Torpedo (arma)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Torpedo no exterior do Museu do Expedicionário.
Curitiba, Estado do Paraná, Brasil.

Un torpedo moderno é un proxectil autopropulsado que se despraza por debaixo da auga estando deseñado para detonar na proximidade ou en contacto cun obxectivo.[1]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A palabra torpedo é de orixe latina. En tempos do Imperio romano, o torpedo era o nome de certos peixes capaces de causar choques eléctricos para defendérense, como o peixe gato da conca do Nilo ou a raia eléctrica, tamén chamada 'peixe torpedo'.[2] Como eses choques podían deixar atontadas ás súas vítimas, xurdiu no propio latín a nova palabra torpedo co sentido de 'aparvamento' ou 'entorpecemento', derivada do verbo torpere 'agarrotarse', 'quedar paralizado'.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

A principios do século XIX denominábase torpedo a calquera artefacto explosivo mariño, destinado a afundir un barco; eran cargas explosivas estáticas. O seu inventor foi o estadounidense Robert Fulton, que desenvolveu un artefacto mecánico que estalaba ao facer contacto cun barco, e ao que chamou torpedo, porque lle recordaba aos peixes do mesmo nome (os torpediniformes).[3] Actualmente estes artefactos son as denominadas minas mariñas e foron moi utilizadas a partir da Guerra de Secesión.

Pero foi o enxeñeiro británico Robert Whitehead quen inventou o torpedo como arma con movemento propio, impulsado por un dispositivo de aire comprimido que lle permitía desprazarse a sete quilómetros por hora.

A utilización de torpedos incentivou o desenvolvemento dun novo tipo de embarcación lixeira para o seu uso, que se coñece como lancha torpedeira.

Torpedos actuais[editar | editar a fonte]

Lanzamento dun torpedo lixeiro Mark-46 desde un tubo lanzatorpedos dun buque de guerra.

Un torpedo actual, como o Mark-48, contén o equivalente a 550 kg de TNT.

Este explosivo ve maximizado o seu efecto cando o artefacto estala baixo a quilla do obxectivo, en lugar de golpealo lateralmente.

Cando a detonación ocorre baixo a quilla, a onda de presión resultante eleva o navío, e pode romper a súa quilla no proceso.

Cando o navío descende novamente, recibe novos efectos destrutivos cando a explosión en si mesma atravesa a área previamente danada.

O efecto destrutor combinado adoita partir pola metade obxectivos pequenos, e danar severamente buques de máis desprazamento.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. torpedo, 2ª acep., no dicionario da RAG.
  2. torpedo, 1ª acep., no dicionario da RAG.
  3. 3,0 3,1 torpedo en elcastellano.org (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]