial concentración de atúns, focas, pingüíns ou outros animais de hábitos costeiros. Igualmente, adoita permanecer cerca da superficie, aínda que ocasionalmente descende até cerca dun quilómetro de profundidade.

Nun estudo recente comprobouse que os tiburóns brancos da Baixa California emigran a unha zona entre este lugar e Hawai coñecida como "o Café do Tiburón Branco", onde pasan polo menos 100 días ao ano antes de volver á Baixa California. Na viaxe, nadan amodo e mergúllanse até uns 900 m de profundidade. Tras regresar, cambian o seu comportamento e fan inmersións curtas a aproximadamente 300 m durante uns dez minutos. E un tiburón branco etiquetado na costa de Suráfrica chegou á costa do sur de Australia e regresou no espazo dun ano. Estes feitos refutaron as teorías tradicionais que dicían que os tiburóns brancos eran depredadores territoriais costeiros e abre a posibilidade de que exista unha interacción entre poboacións de tiburón branco que antes eran consideradas independentes. Aínda se descoñece por que migran, barallándose a alimentación estacional ou a existencia de áreas de acoplamento.[12]

Nun estudo similar un tiburón branco de Suráfrica foi rastrexado nadando até a costa noroeste de Australia, unha viaxe de 20.000 km, en menos de 9 meses.[13]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Os tiburóns brancos difiren bastante de ser simples "máquinas de matar", como sostén a imaxe popular que se ten deles. Para poderen capturar os grandes mamíferos mariños que constitúen a base da dieta dos individuos adultos, os tiburóns brancos practican unha característica emboscada: sitúanse a varios metros baixo a presa, que nada na superficie ou cerca dela, usando a cor escura do seu dorso como camuflaxe, facéndose así invisíbeis ás súas vítimas. Cando chega o momento de atacar, avanzan rapidamente cara a arriba con potentes movementos da cola e abren as mandíbulas. O impacto adoita ser no ventre da presa, por onde o tiburón aferra fortemente á vítima: se esta é pequena, como un león mariño, mátaa no acto e posteriormente engólea enteira; se é máis grande, arríncalle un grande anaco que inxire enteiro, xa que os seus dentes non lle permiten mastigar; a presa pode quedar entón morta ou moribunda, e o tiburón volverá alimentarse dela arrincando un anaco detrás doutro. Excitados pola presenza de sangue, a zona encherase pronto doutros tiburóns. Nalgunhas zonas do Pacífico, os tiburóns brancos arremeten con tanta forza ás focas e leóns mariños que se elevan un par de metros sobre o nivel da auga coa súa presa entre as mandíbulas, antes de volver a mergullarse. Porén, no mar Mediterráneo e a costa atlántica de África e Europa, o tiburón branco, ao igual que a candorca e o marraxo azul, non adoitan atacar nin alimentarse de mamíferos como focas ou golfiños.

Balea morta con marcas de dentadas de tiburón branco.

A maioría dos ataques ocorren durante a alborada ou ben no solpor, pois neses momentos é cando as profundidades non se poden albiscar de maneira adecuada.

Esta especie tamén consome preas, especialmente as que proceden de cadáveres de baleas á deriva, das que arrincan grandes anacos. Preto das costas, os tiburóns brancos consomen grandes cantidades de obxectos flotantes por erro: nos seus estómagos chegaron a encontrarse incluso matrículas de automóbiles.[Cómpre referencia]

Tanto na caza como no resto da vida os tiburóns brancos adoitan seren solitarios. Ocasionalmente vense parellas ou pequenos grupos desprazándose á busca de alimento, labor que os leva a percorrer centos de quilómetros. Aínda que preferentemente nómades, algúns exemplares prefiren alimentarse en certas zonas costeiras, como ocorre nalgunhas rexións de California, Suráfrica e especialmente Australia.

Inimigos naturais[editar | editar a fonte]

A candorca pode constituír unha ameaza para os tiburóns brancos. O 4 de outubro de 1997, nas augas que bañan as illas Farallón, ocorreu un ataque dunha candorca femia de 6,50 m, coñecida polos científicos como Ca2, contra un tiburón branco, durante o cal o tiburón morreu. Non se sabe realmente o verdadeiro tamaño daquel exemplar debido a que quedou completamente esnaquizado, pero algúns expertos supoñen que se trataba dun tiburón xuvenil.

Reprodución[editar | editar a fonte]

A especie é ovovivípara, con camadas de 4-16 crías que miden ao nacer entre 60 e 70 cm.[9] Aínda que apenas se coñecen uns cantos casos de femias grávidas capturadas, pódese afirmar que o tiburón branco prefire reproducirse en augas temperadas, en primavera ou verán. Os ovos permanecen no útero até que eclosionan: é posíbel que neste tiburón se dea canibalismo intrauterino (sendo as crías máis débiles e os ovos aínda por abrir devorados polos seus irmáns máis fortes) da mesma forma en que sucede noutras especies de lámnidos, pero polo de agora non é un feito que estea totalmente probado. As crías inmediatamente se separan da súa nai para evitar seren devoradas por esta. Desde entón levan unha vida solitaria, crecendo a un ritmo bastante rápido. Alcanzan os dous metros no primeiro ano de vida; os machos, máis pequenos que as femias, maduran sexualmente antes que estas, cando alcanzan 1,95 m de longo. Distínguense das femias por unhas extensións das aletas pelvianas que serven de órganos copuladores. As femias non poden reproducirse até que alcanzan uns 2,80 m, créndose que son fértiles durante un curto período de tempo, o que fai que a súa taxa reprodutiva sexa baixa.

Non se coñece gran cousa sobre as relacións intraespecíficas que se dan nesta especie, e o que respecta ao apareamento non é unha excepción. É posíbel que este se produza con máis frecuencia despois de que varios individuos compartan un gran festín, como por exemplo un cadáver de balea. A vida media destes animais non se coñece con exactitude, pero é probábel que oscile entre os 15 e os 30 anos.

Evolución[editar | editar a fonte]

Estímase e o tiburón branco apareceu no planeta durante o mioceno,[14] sendo o fósil rexistrado máis antigo de hai uns 16 millóns de anos aproximadamente.[1] Segundo os paleontólogos deriva de Carcharodon megalodon, o megalodonte, un xigantesco tiburón extinguido. Porén, outros expertos consideran que, a pesar da indubidábel pertenza de ambos os dous á orde dos lamniformes, o tiburón branco en realidade quizais teña maior parentesco co marraxo azul, do xénero Isurus.

Dimensións do tiburón branco respecto a Carcharodon megalodon e outras especies.

Segundo os paleontólogos Shelton Applegate, John Maisey, Robert Purdy e o biólogo Leonard Compagno, o megalodonte e o tiburón branco proveñen de Cretolamna carcharodon, e polo tanto deben ser considerados como membros do mesmo xénero e, obviamente, da mesma familia.

Cappetta Henri, John Long, Mikael Siverson e David Ward, pola súa parte, encontran que o tiburón branco deriva dunha liña separada da de megalodon, que á súa vez vén de Cretolamna e Otodus, dous tiburóns extintos. Tamén hai teóricos que establecen a súa descendencia de Carcharodon orientalis, que se cre que pertencía a un elo perdido da evolución. A similitude entre os dentes do megalodonte e o tiburón branco demostrarían unha converxencia evolutiva entre ambos os dous, pero non unha relación xenética directa. Porén, os científicos aínda hoxe debaten a procedencia exacta do tiburón branco.

Estado de conservación: en perigo de extinción[editar | editar a fonte]

Debido á ampla área de distribución desta especie, é imposíbel saber o número de espécimes que existen, aínda que sexa de forma aproximada. Porén, a súa baixa densidade de poboación, unida á súa escasa taxa de reprodución, a súa longa infancia e á súa baixa esperanza de vida, fan que o tiburón branco non sexa un animal precisamente abundante. A pesca deportiva deste tiburón, sen interese económico ningún, incrementouse nos últimos 30 anos debido en gran parte á popularidade de filmes como Tiburón (Steven Spielberg, 1975) até o punto de que se considera ameazada ou en perigo de extinción en varios lugares.

Vídeo da aproximación dun tiburón branco a unha gaiola de inmersión.
Tiburón branco visto desde unha gaiola de inmersión.

A Lista Vermella da IUCN incluíu ao tiburón branco por primeira vez en 1990 como especie insuficientemente coñecida e, desde 1996, cualifícao como especie vulnerábel.[15] O Apéndice II do Convenio CITES inclúeo como especie vulnerábel se non se explota racionalmente.

As medidas de conservación deben aplicarse obrigatoriamente sobre as poboacións en liberdade, xa que a cría en catividade desta especie é imposíbel, debido probabelmente ao seu acusado carácter nómade. Un dos poucos exemplares que chegaron a seren exhibidos vivos foi unha femia nova chamada Sandy, que viviu durante tres días do mes de agosto de 1980 no Acuario Steinhart de San Francisco. Tras só 72 h de cativerio, Sandy tivo que ser liberada despois de que deixara de comer e se provocara graves feridas ao chocar repetidamente contra unha das paredes do recinto onde estaba. Posteriormente descubriuse que o que atraía a Sandy cara a ese lugar en particular era unha minúscula diferenza de potencial eléctrico de 125 microvoltios (millonésimas de voltio) entre esa parede e o resto das do acuario. A intensidade do campo eléctrico que Sandy detectaba era tan pequena que pasaba desapercibida para calquera dos outros animais que se encontraban no mesmo tanque de auga, incluídos varios tiburóns doutras especies.

Polo de agora non existe ningunha moratoria legal internacional sobre a pesca do tiburón branco, aínda que está prohibida nalgunhas zonas da súa área de distribución. O tiburón branco é unha especie protexida en California, a costa leste dos Estados Unidos, o golfo de México, Namibia, Suráfrica, Maldivas, Israel e parte de Australia (Australia Meridional, Nova Gales do Sur, Tasmania e Queensland). A Convención de Barcelona considérao como unha especie ameazada no Mediterráneo, pero case ningún país con saída a este mar dispuxo ningunha medida en favor da súa conservación.

Ataques contra seres humanos[editar | editar a fonte]

A pesar da lenda urbana tan intensa na súa contra, os ataques de tiburóns contra seres humanos son bastante raros. E dentro destes, os do tiburón branco pódense considerar anecdóticos se se comparan cos do tiburón tigre (Galeocerdo cuvier) ou do tiburón touro (Carcharhinus leucas), o segundo dos cales pode incluso remontar grandes ríos (Mississippi, Amazonas, Zambeze etc.) e atacar a persoas a varios quilómetros do mar. Porén, as mortes causadas por estas tres especies en conxunto son inferiores ás provocadas por serpes mariñas e crocodilos, e mesmo menores que os falecementos ocasionados por animais tan aparentemente inofensivos como abellas, avespas e hipopótamos. Considérase que é máis probábel morrer dun ataque ao corazón en mar aberto que polo ataque dun tiburón.

Boca do tiburón branco.

En palabras do biólogo Douglas Long, nos Estados Unidos (cuxa costa oeste é o fogar dunha importante concentración de tiburóns brancos) "morre máis xente cada ano por ataques de cans que a matada por tiburóns brancos nos últimos 100 anos".[16] Para zonas onde a presenza do tiburón branco non é tan abundante, os ataques alcanzan números realmente irrisorios: por exemplo, en todo o Mediterráneo só se confirmaron 31 ataques de tiburóns contra seres humanos nos últimos 200 anos, na súa maioría sen resultado de morte. Para España, a cifra é de 4 ataques desde mediados do século XIX (aínda que a ISAF só recoñece dous como suficientemente probados).[17] sen que ningún deles acabase coa vida da vítima. Nestes dous últimos casos, as cifras nin sequera se refiren a ataques do tiburón branco en particular, senón ao conxunto de todas as especies de tiburóns. De acordo con algúns investigadores estadounidenses, a cifra de ataques de tiburóns brancos en todo o mundo entre 1926 e 1991 sería de 115, sendo California, Australia e Suráfrica as que rexistraron máis. Resulta bastante ilustrativo o feito que nas augas surafricanas, infestadas de tiburóns, a cifra de ataques de tiburóns brancos desde 1940 sexa de só 29 fronte ás 89 agresións protagonizadas por tiburóns touro.

Esta escaseza de ataques, sobre todo mortais, dábese a que a maioría dos tiburóns en xeral e os brancos en particular non consideran aos humanos como auténticas presas potenciais. De feito, é posíbel que o sabor da carne humana lles sexa incluso algo desagradábel, e desde logo que lles resulta moito menos nutritiva e bastante máis difícil de dixerir que a de balena ou a de foca, provistas de gran cantidade de graxa. A gran maioría dos ataques do tiburón branco consisten nunha única dentada, tras a cal o animal se retira levándose poucas veces algún anaco da infortunada vítima (principalmente pernas e pés). Estes ataques pódense deber a tres posíbeis razóns:

  • O tiburón non ataca á vítima con intención de comela, senón porque a considera un intruso na súa actividade diaria ao que interpreta como unha ameaza potencial. Por iso, a trabada e posterior retirada non sería máis que unha simple aínda que desproporcionada "advertencia".
  • O animal séntese confuso ante algo que nunca vira antes e non sabe se é comestíbel ou non. Polo tanto, o fugaz ataque é unha especie de "dentada-proba" coa que intenta facerse unha idea de se lle convén alimentarse no futuro dese novo elemento no seu mundo. O posíbel gusto desagradábel e complicacións dixestivas posteriores impulsarán ao tiburón a non cazar humanos despois desta experiencia.
  • O tiburón confunde á vítima coa súa comida habitual. Neste caso explicaríanse moitos dos ataques contra bañistas e surfistas en California, por exemplo, xa que cando se ven desde abaixo resultan bastante parecidos a un león mariño que sae a respirar ou que se despraza a toda velocidade cerca da superficie da auga. Os ataques rexistrados contra pequenas embarcacións pesqueiras e de recreo poderían explicarse como confusións entre estas e os corpos de cetáceos de tamaño medio ou elefantes mariños mortos á deriva.

Dada a natureza do ataque, a vítima humana morre en raras ocasións durante o mesmo. Cando isto ocorre, as máis das veces é pola perda masiva de sangue, que debe evitarse de inmediato. A liberación de sangue na auga pode atraer tamén a outros tiburóns e peixes carnívoros de diversas especies que poden verse impulsados a realizar as súas propias "dentadas de proba", para desgraza da vítima.

Con todo, o perigo de ataque existe sempre, por remoto que sexa. Resulta interesante o feito de que o 80 % das mortes causadas por tiburóns brancos ocorreran en augas moi cálidas, case ecuatoriais, cando a maioría destes animais vive en zonas temperadas. Isto débese probabelmente a que a gran maioría de tiburóns brancos son xuvenís e crías, que necesitan das augas temperadas para o seu desenvolvemento, mentres que nas zonas máis cálidas só se adentran os individuos máis grandes e vellos, que son moito máis violentos e perigosos.

Deseñáronse e ensaiáronse varios métodos para evitar as feridas por trabadas de tiburón branco en caso dun ataque repentino, entre os que se enontran repelentes químicos, cotas de malla metálicas que se superpoñen aos traxes de mergullo e aparatos que xeran un campo eléctrico en torno ao mergullador ou ao surfista e desorientan a calquera tiburón que se aproxime, xa que perturban a información que estes reciben a través das ampolas de Lorenzini. Porén, e por moi efectivos que poidan ser estes métodos, é evidente que o mellor á hora de evitar ataques é non cometer imprudencias como afastarse demasiado da costa, nadar en solitario ou nas primeiras e últimas horas do día, visitar zonas con grande abundancia de pinnípedes (base alimenticia dos tiburóns brancos adultos) ou, evidentemente, acercarse de forma deliberada a un exemplar, sobre todo se é de tamaño considerábel.

Mentres se mergullaba cerca das illas de Cabo Verde, o oceanógrafo Jacques-Yves Cousteau e un compañeiro seu encontráronse por casualidade cun inmenso tiburón branco. "[A súa] reacción foi a que menos podiamos imaxinar —escribiu Cousteau—. Aterrado, o monstro evacuou unha nube de excremento e fuxiu a unha velocidade incríbel". A súa conclusión foi: "Ao reflexionar en todas as experiencias que tivemos co tiburón branco, sempre me chamaou a atención o grande abismo que media entre o que o público se imaxina que é e o que comprobamos que realmente é".

O tiburón branco na ficción[editar | editar a fonte]

Os tiburóns brancos aparecen como a encarnación do perigo en varias culturas, e reciben o nome de "devoradores de homes" en distintas linguas, especialmente na área do Caribe. Porén, a actual caracterización popular do tiburón branco como o asasino do mar por excelencia non existiría (ou non estaría tan estendida) de non ser polo éxito comercial do filme Tiburón (Jaws) en 1975. A película está baseada na novela do mesmo nome do escritor estadounidense Peter Benchley (publicada en 1974), que se inspira vagamente nun suceso histórico: a morte de catro persoas e a mutilación doutra causadas durante a vaga de ataques de tiburón de Nova Jersey de 1916. Porén, hoxe en día considérase máis probábel que os responsábeis de tales ataques fosen varios tiburóns e non obra dun particular asasino en serie. Tampouco non parece claro que o tiburón (ou tiburóns) fose branco, sinalándose como posíbeis responsábeis as especies Carcharhinus plumbeus e Carcharhinus leucas. Esta película xerou gran psicose sobre o tiburón branco.

O filme engade algunhas referencias en boca do capitán Quint ao desastre do USS Indianapolis, un barco que afundiu en 1945 no Pacífico, tras recibir o impacto dun torpedo xaponés, e cuxos superviventes permaneceron na auga durante cinco días mentres eran decimados pola calor, a falta de auga e os ataques dos tiburóns que, neste caso, tampoco se identificaron como tiburóns brancos, senón como espécimes de Carcharhinus longimanus.

A novela e logo a película estableceron unha serie de clixés que desde aquela se repetiron no cinema de "monstros asasinos", tanto terrestres como acuáticos, e que en moitos dos casos non se corresponden coas características reais da principal especie afectada, o tiburón branco. Isto contribuíu a arraigar unha serie de estereotipos e falsas crenzas en torno a esta especie, até o punto de que Benchley, autor da novela, afirmou que nunca a escribiría de saber como eran realmente os hábitos dos tiburóns brancos.

Tiburón foi un sonoro éxito comercial, sendo a primeira cinta que superou os 100 millóns de dólares de recadación, desbancando a O Padriño (The Godfather, 1972) como película máis comercial da historia, título que non lle foi arrebatado até a estrea de Star Wars (1977), e o seu impacto sobre a audiencia foi tan grande que aumentaron os casos de acuafobia e medo aos tiburóns en todo o mundo. Incluso descendeu o nivel de afluencia turística ás praias durante unha boa temporada. Por outra parte, varias persoas comezaron a pescar tiburóns brancos de forma masiva, desexosas de emular a Martin Brody e ao capitán Quint, o que ocasionou un descenso considerábel das poboacións deste animal. O mito de Tiburón perpetuouse nos medios de comunicación, e a súa influencia pódese ver en series de televisión, cómics e mesmo videoxogos como Tomb Raider ou Jaws:Unleashed. Moitas outras películas repetiron a fórmula que levou ao éxito á súa predecesora, entre as que se contan as seguintes:

  • Tiburón 2 (1978): un novo tiburón branco enorme volve a telas con Martin Brody na súa vila natal.
  • L'Squalo Bianco (1980): sonoro plaxio italiano de Tiburón, cunha historia practicamente idéntica a este. Chegou a distribuirse en España baixo o falso título de Tiburón 3.
  • O gran tiburón (Jaws 3-D, 1983): primeira en facer uso da tecnoloxía 3-D, reproduce o ataque dunha xigantesca nai-tiburón a un complexo acuático de Florida onde fora recluída a súa cría (unha situación que nunca se daría na realidade). O protagonista é o fillo máis vello de Brody.
  • Tiburón: a vinganza (Jaws: The Revenge, 1987): tras a negativa de Roy Scheider a volver, o personaxe de Martin Brody foi "asasinado" cun ataque ao corazón e o papel protagonista recaeu sobre a súa viúva, á que volvía a fustrigar un tiburón branco.
  • Shark Attack (1999): produción televisiva que recrea unha serie de ataques nunha aldea africana.
  • Shark Attack 2 (2001): secuela de Shark Attack.
  • 12 Days of Terror (2004): narra os 12 días durante os cales a xente ao longo da costa de Nova Jersey estivo baixo os continuos ataques dun tiburón branco.

Os recentes filmes de animación Buscando a Nemo (Finding Nemo, 2003) e O espantatiburóns (Shark Tale, 2004) inclúen personaxes cómicos encarnados por tiburóns brancos. Na primeira, o tiburón Bruce (clara referencia ao tiburón mecánico de Jaws) é vexetariano e asiste a unha especie de reunións para ex-carnívoros onde trata de desfacerse da súa adicción á inxesta de animais, pero sofre unha recaída ao sentir o cheiro do sangue na auga. Na segunda, os tiburóns son unha especie de mafiosos dos océanos dirixidos polo seu peculiar Padriño branco, Don Lino, aos que se enfronta o peixe protagonista, Óscar. A este axúdao á súa vez o tiburón Lenny, fillo de Don Lino e tamén vexetariano.

Aínda que obviamente baseadas en Tiburón, fixéronse outras películas con trama similar pero cambiando o tiburón branco por outras especies de tiburóns (tiburóns tigre, tiburóns touro ou marraxos) ou outros animais mariños (candorcas, barracudas etc.) ou fluviais (pirañas ou crocodilos) para atraeren ao público.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Gottfried M. D., Fordyce R. E. (2001): "An associated specimen of Carcharodon angustidens (Chondrichthyes, Lamnidae) from the Late Oligocene of New Zealand, with comments on Carcharodon interrelationships". Journal of Vertebrate Paleontology 21 (4): 730–739. [1]
  2. Rodríguez Solórzano et al. (1983), p. 34.
  3. Rodríguez Villanueva et al. (1992), p. 44.
  4. Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multiligüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 185.
  5. "The Great White Shark". The Enviro Facts Project. Arquivado dende o orixinal o 13/06/2009. Consultado o 26/11/2012.. 
  6. Lahuerta Mouriño e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 185.
  7. Giacomo Devoto e Gian Carlo Oli, Dizionario della lingua italiana, Firenze, Le Monnier, 1971.
  8. Bauchot, M. L. e Pras, A. (1982): Guía de de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0685-6, p. 38.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Rodríguez Villanueva, Op. cit.
  10. Ellis e McCosker (1991).
  11. 11,0 11,1 "Great White Shark Recorded Sizes". JAWSHARK. Consultado o 26/11/2012.. 
  12. "The Great White Way". Los Angeles Times. Consultado o 26/11/2012.. 
  13. "South Africa - Australia - South Africa". White Shark Trust. 
  14. Kevin, G. N; Charles, N. C. e Gregory A. W. (2006): "Tracing the ancestry of the great white shark". Journal of Vertebrate Paleontology 26 (4):806–814. Copia en PDF Arquivado 14 de outubro de 2013 en Wayback Machine.. Consultada o 26/11/2012.
  15. Fergusson, I., Compagno, L. e Marks, M. (2000): Carcharodon carcharias en IUCN Red List of Threatened Species, Vers. 2009.1. (en inglés) Consultada o 26/11/2012.
  16. "Shark Images from Douglas J. Long, UCMP". Arquivado dende o orixinal o 15 de novembro de 2012. Consultado o 27 de novembro de 2012. 
  17. [2]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Compagno, Leonard; Marc Dando & Sarah Fowler (2005): Sharks of the World. New Jersey: Princeton University Press. ISBN 0-691-12072-2.
  • Ellis, Richard e John E. McCosker (1991): The Great White Shark. Stanford University Press. ISBN 978-0-8047-2529-3.
  • Moreno, Juan A. (2004): Guía de los tiburones de aguas ibéricas, Atlántico nororiental y Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 978-84-282-1367-7.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (I) Lampreas raias e tiburóns. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]