Piraña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As pirañas[1] son peixes fluviais caraciformes suramericanos carnívoros ou omnívoros[2] de afiados dentes e poderosas mandíbulas, que pertencen a varios xéneros da subfamilia Serrasalminae da familia dos Characidae [3] (ou para outros á súa familia propia, denominada Serrasalmidae[4]).

Taxonomía e evolución[editar | editar a fonte]

A clasificación das pirañas foi moi discutida e aínda non está clara. Algunhas autoridades clasifícanas na subfamilia Serrasalminae dentro da familia Characidae, que inclúe a outros peixes omnívoros ou herbívoros relacionados[5] como os pacús, pero outros autores elevan a subfamilia á categoría de familia co nome Sarrasalmidae.[4] Tradicionalmente, só os seguintes catro xéneros: Pristobrycon, Pygocentrus, Pygopristis e Serrasalmus, eran considerados verdadeiras pirañas, debido á especialización dos seus dentes. Porén unha recente análise xenética indicou que se o grupo das pirañas se quere manter como monofilético, debería ou ben restrinxirse só aos xéneros Serrasalmus, Pygocentrus e parte do Pristobrycon, ou ben expandilo para incluír ditos taxons xunto con Pygopristis, Catoprion e a especie Pristobrycon striolatus. Por outra parte, Pygopristis está máis emparentado con Catoprion que cos outros tres xéneros de pirañas.[4]

O número total de especies de pirañas non se coñece e é discutido, e estanse a describir novas especies. As estimacións van desde 30 a máis de 60 especies.[4]

Piraña en Venezuela, onde as pirañas reciben o nome de caribes.

Distribución[editar | editar a fonte]

As pirañas son nativas das cuncas dos ríos Amazonas, Orinoco, ríos das Güianas, e Paraguai-Paraná e São Francisco.

As pirañas de acuario foron introducidas sen éxito en partes dos Estados Unidos.[6] En moitos casos os informes de capturas de pirañas son unha confusión con pacús (por exemplo, o pacú Piaractus brachypomus é confundido con frecuencia coa piraña Pygocentrus nattereri).[7] Descubríronse pirañas no lago Kaptai do sueste de Bangladesh. Crese que algúns comerciantes de peixes exóticos sen escrúpulos os liberaron no lago. Tamén se descubriron no río Lijiang da China.[8]

Descrición[editar | editar a fonte]

Mandíbula de Pygocentrus nattereri

Tamaño[editar | editar a fonte]

As pirañas miden normalmente de 14 a 26 cm de longo, aínda que algúns espécimes chegan a 43 cm.[9]

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Serrasalmus, Pristobrycon, Pygocentrus e Pygopristis son doadamente recoñecibles pola súa dentición. Todas as pirañas teñen unha soa ringleira de afiados dentes en ambas as mandíbulas; os dentes están estreitamente empaquetados e as puntas encaixan, e úsanas para picar e cortar. Os dentes son triangulares, bicudos e con forma de coitela (de perfil plano). A variación no número de cúspides é menor; na maioría das especies os dentes son tricúspides cunha cúspide central máis grande que fai que cada dente teña unha forma triangular. A excepción é Pygopristis, que ten dentes pentacúspides e a cúspide media só é lixeiramente maior que as outras cúspides.

Capacidade de morder[editar | editar a fonte]

As pirañas teñen unha das maiores forzas ao morder de todos os peixes óseos. En relación coa súa masa corporal, a piraña negra (Serrasalmus rhombeus) produce unha das trabadas máis fortes medidas en vertebrados. Esta trabada extremadamente poderosa é xerada polos seus grandes músculos mandibulares (adutor da mandíbula) que están inseridos preto da punta da mandíbula, o que lle dá á piraña unha vantaxe mecánica que favorece a produción de forza en lugar da rapidez. As fortes mandíbulas combinadas con dentes finamente serrados fan deles expertos en desgarrar carne.[10]

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

As pirañas teñen a reputación de ser voraces depredadores que cazan as súas presas en bancos. Porén, as investigacións modernas, que "empezaron coa premisa de que se reunían en bancos como un medio de cazar cooperativamente", descubriron que son peixes tímidos que forman bancos para a súa proección dos depredadores, como corvos mariños, caimáns e golfiños de río. As pirañas son "basicamente como peixes ordinarios con grandes dentes".[11]

As investigacións das especies Serrasalmus aff. brandtii e Pygocentrus nattereri no lago Viana, que se forma durante a estación húmida cando o río Pindare (un afluente do río Mearim) se desborda, mostraron que estas especies comen materia vexetal nalgunhas etapas da súa vida; non son, pois, especies estritamente carnívoras.[12]

As pirañas poñen os ovos en pozos escavados durante a época reprodutora e nadan arredor deles para protexelos. As crías ao eclosionaren aliméntanse de zooplancto, e cando medran o suficiente comen peixes pequenos.[13]

Relacións cos humanos[editar | editar a fonte]

Pescando pirañas no río Ucayali
Piraña á grella servida na Amazonia peruana
Pirañas fritidas servidas no pantanal brasileiro

Os dentes da piraña úsanse a miúdo para facer ferramentas e armas polas poboacións indíxenas. As pirañas son tamén unha comida moi consumida.

As pirañas poden comprarse para mantelas como mascotas nalgúns países, pero é ilegal noutros, como Estados Unidos[14] ou Filipinas.[15]

A piraña de acuario máis común é Pygocentrus nattereri. As pirañas poden comprarse adultas ou novas do tamaño dun polgar. É importante manter as pirañas Pygocentrus soas ou en grupos de catro ou máis, non en pares, xa que a agresión entre elas é común, e non permiten sobrevivir ás débiles. Non é rara que perdan un ollo debido ás agresións.

Ataques[editar | editar a fonte]

Non é habitual que ataquen ao ser humano, pero informouse de ataques con resultado de morte na cunca do Amazonas. Na cidade de Palmas, Tocantíns, informouse de 190 ataques de pirañas na primeira metade de 2007.[16] En 2011, unha serie de ataques no estado brasileiro de Piauí causou feridas a 100 persoas.[17] No estado de São Paulo, outro ataque no río Tietê causou 15 feridos.[18] En 2011, un mozo bébedo foi atacado e matado en Rosario del Yata, Bolivia.[19] En 2012, unha nena de 5 anos brasileira foi atacada e matada por un banco de P. nattereri.[20] Algúns ríos do Brasil teñen sinais de advertencia sobre a presenza de pirañas letais.[21] En 2013, 70 bañistas foron atacados na Arxentina.[22] E en 2015 unha nena de 6 anos morreu despois de ser atacada por pirañas cando o seu bote envorcou.[23]

Segundo un estudo feito en Suriname, os ataques de pirañas tenden a aumentar na estación seca cando a comida é relativamene escasa e os niveis de auga son máis baixos, facendo que haxa unha maior concentración de peixes na auga. Os ataques mortais son raros e a maioría dos ataques son pequenas mordedelas illadas nas extremidades, principalmente pés e mans. As salpicaduras aumentan a probabilidade de que as pirañas ataquen e os nenos son ás veces atacados por esa razón.

Reputación lendaria[editar | editar a fonte]

Hai moitas historias sobre pirañas, como que poden lacerar un corpo humano ou dunha vaca en segundos. Estas lendas refírese especificamente á piraña de barriga vermella Pygocentrus nattereri.[24] Unha falsidade común é que son atraídas polo sangue e son exclusivamente carnívoras.[25] Unha lenda brasileira di que as pirañas varren os ríos a alta velocidade e cando un rabaño de vacas cruza o río atacan á primeira vaca que entra na auga, o que permite que o resto do rabaño atravese indemne o río.[26] Estas lendas foron rexeitadas polas investigacións de Hélder Queiroz e Anne Magurran e publicadas en Biology Letters.[27] Non obstante, un estudo feito en Suriname atopou que as pirañas poden ocasionalmente atacar aos humanos, especialmente cando os niveis da auga son baixos.[28]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Piraña.
  2. BBC News Online (2 July 2007). "Piranha 'less deadly than feared'". Consultado o 2 July 2007. 
  3. Froese, Rainer, and Daniel Pauly, eds. (2006). "Characidae" in FishBase. Verxión de abril de 2006.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Freeman, Barbie; Nico, Leo G.; Osentoski, Matthew; Jelks, Howard L.; Collins, Timothy M. (2007). "Molecular systematics of Serrasalmidae: Deciphering the identities of piranha species and unraveling their evolutionary histories" (PDF). Zootaxa 1484 (4): 1–38. doi:10.1046/j.1439-0469.2000.384132.x. Consultado o 20 de xaneiro de 2017. Segundo Machado-Allison (1983, 1985) [as pirañas] comprenden un grupo monofilético dentro dos Serrasalminae, unha subfamilia dos Characidae que tamén inclúe os pacus. Algúns investigadores recentes aínda manteñen a subfamilia (Jégu 2003), mentres que outros recoñecen as pirañas e os seus parentes como unha familia distinta, os Serrasalmidae (Géry 1972, 1977; Reis 1998; Calcagnotto et al. 2005). 
  5. Black-finned Pacu Fish, Colossoma macropomum Profile with care, maintenance requirements and breeding information for your tropical fish. Badmanstropicalfish.com. Retrieved on 13 May 2012.
  6. Fahrenthold, David A. (29 de maio de 2005) In River of Many Aliens, Snakehead Looms as Threat, The Washington Post.
  7. Nico, L., Fuller, P. and Neilson, M. Piaractus brachypomus. USGS Nonindigenous Aquatic Species Database, Gainesville, FL. Revision Date: 23 August 2013
  8. "City cancels piranha bounty as other fish slaughtered". CNN.com Blogs. 13 July 2012. Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2012. Consultado o 20 de xaneiro de 2017. 
  9. "Pueblo Zoo Grant's Zebra". Pueblozoo.org. Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2013. Consultado o 4 de febreiro de 2013. 
  10. Grubich, Justin R.; Huskey, Steve; Crofts, Stephanie; Orti, Guillermo; Porto, Jorge (2012-12-20). "Mega-Bites: Extreme jaw forces of living and extinct piranhas (Serrasalmidae)". Scientific Reports 2. PMC 3526859. PMID 23259047. doi:10.1038/srep01009. 
  11. Red-Bellied Piranha Is Really Yellow New York Times (24 May 2003).
  12. Piorski, Nivaldo Magalhães; Alves, José de Ribamar Lima; Machado, Monica Rejany Barros; Correia, Maria Marlucia Ferreira (2005). "Alimentação e ecomorfologia de duas espécies de piranhas (Characiformes: Characidae) do lago de Viana, estado do Maranhão, Brasil". Acta Amazonica (en Portuguese) 35: 63. doi:10.1590/S0044-59672005000100010.  Lay summary
  13. Petrovický, Ivan (1989). Aquarium Fish of the World A Comprehensive Illustrative Guide to Over 500 Aquarium Fish. New York City: Arch Cape Press. p. 92. ISBN 9780517679036. 
  14. Geiger, Diana Pirahna as Pets – Exotic Pets. bellaonline.com
  15. 5 arrested for selling piranhas in Philippines Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.. Agence France-Presse. 12 March 2011
  16. "Palmas registra 190 ataques de piranhas desde janeiro". globo.com. 16 July 2007. 
  17. "Balneário no Piauí recebe 100 mil peixes para conter ataque de piranhas". br.noticias.yahoo.com. 12 September 2011. 
  18. "Ataque de piranhas deixa 15 feridos em 'prainha' no Rio Tietê". globo.com. 5 October 2009. 
  19. "Homem bêbado morre após ser atacado por piranhas na Bolívia". terra.com.br. 7 de decembro de 2011. 
  20. "Menina é atacada por piranhas e morre no Amazonas". tvuol.uol.com.br. 25 de outubro de 2012. 
  21. Martins, Kelly (16 November 2011). "Praia no Rio Paraguai tem quase um ataque de piranhas por dia em MT". globo.com. 
  22. Mintz, Zoe (26 de decembro de 2013) Piranha Attack In Argentina Injures More Than 70, Fish Tore ‘Bits Of Flesh’ Off Swimmers On Christmas. ibtimes.com
  23. http://www.dailymail.co.uk/news/article-2938059/Six-year-old-girl-dies-eaten-PIRANHAS-grandmother-s-canoe-capsizes.html
  24. "Piranhas vermelhas são medrosas e comem vegetais". EcoTerra Brasil. 2004. Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2011. Consultado o 20 de xaneiro de 2017. 
  25. "Experimentos provam que peixes se agrupam para defesa, não para ataque". Ciência Hoje. 9 de maio de 2005. Arquivado dende o orixinal o 06 de setembro de 2008. Consultado o 20 de xaneiro de 2017. 
  26. Gonçalves, Alfredo J. (10 de xullo de 2007). "Boi de Piranha". Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2014. Consultado o 20 de xaneiro de 2017. 
  27. Queiroz, Helder; Magurran, Anne E (2005). "Safety in numbers? Shoaling behaviour of the Amazonian red-bellied piranha". Biology Letters 1 (2): 155–7. PMC 1626212. PMID 17148153. doi:10.1098/rsbl.2004.0267. 
  28. Mol, Jan H. (2006). "Attacks on humans by the piranha Serrasalmus rhombeus in Suriname". Studies on Neotropical Fauna and Environment 41 (3): 189. doi:10.1080/01650520600630683.  lay summary Arquivado 15 de outubro de 2010 en Wayback Machine.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]