Branquia
As branquias [1] son os órganos respiratorios de numerosos animais acuáticos, mediante os cales extraen o osíxeno (O2) disolvido na auga e transfiren a esta o dióxido de carbono (CO2).
Os animais acuáticos dotados de branquias captan o O2 que se encontra disolvido na auga, o cal pasa aos fluídos internos (sangue, linfa etc.) e é transportado aos tecidos, onde as células requíreno para a respiración celular, proceso que se realiza en orgánulos celulares denominados mitocondrias. Como resultado da respiración celular prodúcese CO2, o cal debe ser eliminado para evitar a intoxicación do medio interno.
Os animais máis pequenos e de menor taxa metabólica realizan o intercambio de gases pola superficie corporal. Pero os máis grandes necesitan unha superficie de intercambio máis extensa, para o que adquiriron no curso da evolución estruturas especializadas, as branquias. Para favorecer o intercambio, a circulación de fluídos está sempre especialmente organizada nestes órganos, incluso naqueles animais que carecen dun sistema vascular desenvolvido, como os moluscos.
Características
[editar | editar a fonte]As branquias son xeralmente finas placas ou excrecencias de tecido mucoso altamente irrigadas por vasos sanguíneos, ou o seu equivalente para os animais sen este tipo de sistema circulatorio, a través de cuxas paredes se realizan os intercambios gasosos. As galadas está sempre localizadas no corpo do animal de modo que teñan o máximo contacto coa auga e, ao mesmo tempo, quedar protexidas.[2]
Normalmente son órganos externos, a diferenza dos pulmóns ou as traqueas dos animais de vida aérea, porque os órganos en forma de cavidade complexa non son apropiados para o movemento intensivo dun líquido como a auga, de densidade moito maior que a do aire, e polo rozamento implicado. O intercambio eficaz de gases exixe un contacto sen barreiras entre as células epidérmicas da branquia e a auga circundante, o mesmo, por outra parte, que nos pulmóns, de forma que incluso en animais dotados de tegumentos reforzados, como a pel escamosa dos peixes, as branquias están sempre polo menos cubertas de tecidos brandos e fráxiles.
Anatomicamente as branquias preséntanse en dúas formas. A máis común é a de apéndices ramificados de gran superficie relativa. Así é como se presentan, por exemplo, en moluscos, anélidos e larvas acuáticas de salamandras e tritóns, ou nas larvas acuáticas de insectos. A outra forma é a que se observa no conxunto heteroxéneo de vertebrados acuáticos que se denomina peixes. Nestes as branquias son estruturas especializadas organizadas entre as fendeduras farínxeas, ou fendeduras branquiais, orificios que comunican lateralmente o tubo dixestivo co exterior. A auga que entra pola boca sae polas fendeduras, oxixenando o sangue que circula por vasos que percorren os tabiques situados entre elas (que son as branquias).
Nas dúas modalidades anatómicas as branquias poden quedar máis ou menos protexidas dentro dunha cavidade aberta pola que se fai circular a auga. É o caso, por exemplo, dos moluscos (cefalópodos, gasterópodos, bivalvos etc.) onde a cavidade paleal que contén as branquias intercambia auga co ambiente só a través de condutos chamados sifóns. Tamén é o caso dos peixes óseos, onde as branquias quedan protexidas externamente por unha extensión da parede corporal chamada opérculo. Nos elasmobranquios (raias e tiburóns), pola contra, as fendeduras branquiais son visíbeis externamente.
As branquias nos peixes
[editar | editar a fonte]Nos peixes óseos a auga é bombeada activamente, con movementos rítmicos, desde a cavidade bucofarínxea cara á cavidade situada debaixo do opérculo, pasando para iso entre as branquias. Dos tiburóns tense dito, pero agora sabemos que non é exacto, que se limitan a nadar coa boca aberta, de maneira que a auga flúe constantemente a través das branquias.[Cómpre referencia]
As branquias nos invertebrados e nas larvas dos anfibios
[editar | editar a fonte]Nos vertebrados e insectos con fases xuvenís acuáticas, como os anfibios e as efémeras, as larvas están equipadas con branquias, aínda que os adultos respiren por órganos aéreos.
Os insectos acuáticos —normalmente as súas larvas— as traqueas branquiais son tubos por onde circula o aire e a través das súas paredes realízanse os intercambios gasosos. Por exemplo, na larva da libélula as paredes da extremidade do recto conteñen numerosas traqueas, que funcionan como branquia rectal, onde a auga é bombeada para dentro e para fora do tubo dixestivo, subministrando así oxixeno ao animal.
Nas estrelas e ourizos de mar (equinodermos), as branquias son finas protuberancias na superficie do corpo que conteñen divertículos do seu sistema circulatorio. Nos crustáceos, moluscos e algúns insectos, as branquias están formadas por unha serie de placas ou de filamentos, dentro dos que circula a linfa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Outros nomes que se poden empegrar en galego para as branquias son galadas, galas, galaxas e guerlas.
- ↑ Lima, Fernanda Blauth de, Maria del Carmen Braccini, Alcira Ofélia Díaz, Clóvis Pinheiro Junior e Antônio Carlos Galarça Guimarães (2009): "Morfologia das brânquias de Steindachnerina brevipinna (Eigenmann & Eigenmann, 1889) (Characiformes, Curimatidae)" in Biotemas, 22 (1): 87-92. Consultada o 8/10/2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: branquias |